domingo, 22 de marzo de 2020

A solidariedade, Alejandra Blas Menéndez (4º ESO A)

A solidariedade é o apoio incondicional a causas alleas, particularmente situacións comprometidas e difíciles. Este concepto é moi escoitado na actualidade, especialmente nestes días de crise na saúde global. 

Que é solidario? Está ben se só damos a coñecer a situación ou temos que participar activamente? Os actos solidarios xorden da moral ou da necesidade de recoñecemento social? Vivimos na era das redes sociais, onde moitas persoas pensan que cun acto de difusión sobre aquilo que lles parece relevante, pero que non lles afecta directamente, fan suficiente. De súpeto séntense con superioridade moral. Actos de pura hipocrisía.

Poño, por exemplo, a situación actual, agora que o mundo está infectado do coronavirus. Para a xente nova o virus non resultará letal. Dá isto dereito aos mozos a saír á rúa e facer vida normal? Recordemos que se contraen o virus poderían contaxialo a grupos de risco e ocasionar a morte. O único que se nos pide é permanecer na casa para evitar mortes. Non debería a conciencia ser suficiente para obedecer? Por que ten que intervir a lei? Non é curioso que a xente que incumpre a norma sexa a mesma que difunde nas redes #euquedonacasa? 

Isto lévame a unha reflexión sobre a actuación do home como ser social, precisamos os demais para a nosa felicidade e, ainda así, cómenos un individualismo feroz capaz de prexudicar toda a nosa contorna. Pode que o sentimento de solidariedade non sexa tan innato como tendemos a pensar.

Alejandra Blas Menéndez 4ºA

Ningún comentario:

Publicar un comentario