A posibilidade de abarcar
tantas emocións en sete letras.
Recordo que cando era cativa
nin sequera entendía o significado desta palabra, pero supoño que
había moitas outras cousas que non chegaba a comprender.
E é que para asimilar o
significado desta palabra, que de primeiras semellaba un conxunto
inconexo de letras, precisaba vivir, vivir e medrar, medrar e
apegarme a moitos sentimentos que nin sequera chegara a experimentar.
Cando vas medrando comezas a
sentir a necesidade de formar parte de algo, de construírte, de
aferrarte a aquilo que nos contaxia de tranquilidade porque moitas
veces o risco produce demasiada vertixe; e é entón cando aparece a
morriña.
So o galego foi capaz de
atopar unha soa verba tan precisa, e ao mesmo tempo ambigua, como a
palabra morriña; e estou orgullosa de pertencer a unha cultura e a
un pobo con palabras tan fermosas como esta.
A morriña é unha emoción
inherente do ser humano e difícil de explicar, xa que cada persoa a
experimenta dunha maneira diferente.
Para min a morriña é
sinónimo de temor, temor por estar moi preto de ningures e demasiado
lonxe da miña terra, medo por botar de menos aos meus e ás veces
incluso a min mesma, melancolía ao rememorar momentos que non vou
volver experimentar pero que quedarán para sempre entre os meus
recordos.
Pero se algo positivo ten a
morriña é que nos ensina a valorar o que temos, a decatarnos do que
é realmente importante e aproveitalo ao máximo; a estar orgullosos
do que é noso e a preservalo no tempo e en nós mesmos.
A morriña é algo inevitable,
ineludible, pero cando aparece eu teño a certeza de que aquilo que
me produce ese singular sentimento está en min, nalgunha parte do
meu interior, que son como as raíces firmes dunha árbore que por
moito que se eleve cara o ceo sempre terá unha parte aferrada ao
lugar onde naceu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario