Se
non estivésemos en plena pandemia mundial e confinados en casa a
causa do Estado de Alerta que o goberno viuse obrigado a decretar, o
día 27 de marzo eu faría o meu primeiro solo de danza, a miña
primeira actuación en solitario e cunha coreografía que eu mesma
realicei pola miña conta, coa axuda do profesorado do Conservatorio
Profesional de Danza, en concreto co profesor de contemporáneo. Como
tivemos que aprazar a actuación e non sabemos cando poderei volver a
bailar gustaríame falar sobre o que o solo significaba para min e
sobre o que este quería expresar.
A
coreografía é unha peza de danza contemporánea coa canción de
Feeling
Good,
dunha magnífica cantante chamada Nina Simone. Cando eu escoitei esta
canción por primeira vez, non era capaz de imaxinar todo o que esta
significa nin todo o que chegaría a significar para min. O solo
naceu na miña casa, entre as paredes do meu cuarto, impulsado pola
sinuosa voz de Nina. Cada vez que bailo sinto a necesidade de
expresar algo, de esconder unha emoción en cada paso, e cando
escoitei con atención a letra desta canción deime
conta de que esta enviaba unha mensaxe clara e concisa, é un grito a
favor da liberdade. E é que a liberdade é un dos dereitos
inherentes do ser humano, un dos requisitos indispensables para
conformar a nosa personalidade e construírnos a nós mesmos. Isto
fíxome reflexionar, que sería de nós sen a liberdade? Que é para
min a liberdade? Para min a liberdade radica na independencia e na
autonomía, na capacidade de pensar diferente e de poder expresalo
sen medo a represalias. En poder ser nós mesmos, en falar na lingua
que nós mesmos escollemos, en amar a quen queiramos amar, en
transmitir as nosas opinións dende o respecto e a consideración,en
poder ter distintas crenzas relixiosas, pero sen permitir que estas
nos condicionen ata o punto de coartar a nosa liberdade individual,
na igualdade entre individuos, na ausencia de dominación duns sobre
outros, pero sobre todo en sentir que non somos escravos de ninguén
nin da sociedade, que somos persoas con xuízo e voz propia que
ninguén ten o dereito de silenciar.
Na
actualidade, por desgraza, en pleno século XXI hai moitas persoas
que non gozan desa liberdade. En países como Corea do Norte ou
Etiopía viólanse continuamente os dereitos humanos, restrinxindo a
liberdade de expresión e manifestación e castigando con dureza a
todo aquel que se posiciona contrario ao réxime. Sen ir máis lonxe,
é posible que eu fose sancionada e incluso engaiolada por escribir
estas liñas vivindo neses países. Neses lugares do mundo a
liberdade é nula, a prensa vese sometida aos intereses do réxime, e
a
arte censúrase para non permitir que a xente pense diferente. Hai
mulleres no mundo que non poden decidir nin con quen casan, persoas
que viven en condicións extremadamente precarias e non poden
protestar, presos cuxo único delito é pensar diferente e exiliados
que teñen que fuxir de países onde os seus dereitos son
inexistentes para as autoridades ou onde a guerra anula toda
a humanidade que quedaba nese lugar. E eu non podo evitar preguntarme
por que. Por que se seguen dando esas situacións?, a que lle teñen
medo as persoas que restrinxen a liberdade dos outros?, por que
permitimos que isto pase e miramos cara outro lado? Creo que o
problema está en que cando algo non nos toca de cerca facemos caso
omiso, que non entendemos que o mundo é de todos e que temos que
loitar para garantir a liberdade e os dereitos de todos nós.
Eu
síntome libre cando bailo, cando escribo, cando me
expreso;
e gustaríame que calquera persoa independentemente do país no que
vive puidese sentir esa liberdade que eu sinto porque é algo
insubstituíble e único.
Recordo
con moito cariño a primeira vez que bailei o solo enteiro. Nese
momento, deime
conta do que Feeling
Good
significa, do que sentirse ben significa. Para min sentirme ben é
sentirme libre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario