domingo, 1 de novembro de 2020

A saúde mental, Águeda Millán Pena, 1º Bacharelato A

A saúde mental é un tabú nesta sociedade. Todos escoitamos ás persoas falar sobre as súas doenzas físicas como parte das súas conversas cotiás, mais estar (que non TER ou SER) con algún problema psicolóxico, en xeral avergóñanos, sentímonos débiles, incapaces... e ocultámolo a toda costa.

Se vas ao psicólogo ou pides axuda profesional (ou queres pedila) xa te tratan como a unha tola débil que non sabe controlar os seus pensamentos, “como fan todos”. A saúde mental defínese como un estado de benestar emocional, psíquico e social, e afecta á nosa forma de sentir e actuar, e determina a nosa interacción coa vida cotiá, pero non podemos pensar que é algo que se ten ou non. Podemos necesitar unha vía de escape, alguén para desafogarnos e non sentirnos mal polo que estamos pensando.

Moitas persoas son conscientes da súa enfermidade, e no instante de pedir axuda, chegan a sentirse culpables e avergoñadas. Isto pasa polo descoñecemento sobre todas as enfermidades mentais e os seus diferentes estereotipos.

En 2010, un estudo europeo ofrece o dato de que 164 millóns de persoas en Europa (38’2%) sufría de algún trastorno mental no momento do estudo. Non é algo tan pouco común para que haxa tanto descoñecemento.

Todos temos a unha persoa ao noso lado con algún problema de saúde mental, ou terémola, ou incluso podemos ser nós. É hora de prepararnos e avanzar, no coñecemento das enfermidades mentalis e a comprensión de quen as padecen. E, mentres as institucións traballan en mellorar estes niveis de atención: que podemos facer por nós, polos nosos amigos e familiares?

A eutanasia, Claudia Vidal Otero (1º Bacharelato A)

A eutanasia é a coñecida morte por piedade, é dicir, a finalización intencionada da vida dunha persoa que padece dunha enfermidade incurable ou terminal por petición da mesma. En España esta práctica aínda é ilegal, mais en diversas enquisas demostrouse que máis da metade da poboación (66%) está de acordo cunha morte asistida. 

A eutanasia en pacientes con enfermidades terminais, con permiso do paciente ou a familia pode aforrar unha morte dolorosa logo de semanas de sufrimento agónico por parte do doente ademais dunha vida en determinadas condicións que a fan indigna. 

Miles de doentes levan unha vida esperando a morte mentres agonizan, en contra da propia vontade, xa que a medicina busca todos os xeitos posibles para manter unha persoa viva o máis tempo posible, usando os medios que fagan falla. Unha persoa ten o dereito a decidir o que quere facer coa súa vida, e isto debería incluír a decisión de en que momento acabala en caso de enfermidades terminais, aforrando así sufrimento á propia familia (por ter que presenciar a dor do afectado), persoal médico e bens que se están utilizando para manter a persoas esperando pola súa morte que poderían ser usados en pacientes que si queren vivir. 

Tendo todo isto en conta, a eutanasia nunca deberá realizarse sen o consenso do paciente, ou a familia en caso de enfermidades que inhiban do raciocinio, tampouco sen a previa realización dun exame médico para verificar que, efectivamente non hai esperanza de recuperación.

A ética da xenética, Olga Fernández Marta (1º Bacharelato A)

Hai xa uns meses que se autorizou a modificación dos xenes de 40 embrións humanos no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge (IDIBELL). Esta e mais outras investigacións fannos dubidar sobre o progreso da xenética. Ata que punto é ético modificar as bases da herdanza humana?

Esta investigación ten como finalidade suprimir algúns xenes e estudar a súa función no desenvolvemento embrionario. O proxecto foi criticado por empregar embrións humanos en lugar de ratos. O motivo disto é que en investigacións anteriores, como a de Kathy Niakan no Instituto Francis Crick de Londres, quedou demostrado que os efectos do mesmo experimento eran diferentes en células humanas.

Este proxecto intenta descubrir “por que hai embrións que non seguen adiante” no útero das nais. Na práctica, o achado de marcadores xenéticos da viabilidade embrionaria podería axudar a mellorar os resultados das técnicas de reprodución asistida.

É maiormente aceptado que se fagan experimentos con embrións sempre que sexa en etapas temperás do desenvolvemento embrionario e despois sexan eliminados. A tecnoloxía de edición xenética non está lista para ser aplicada de forma segura. Un exemplo é o caso do experimento do científico chinés He Jiankui, no que naceron tres bebés modificados xeneticamente, e nos que se produciron numerosos erros.

É de suma importancia o avance cauteloso neste ámbito. Existe o risco de que estes procedementos fagan pospoñer aínda máis a definición de defecto xenético ata que todas as variantes xenéticas, excepto as máis necesarias, se consideren defectuosas e, polo tanto, necesiten ser reparadas. O resultado sería a creación do bebé de deseño, feito a medida, o que crearía unha sociedade de individuos iguais.

Poderíase concluír que sempre que sexa cun fin terapéutico e en etapas moi temperás do embrión é un avance positivo. Non hai por que evitar a toda costa que se modifique o xenoma de embrións humanos, pero si agardar a que non haxa riscos ao facelo.

A utilización de peles de animais para as prendas de vestir, Marta González Raña, 1º Bacharelato B

Hoxe en día en Europa encontránse en total 6.000 granxas de animais cuxas peles se utilizan para fabricar prendas de roupa. Un 70% é de pel de visón e un 63% de raposo. E o maior exportador de peles de animais e Estados Unidos, pero é necesaria a utilización de peles de animais para poder vestirnos?

Estes animais que son cazados dos seus medios vitais, e as súas condicións de vida son desastrosas, xa que ou permanecen illados ou permanecen nunhas gaiolas métalicas estreitas. Os animais que están nas xaulas acaban estresados e automutílanse. Como o que importa é a súa pel danlles alimentos especiais e fanlle os coidados necesarios para que o produto estea en perfecto estado. Se un destes animais está ferido e non lle afecta á súa pel déixano morrer. Cando alcanzan as medidas que son favorables son asasinados e para que non lle afecte á pel son gaseados ou electrocutados. Na actualidade na China a estes quítanlle a pel cando están vivos e en sitios públicos como mercados ou feiras de peles.

Hoxe en día hai moitas outras opcións como o algodón, o liño ou os tecidos sintéticos. E para o frío existe o forro polar e a microfibra, entre outros. En conclusión, podemos utilizar outro tipo de material para vestirnos que non sexa pel de animal, e así aforrar un sufrimento a uns seres vivos que, se non existisen, estas granxas poderían vivir no seu hábitat naturais.

Canto de problemáticos son os videoxogos? Christian Martínez Pardo, 1º Bacharelato B

Os videoxogos cada vez van adquirindo maior importancia nas nosas vidas. Penso que todos estaremos de acordo con esta afirmación. Xa non é tan só a distracción e a forma de entreter a un grupo de persoas, senón que, por exemplo, o creador da, inolvidable para moitos de nós, Nintendo DS, Shigeru Miyamoto opina isto: “Os videoxogos fannos máis felices e fannos mellores".

A pesar disto, son moitas as persoas de diferentes sectores que non apoian esta afirmación. Por iso catalogan os videoxogos de prexudiciais e non dubidan en dicir que empeoran a infancia dos máis pequenos e a súa educación. E iso é unha mentira. E por que? Os videoxogos estimulan unha parte do noso cerebro, melloran a rapidez mental nos rapaces. O punto malo deste tema é que poden ser adictivos coma todas as outras formas de ocio. Se os pais non prestan a atención necesaria a un rapaz como necesita, pódelle causar danos xogar este tipo de videoxogos dirixidos aos maiores de 18 anos.

En definitiva, as innovacións son o pan de cada día e axúdannos na nosa vida cotiá. Os videoxogos son una innovación importantísima que cada día achegan novidades que nun futuro próximo nos darán agradables sorpresas. Polo tanto, debemos quitarnos a idea de que estes xogos so están destinados para unha parte da sociedade.

Para rematar unha frase moi importante e que resume moito a vida dos videoxogos é que Os videoxogos hai tempo que chegaron e fixérono para quedarse”



Na tauromaquia, o touro non sofre? Patricia Mena Cruz, 1º Bacharelato B

A tauromaquia é unha práctica moi común en España dende hai moitos anos. Esta actividade consiste en manter unha especie de pelexa co animal, para enfurecelo e así os toureiros mostrar as súas destrezas e rematar co seu asasinato, pero realmente, o touro sofre?

En primeiro lugar, non deberiamos recoñecer como parte da cultura española o asasinato dos touros, xa que aínda que os toureiros tenten ensinar ao público as súas destrezas, o que están facendo en realidade é maltratar o animal e facelo sufrir ata que finalmente morre. Por outra parte, os mesmos toureiros expóñense a poder ser feridos, debido a que a cornada dun touro pode atravesarche e quitarche desta maneira a vida.

Transcorrido un tempo dende que empeza a corrida, os toureiros vanlle cravando as "banderillas" aos touros (son unhas especies de lanzas que avivan aos touros para que se poñan máis furiosos e así pelexen máis) e este ao principio avívase, pero cando pasa un tempo van perdendo enerxía, xa que van perdendo sangue e isto fai que se debiliten, ata que finalmente morren. Por consecuencia de todo isto os touros non teñen unha morte digna, porque van morrendo pouco a pouco.

A maior parte da xente nova en España opina que a tauromaquia non debería ser cultura nin aquí nin en ningún outro país. A maoría das persoas que a apoian son vellas, polo tanto é moi difícil cambiarlles os seus pensamentos sobre isto e conciencialos de que non é unha arte.


Arte contaxiada, Sara Sanz Fonta, 1º Bacharelato A


Onde queda a arte nun mundo que se volve un pouco máis tolo a cada día que pasa? Que sucede cos artistas en plena pandemia? É a arte algo de primeira necesidade ou algo prescindible? É inevitable facerse todas estas preguntas no momento no que nos atopamos, sobre todo cando parece que o mundo deixa nun segundo plano a algo que eu considero fundamental, a cultura, a arte. 

Estamos esquecéndonos dun sector que foi esencial durante os meses confinados, xa que na corentena viviamos a base de cultura, de series, películas e música, entre outros. Moitos reinventáronse, innovaron e fixeron arte a partir desa situación, creando algo co que nos puidésemos entreter nos nosos fogares. Aínda así, cando rematou o confinamento, a precariedade na que se atopaban estes artistas parecía que se ía solucionar, pero mantívose, deixando a moitos nun limbo inestable e sen a posibilidade de subirse a un escenario e facer espectáculos en vivo, que para moitos é a súa principal fonte de ganancias á parte da súa paixón. 

Como pode ser que nun país coma España, con tanta variedade e calidade artística, brindemos tan pouco apoio a esta industria? Moitos músicos víanse sen a posibilidade de actuar pero aínda así celebrábanse partidos de fútbol e corridas de touros, cunhas condiciones sanitarias que facilmente poderían usarse para os concertos ou actuacións en vivo. 

Coa segunda quenda de contaxios o sector artístico volve caer sen sequera recuperarse da anterior e a situación é cada vez máis crítica. É certo que estamos nunha pandemia, polo que a saúde pública é primordial; pero non podemos esquecernos e subestimar as persoas que nos devolven a humanidade nunha situación coma esta, os artistas.