luns, 23 de marzo de 2020

A cultura da imaxe na sociedade, Andrea Ansede Varela, 4º ESO A

Na actualidade, a imaxe persoal converteuse nunha prioridade. Apenas somos conscientes da velocidade coa que os outros nos “catalogan”, para isto só fai falta unha pequena mirada para sacar conclusións sobre a outra persoa. 

Unha primeira impresión deixa unha pegada, que pode provocar que ás veces non haxa unha segunda oportunidade. En idades máis curtas, a imaxe persoal marca moito as amizades. Pero aos maiores permítelles conseguir un traballo ou non. 

Somos unha sociedade que busca a perfección e o que consideramos “normal”, pero eu pregúntome que é o normal? É vestir marca, ter o pelo arranxado…? Para min iso non é máis ca unha máscara. Hoxe en día a verdadeira personalidade, que, na miña opinión, é o que marca a unha persoa, non ten ningunha importancia. 

Este pensamento xorde do que coñecemos como estereotipos (esa imaxe preconcibida dalgún concepto do que consideramos común ), normalmente erróneos. Por exemplo, a imaxe que temos dun home e unha muller. Ás veces pregúntome como todos aceptamos esta idea da persoa ideal, pero facémolo porque aprendemos dende pequenos así. 

En conclusión, no século XXI a imaxe segue gañando con diferenza á personalidade. Aínda que avanzamos, seguimos catalogando as persoas por esa imaxe e con eses prexuízos e estereotipos que temos marcados. A sociedade, comeza a ser máis tolerante e discute o que consideramos “normal”. 

Como nova xeración, debemos valorar máis o que cada persoa ten no seu interior. Na vida o importante debe de ser o noso marabilloso interior e debemos aprender a valorar o que realmente é importante. 

 Andrea Ansede Varela 4º A

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO