Mónica estudou nun instituto coruñés, e desde os 12 xa sabía o que ela quería ser, científica. Sempre o tivo moi claro e non dubidou á hora de ir á universidade. Cursou a carreira de Bioloxía na Universidade da Coruña, pero ao rematar non atopou traballo.
Grazas á súa nai comezou a traballar no CHUAC analizando e preparando mostras de urina. Mónica estaba moi entusiasmada por esa oportunidade, mais ela quería traballar co VIH. Máis adiante comezou a traballar no hospital nun proxecto do xenoma humano.
Realizou máis traballos no hospital ata que conseguiu unha bolsa para ir a Nottingham.No Reino Unido traballou en proxectos sobre a comunicación entre bacterias e centrouse especificamente na Pseudomonas aeruginosa e como podían empregarse en terapias.
Pasado un tempo marchou a Ecuador para centrarse nos seus intereses, onde traballou como profesora en Riobamba e Quito. Centrouse na resistencia antimicrobiana, e ao mesmo tempo deu clases na universidade e viaxou ao longo de Ecuador divulgando ciencia. Pero decidiu pasado un tempo que se trasladaría aos Estados Unidos para centrarse no que ela quería, como frear a resistencia antimicrobiana.
A día de hoxe Mónica traballa como profesora de Microbioloxía e Inmunoloxía na Universidade de Luisiana, realizando proxectos no laboratorio sobre os microorganismos e a súa resistencia aos antibióticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario