luns, 18 de xaneiro de 2021

A dúbida de María Reimóndez, recensión crítica de Ariadna Alcalde Mahía (1º Bacharelato A)

A novela comeza coa chegada da policía á casa de Deli para deter o seu home, Vicente, acusado por abuso de menores. A situación déixaa completamente impactada, pero decide buscar repostas, sen escoller ningún bando, confiando en que se faga xustiza. Comeza a mirarse no espello, a observar o seu corpo e a pensar na súa relación con Vicente. A súa cabeza énchese de dúbidas que non quere apresurarse a responder. Agora moitos hábitos da parella cobran outra perspectiva, como o feito de que o seu marido leve anos sen tocala e non manteñan relacións sexuais, algo que antes percibía como o que ocorre normalmente nas parellas co paso do tempo, mais neste intre créalle inseguridade.

A noticia do suposto delito aparece rápido en todos os xornais debido a que Vicente forma parte dun partido político e ocupa o posto de concelleiro. Ao lela redactada na prensa, Deli descubre o nome da nena que fai a denuncia e decátase de que a coñece: Ana é a filla dos seus mellores amigos. Tanto Vicente como ela tiñan moi boa relación coa rapaza, sobre todo el. Coidábana dende que era pequena e ela desfrutaba moito xogando con Vicente. Este feito fai o proceso aínda máis difícil para Deli.

A autora, a través do narrador externo, pretende e consegue meternos nos pensamentos da protagonista e poñernos na súa pel. Ao longo da novela remárcase moito como Deli é xulgada polo feito de ser muller e polo seu aspecto físico, sendo moi importante a súa caracterización física de corpo miúdo. Ela a pesar de como é tratada pola policía, o presidente do partido ou os seus compañeiros de traballo do banco, móstrase valente a investigar pola súa conta se é necesario.

A novela non só trata o tema de abusos a menores, senón tamén a corrupción e mesmo a prostitución con moita claridade. Conta como moitas mulleres se encontran atrapadas nunha situación da que non é nada fácil saír, xa que ao contrario do que poida parecer, denunciar un caso como o que se relata é algo moi duro que leva consigo un proceso psicolóxico e xudicial moi complicado.

Sen dúbida, recomendaría esta novela e pareceríame boa idea que se propuxese como lectura en bacharelato. A narración e rápida e fácil de seguir, mantense a intriga ata o final. Gustoume moito a estrutura do libro, como cada punto do proceso polo que pasaba a protagonista formaba un capítulo, sendo estes curtos e concisos, e creando deste xeito un ambiente acorde á historia narrada. En conclusión, A dúbida de María Reimóndez é un libro que nos permite vivir a través de Deli un difícil proceso do que podemos obter unha gran aprendizaxe.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO