Esta historia comeza un día no que a profesora de galego nos propuxo como traballo da avaliación falar galego durante 21 días e contar a nosa experiencia. Teño que admitir que ao comezo non pensaba que o fose lograr, de feito os primeiros días só falaba galego na clase porque todos os meus compañeiros estaban a facer o reto tamén e nos resultaba divertido. Mais co paso dos días dinme de conta que o paso do castelán ao galego non resultaba tan complicado, pois xa estaba medianamente afeita a falar galego cos meus avós e outros membros da familia, así que decidín estendelo aos demais ámbitos da miña vida. E foi ese día o que contei como día un para o comezo do reto.
Os primeiros días foron sen dúbida os mellores. Aínda que notaba que o meu galego non era de todo fluído e que incluía bastantes castelanismos, vía que cada vez me resultaba máis natural e que xa me ía acostumando a falar da miña vida cotiá sen ningún problema. Diría que foi a partir do cuarto ou quinto día cando empecei a atopar dificultades, sobre todo na miña casa. Como xa levabamos uns días falando o galego na escola, esa parte leveina ben e xa se converteu nun hábito. Algo parecido sentín cos meus pais, pois para non estar cambiando de lingua todo o rato e acabar falando castrapo, decidiron axudarme no reto e falar galego comigo tamén, o que foi xenial e me axudou moito a non esquecelo por completo.
O problema veu cando non estabamos nunha conversa calmada sobre a nosa vida. Deime conta de que discutir nunha lingua que non é a túa natural é imposible. Nese momento comprendín que o que realmente estaba facendo era traducir as miñas palabras do castelán, e ao ter que pensar e falar ao mesmo tempo, non era capaz de procesar todo e remataba falando castelán. Aquí quero engadir que, ademais de ver que as miñas competencias en galego non eran tan extraordinarias como eu pensaba, entendín que a maior parte das veces falo sen pensar antes o que vou dicir, porque se o fixera si me daría tempo a traducir as cousas e dicir o mesmo pero na outra lingua.
Outro inconveniente a destacar sobre discutir nunha lingua que non é a que adoitas usar, é que a outra persoa non te toma en serio. Na miña experiencia persoal, sempre remataban por dicirme “deixa o reto ese un momento que estamos a falar de algo importante”, e claro, eu pensaba, a caso por falar galego non estou a falar en serio? Agora, despois de reflexionar sobre iso, reparo no que se referían, porque ao dirixirte a outra persoa dunha forma que non é a habitual en ti, pensan que estás máis pendente de falar dese xeito e non do que che din.
Un dos obstáculos máis complicados de superar para min foi a vergoña. Esta sensación apareceu cando comecei a quedar con xente que non era do instituto nin da miña familia, é dicir, que non sabía nada do reto. Cada vez que me atopaba con alguén tiña que explicarlle porque, de súpeto, decidira cambiar ao galego, cousa que me cansou moi rapidamente e que tampouco entendín demasiado porque un día podería decidir falar galego e non tería porque ter unha explicación. Pero esta parte tamén tivo un lado positivo, pois vin que a maior parte da xente, en vez de responder en castelán, falaba tamén en galego como algo moi natural, cousa que non esperaba nun primeiro momento.
A partir das dúas semanas aproximadamente foi cando notei a maior mellora. Xa non atopaba tantos impedimentos pola miña parte e tampouco pola xente do meu redor, o que me permitiu falar máis natural e sentirme máis galego-falante. A maiores notei que non me resultaban xa necesarios eses descansos dunha hora que facía pola noite onde falaba castelán para non forzarme tanto. Incluso vin que xa pensaba a maior parte do tempo en galego, cousa que me sorprendeu moi gratamente pois ata entón eses eran os meus descansos mentais onde me permitía ser castelán-pensante. E este foi tamén o momento no que observei que non me tiña que erguer pola mañá co primeiro pensamento de “reto de galego”, senón que xa o vía como algo propio do meu día.
E finalmente pasaron as tres semanas e con elas o primeiro reto que conseguía cumprir na miña vida. Sentinme orgullosa de min mesma por non deixarme levar polas veces que pensei en deixalo a medias, e tamén porque neses días reflexionei profundamente sobre a capacidade que temos as persoas que nos criamos en dúas linguas diferentes para cambiar dunha a outra e afacernos a usala en todos os ámbitos da nosa vida nun curto período de tempo.
Como conclusión, creo que ser neofalante, aínda que sexa só por 21 días, é algo que todos deberíamos probar. Facendo isto decateime de que a única dificultade que temos nós para falar galego é que a xente do noso redor non o fala, e como proba disto poño a miña propia experiencia, pois practicamente ninguén da clase o usaba no seu día a día, e cando uns decidiron facelo, nos unimos todos sen dubidalo. Penso que esta especie de experimento debería facer reflexionar, especialmente ao ámbito da educación, sobre como se están a ensinar as linguas, pois se o que queremos é igualar o uso do galego ao do castelán e acabar coa diglosia, o que debemos facer é estimular a fala, non o estudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario