venres, 27 de marzo de 2020

Abusos policiais, Carlota Cacharrón Fernández (4º ESO B)

Fixen o outro día no meu perfil de Instagram, dunha forma un pouco espontánea, unha enquisa cun apartado para que os meus seguidores opinaran sobre a policía española e os abusos que se están a producir, sobretodo, nos tempos de coronavirus. 

Todo isto veu a raíz dun vídeo que se fixo viral no que dous membros da policía e máis tarde catro tiraban a un cidadán dunha moto debido ao seu incumprimento do estado de alarma. A miña enquisa contaba de dúas partes que, afortunadamente, tiveron bastante actividade e respostas. 

Na primeira parte pedía que se proporcionase unha opinión obxectiva sobre a policía e o sistema policial en España. Non quixen que se comparase con outros países e, sobre todo, con outros continentes debido a que, como é sabido, o sistema policial en, por exemplo, Latinoamérica é moito máis corrupto que aquí. 

A maioría de respostas foron negativas, os mozos, os principais herdeiros do futuro mundial, non confían na policía. Uns cantos aclaman que esta, que ten que ofrecer protección, non só non protexe, senón que ademais abusa dos cidadás que se encontran “indefensos” ante o seu poder e autoridade.

Houbo un comentario en especial que me chamou a atención, no que denominaba a policía como “marionetas do Estado”; desde a miña opinión, isto é verdade, pero penso que todos o somos aínda que eles máis directamente, xa que están en contacto directo coa sociedade e o público e teñen a responsabilidade de impartir as leis que crea o poder lexislativo (en resumidas contas: o Estado). 

Moi poucos afirman que fan o seu traballo correctamente e aínda que pedín, por favor, que non se comparase con outros sistemas policiais, compárano co latinoamericano. Persoalmente, paréceme que unha comparación é unha forma moi fácil de quitarlle negatividade ao que tes na casa. 

Outras opinións céntranse na súa efectividade (de forma negativa) indicando que a maioría das veces non realizan de manera correcta o seu traballo. A maioría de votantes que tiveron experiencias coa policía aseguran que foron tratados con soberbia e chulería por parte dos axentes e usan diversas formas despectivas que son empregadas para insultar ou denominar (depende de como o vexamos) a policía.

A outra parte da votación era unha pregunta de “si ou non”, a pregunta en cuestión era a seguinte: poderíase vivir sen policía. Un 75% dos usuarios votaron negativamente, mentres que o resto, votaron afirmativamente. Os mozos e mozas que habitan os nosos barrios saben ao 100% que a policía é necesaria. Entón, é isto contraditorio ou hipócrita? Déixovola para que a respondades vós e reflexionedes. 

Na miña humilde opinión, a policía é completamente necesaria, e por sorte, non toda fai mal o seu traballo pero, non se pode pedir aos mozos que vexan a policía dunha forma positiva se o que eles mesmos viven na rúa son situacións con policías soberbios que abusan do seu poder e presumen por levar unha placa e uniforme azul.

A pesar de estar falando de axentes de forma individualista, non ten moito sentido se os seus superiores permiten estes comportamentos e non só os seus superiores, senón incluso poderes maiores... É un tema bastante interesante, que ó meu parecer, non é moi visibilizado; aínda que parece que isto vai cambiando xa que nos últimos días e estanse a compartir e viralizar varios vídeos no que o traballo policial é máis que cuestionable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES