venres, 21 de maio de 2021

Carrusel de Berta Dávila, recensión literaria de Sara Sanz Fonta (1º BACH A)

Faláranme deste libro coma unha obra un tanto dura respecto ao contido, pero que adoita gustar a xente que, coma min, somos apaixonados da poesía, aínda que estea escrita en prosa. E dende logo cumpriu con todas as miñas expectativas, devoreino nunha soa tarde.

Na súa superficie o libro trata das vivencias dunha rapaza. Comeza presentándonos a protagonista, unha escritora bastante nova que padece neurose e que se atopa nun bloqueo creativo, perdendo o tempo diante do ordenador, tentando que as verbas saian dela dalgunha maneira. A medida que o libro avanza observamos como esta nos vai introducindo no seu propio relato autobiográfico, no que nos conduce por diferentes pasaxes e experiencias da súa vida, na súa maioría situacións algo amargas e difíciles. Ademais, cabe destacar a importancia que adquiren as personaxes e a descrición de imaxes e sucesos, sobre todo neste tipo de novelas nas que a historia non se rexe por un formato cronolóxico, nin pola clásica orde de presentación-nó-desenlace, senón que se busca afondar na psicoloxía da protagonista e darnos a coñecer aspectos dela durante o transcurso da obra. O libro contén unha estrutura complexa por ese mesmo motivo, polo que a principal constante deste son as personaxes.

Respecto á protagonista, ocorre un fenómeno que, ao meu parecer, é moi curioso. Berta Dávila consegue traspasar os límites da ficción, sacar a protagonista fóra do libro. Ao tratarse dunha novela autobiográfica que unha escritora ficticia está creando como forma de facer fronte a ese parón creativo, desdobra esta personaxe en dúas, por unha banda a escritora que narra as súas vivencias no libro e por outra a suposta personalidade externa á novela, insinuando ao lector que a protagonista existe, escribiu estas páxinas, viviu realmente os sucesos que está a narrar. Achega a sensación de que autor e narrador son a mesma persoa, dentro dun mesmo marco de ficción controlado pola escritora real, Berta Dávila. Ademais creo que é importante destacar que, malia que durante toda a obra imos coñecendo pinceladas da mente da protagonista, nunca se menciona o seu nome, restándolle importancia a aspectos tan triviais coma un simple nome e introducindo máis referencias cara a súa personalidade. Supoño tamén que o que a autora pretende expresar con isto é que as persoas non somos unhas cantas letras nun DNI, somos historias, matices e recordos.

Por outra parte, é interesante como a autora trata as personaxes secundarias. O que máis importancia adquire é o seu tío Carlos co cal a protagonista sente unha gran conexión, xa que este tamén padeceu neurose, aínda que con episodios máis severos que ao final o conducen á morte. O falecemento desta personaxe menciónase no primeiro capítulo e nos últimos e dalgunha maneira achega un sentido de unidade ou unha estrutura circular. Outra personaxe que tamén destaca pola súa importancia é a súa mellor amiga Natalia coa que comparte moitas experiencias ao longo da súa vida e da que coñecemos trazos da súa personalidade, como a súa afección aos crebacabezas ou que adoita fuxir das cousas que lle magoan. Esta tamén falece a causa dun tumor na cabeza, cara ao final da obra. Por último outra das personaxes que é importante sinalar na análise da obra é a súa avoa Úrsula, da cal só sabemos que tiña depresión e tamén falece. Decátome de que os personaxes que máis importancia teñen no desenvolvemento da novela son aquelas que xa non están, desta forma a protagonista quere preservalos mediante as palabras, “escribir unha novela sobre mortos” como lle di o seu tío Carlos.

O resto das personaxes son meramente simbólicas, non se menciona o seu nome e apenas lemos un bosquexo da súa personalidade. Por unha parte fala dos seus pais, da súa parella a cal simplemente menciona para poñer en contexto unha serie de imaxes que describe nalgún capítulo; e o seu fillo, o que ten máis importancia xa que ela sufrira un aborto o cal é o detonante dunha serie de episodios neuróticos que sofre despois. Para ela criar a un rapaz tras ter un aborto supón deixar atrás un trauma, pechar unha ferida.

Cada capítulo trata dun episodio diferente da vida da protagonista, incluso moitas veces mestúranse elementos ou recordos do presente con outros do pasado, absorbéndonos completamente na lectura.

Atopándose no presente, alude a recordos que ten co seu pai, a súa familia, o seu tío Carlos, ou a súa mellor amiga Natalia conformando unha visión confusa do tempo e do espazo. A autora rompe completamente coa orde cronolóxica sumíndonos nunha sucesión continuada de prolepses e analepses, pontes entre os seus recordos que nos debuxan unha idea da complexidade da súa mente.

Respecto ao espazo, é itinerante e cambiante. Principalmente a historia desenvolvese en Galicia, e tamén aparece a cidade de Lisboa varias veces. O espazo só cobra importancia cando funciona como engadido á descrición psicolóxica.

Sobre o estilo cabe destacar que se trata dunha novela breve, pero que inclúe unha linguaxe moi poética e emprega metáforas continuamente. Por exemplo, unha comparación moi recorrente é a que se establece entre as persoas e os números primos ou perfectos, ademais de que inclúe diversos termos matemáticos nun contexto poético xa que o seu tío Carlos era un apaixonado desta disciplina.

Por último, a propósito do tema, a novela trata principalmente das enfermidades mentais, en concreto busca introducirnos na mente dunha persoa que padece neurose, a cal caracterízase por unha sensación inexplicable de angustia, sentimentos intensos de culpabilidade ou inferioridade, e comportamentos compulsivos; entre moitos outros síntomas. Esta enfermidade mental, como case todas, ten diferentes graos e tipos como vese reflectido na propia novela. A familia da protagonista representa, por un lado o mundo das doenzas mentais en si mesmo e por outro o estigma que hai ante estas. As personaxes de Carlos e Úrsula representan a neurose no seu máximo grao e a depresión, respectivamente. Desta forma a escritora plasma diferentes tipos de particularidades neurolóxicas. Por outra parte os seus pais ou outros familiares que menciona superficialmente representan o tabú e o rexeitamento cara estas, xa que intentan facer como que descoñecen a realidade de enfermos mentais destes tres personaxes e camuflan as súas idas ao psiquiatra con eufemismos.

Porén, a autora decide non revelar a enfermidade da protagonista ata a metade da obra, aínda que si a insinúa ou suxire. Desta maneira, ao mesmo tempo que mantén a intriga consegue que a nosa visión da personaxe principal non se vexa mermada ou modificada ao saber da súa neurose, xa que habitualmente tendemos a xulgar aos enfermos mentais, poñerlle o nome da súa enfermidade e non ver que son persoas máis aló das súas doenzas, entender que malia que a súa enfermidade é un compoñente da súa personalidade, a súa forma de ser e actuar non depende soamente dela.

Na miña opinión, esta é unha novela que paga a pena ler. A maneira tan particular na que está escrita é como se estiveses lendo poesía en prosa e ao mesmo tempo condúceche polo universo mental dunha persoa cunha forma moi singular de percibir a realidade e os seus propios recordos, ao marxe da súa neurose. É unha novela curta, pero eu creo que a súa brevidade axústase perfectamente aos seus contidos e ao seu uso da linguaxe.

Berta Dávila demostra nesta lectura a súa madurez e o seu dominio da lírica, incluso nunha novela. Trátase dunha muller que aos seus 33 anos xa acadou varios premios, en concreto dous por esta novela. Ademais cultivou tanto novela como poesía. Sen dúbida augúrolle unha gran proxección a nivel nacional!

Berta Dávila invítanos a subirnos con ela ao carrusel, a mergullarnos nos recordos difusos desta embriagadora escritora, a dar voltas e voltas na súa memoria, perdendo a noción do tempo, do espazo e da cordura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES