xoves, 26 de marzo de 2020

FAROS DE GALICIA: Faro de Fisterra, Noa Sande Trillo (2º ESO B)

O escándalo da doazón do rei emérito, Aitor Vigo Cruz (4 ESO C)


Como xa sabedes, o rei emérito recibiu unha doazón do rei de Arabia Saudí de 100 millóns de dólares supostamente como comisión pola concesión a empresas españolas das obras do AVE á Meca. 

Esta comisión recibiuna cando aínda era rei, e polo tanto inviolable. A fiscalía Suíza leva tempo investigando a posible existencia de corrupción nesta transferencia que se fixo a unha fundación panameña chamada Lucum, e que está vinculada ao rei emérito. O 14 de marzo de 2020 “The Telegraph”, un diario británico, revelou que o rei Felipe VI aparecía como segundo beneficiario desta fundación nun paraíso fiscal.

Felipe VI, a pesar de saber dende un ano da existencia desta fundación, comunica o 14 de marzo, un día despois de que se fixera público, que renuncia á herdanza do seu pai, e que ademais lle retira a súa asignación con cargo aos Orzamentos do Estado. Desta maneira intenta lavar a súa imaxe e a da casa real.
Felipe VI non pode renunciar á herdanza porque o Código Civil o prohibe ata que ten lugar a morte da persoa que lega. Ademais, parte da herdanza que recibe do rei emérito é precisamente ser rei. Entón, Felipe VI está renunciando ao trono?
Xa estamos en pleno século XXI. Os reis, as raíñas, os príncipes e as princesas están mellor nos contos que na realidade. Xa vai sendo hora de instaurar unha república.
Aitor Vigo Cruz

Feeling good, Sara Sanz Fonta (4º ESO A)


Se non estivésemos en plena pandemia mundial e confinados en casa a causa do Estado de Alerta que o goberno viuse obrigado a decretar, o día 27 de marzo eu faría o meu primeiro solo de danza, a miña primeira actuación en solitario e cunha coreografía que eu mesma realicei pola miña conta, coa axuda do profesorado do Conservatorio Profesional de Danza, en concreto co profesor de contemporáneo. Como tivemos que aprazar a actuación e non sabemos cando poderei volver a bailar gustaríame falar sobre o que o solo significaba para min e sobre o que este quería expresar.
A coreografía é unha peza de danza contemporánea coa canción de Feeling Good, dunha magnífica cantante chamada Nina Simone. Cando eu escoitei esta canción por primeira vez, non era capaz de imaxinar todo o que esta significa nin todo o que chegaría a significar para min. O solo naceu na miña casa, entre as paredes do meu cuarto, impulsado pola sinuosa voz de Nina. Cada vez que bailo sinto a necesidade de expresar algo, de esconder unha emoción en cada paso, e cando escoitei con atención a letra desta canción deime conta de que esta enviaba unha mensaxe clara e concisa, é un grito a favor da liberdade. E é que a liberdade é un dos dereitos inherentes do ser humano, un dos requisitos indispensables para conformar a nosa personalidade e construírnos a nós mesmos. Isto fíxome reflexionar, que sería de nós sen a liberdade? Que é para min a liberdade? Para min a liberdade radica na independencia e na autonomía, na capacidade de pensar diferente e de poder expresalo sen medo a represalias. En poder ser nós mesmos, en falar na lingua que nós mesmos escollemos, en amar a quen queiramos amar, en transmitir as nosas opinións dende o respecto e a consideración,en poder ter distintas crenzas relixiosas, pero sen permitir que estas nos condicionen ata o punto de coartar a nosa liberdade individual, na igualdade entre individuos, na ausencia de dominación duns sobre outros, pero sobre todo en sentir que non somos escravos de ninguén nin da sociedade, que somos persoas con xuízo e voz propia que ninguén ten o dereito de silenciar.
Na actualidade, por desgraza, en pleno século XXI hai moitas persoas que non gozan desa liberdade. En países como Corea do Norte ou Etiopía viólanse continuamente os dereitos humanos, restrinxindo a liberdade de expresión e manifestación e castigando con dureza a todo aquel que se posiciona contrario ao réxime. Sen ir máis lonxe, é posible que eu fose sancionada e incluso engaiolada por escribir estas liñas vivindo neses países. Neses lugares do mundo a liberdade é nula, a prensa vese sometida aos intereses do réxime, e a arte censúrase para non permitir que a xente pense diferente. Hai mulleres no mundo que non poden decidir nin con quen casan, persoas que viven en condicións extremadamente precarias e non poden protestar, presos cuxo único delito é pensar diferente e exiliados que teñen que fuxir de países onde os seus dereitos son inexistentes para as autoridades ou onde a guerra anula toda a humanidade que quedaba nese lugar. E eu non podo evitar preguntarme por que. Por que se seguen dando esas situacións?, a que lle teñen medo as persoas que restrinxen a liberdade dos outros?, por que permitimos que isto pase e miramos cara outro lado? Creo que o problema está en que cando algo non nos toca de cerca facemos caso omiso, que non entendemos que o mundo é de todos e que temos que loitar para garantir a liberdade e os dereitos de todos nós.
Eu síntome libre cando bailo, cando escribo, cando me expreso; e gustaríame que calquera persoa independentemente do país no que vive puidese sentir esa liberdade que eu sinto porque é algo insubstituíble e único.
Recordo con moito cariño a primeira vez que bailei o solo enteiro. Nese momento, deime conta do que Feeling Good significa, do que sentirse ben significa. Para min sentirme ben é sentirme libre.


Sara Sanz Fonta, 4ºA

FAROS DE GALICIA: Faro de Fisterra, Lucía Yu Lorenzo Castañeda (2º ESO E)

FAROS DE GALICIA: Cabo Vilán, Greta González Mancebo (2º ESO E)

FAROS DE GALICIA: Faro de Cabo Vilán, Daniel Varela Cacharrón (2º ESO B)

O quecemento global, Ainhoa Mosteiro Lago (4º ESO B)


O quecemento global é un dos temas máis repetido nos últimos anos, seguramente xa o teredes escoitado tanto na tele coma nas redes ou no xornal, aínda que non se lle está dedicando tanto tempo como debería e, ao non se lle dar tanta importancia, moita xente pensa que non é tan grave como é en realidade.



O primeiro punto a ter en conta é o concepto tan simple como que este mundo é o único que temos e hai que coidalo. Aínda que ás veces pensemos que por algunha vez que non fagamos as cousas ben non vai pasar nada, non é así xa que haberá máis xente que pense igual e dunha persoa que ía facer as cousas mal pasan a milleiros de persoas. Todo isto terá un impacto, así que a primeira conclusión é que hai que ser responsables e todo o conscientes que podamos.



O segundo punto fai referencia ao futuro. Este tema non ven de hai un ou dous anos, non. Este tema leva connosco bastantes anos máis e agora é cando nos estamos dando de conta, imaxinádevos dentro duns anos. Xa hai estudos que din, por exemplo, que os polos van quedar derretidos, morrendo moitos animais e facendo que moitas casas preto do mar queden destrozadas polo aumento de auga do mar, tendo que mudarse ao interior.



A conclusión é que miremos a longo prazo, como lles deixaremos o mundo aos nosos fillos? Dádevos conta que estamos en inverno e fai unha temperatura de xullo. Xa hai moitas charlas que falan sobre isto, así que solo queda que nos sigamos informando e que sexamos responsables axudando ao noso planeta.



Ainhoa.







RECEITAS DE COZINHA EM PORTUGUÊS

O alunado de 2º da ESO de Português desenhou estas cartolinas com receitas tradicionais aprendidas de mães e avós que vão estar expostas no ...