mércores, 20 de xaneiro de 2021

O sol do verán de Carlos Casares, recensión crítica de Susana González Aller (1º Bacharelato B)

O sol do verán é unha obra escrita polo autor ourensán Carlos Casares que viu a luz algo máis dun mes despois do pasamento do escritor. Carlos Casares, nado en Ourense e licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, baseou a súa vida na literatura galega, a crítica literaria e a política. O xénero literario máis cultivado pola súa parte foi a narrativa, aínda que tamén debemos destacar o seu traballo como columnista no xornal La Voz de Galicia. O sol do verán é unha das súas obras máis aclamadas e da que falarei nesta recensión.

Este libro cóntanos a bonita historia de amor e amizade entre dous rapaces, Carlos e Helena. Os dous son amigos dende a infancia e pasan a maioría dos seus veráns e aventuras xuntos nunha casa ambientada na vila de Beiro. Todo o argumento da obra xira en torno ao traumático feito ocorrido nese mesmo lugar, o suicidio de Carlos. Ao longo da novela imos atopándonos co choque entre as distintas fases da vida de ambos rapaces, unha vida na que comparten anécdotas que marcarán as súas personalidades e que desembocarán nun transcurso dos feitos do que non poderán escapar.

Toda a viaxe en coche que fai Helena xunto co seu marido Arturo ata a chegar á casa da súa nai para contarlle a noticia da morte de Carlos simboliza para min as fases polas que pasamos cando temos que aceptar a perda de alguén querido, máis coñecidas, como as fases do dó. Entre elas están a negación, a ira, a depresión... e finalmente a aceptación. Helena vai recordando unha a unha as últimas palabras que pronunciaran ela e máis Carlos a noite anterior, tentando centrarse no que puidera ter deixado pasar, nos xestos e expresións do seu gran amigo... antes de que ocorrera a gran traxedia.

Creo que este libro aborda dunha gran maneira o tema do suicidio dende o punto das vítimas ou danos colaterais que deixa polo camiño, como puido ser o caso de Helena e as persoas que máis coñecían e querían a Carlos. Todo ese traxecto que fai Helena mostra á perfección o difícil da superación dunha perda tan importante, unha perda que ás veces non se pode superar ou decidimos non superar para convivir con ela durante o resto das nosas vidas.

Recomendaría este libro, sen ningunha dúbida, a todos os rapaces e rapazas que busquen ideas para ler, porque ademais de contar dunha maneira tan persoal e cativadora a historia de Carlos e Helena, creo que tamén fai reflexionar sobre como debemos utilizar o noso tempo e dicir o que sentimos no momento no que o sentimos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VÍDEO LETICIA EIRÍN NA CAMPAÑA AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO

Velaquí tedes o vídeo de Leticia Eirín , profesora de Literatura na UDC e ex alumna do IES Monte das Moas que se suma á campaña de Aquí tamé...