xoves, 24 de xuño de 2021

Análise literaria do poema Pra a Habana de Rosalía de Castro, Ariadna Alcalde Mahía (1º Bach A)

PRA A HABANA! (V) 

Esta composición é a parte V do primeiro poema do Libro V (“Viúdas dos vivos e viúdas dos mortos”) de Follas Novas, o segundo libro de Rosalía de Castro, que foi publicado en 1880, e un dos máis importantes dos publicados durante o Rexurdimento. 

Os poemas que forman Follas Novas móvense nun amplo rexistro que vai dende o intimismo radical ata a denuncia social, desde o costumismo ata a angustia existencial, desde a reflexión relixiosa ata a metapoética. Follas Novas é unha obra máis progresiva e innovadora que Cantares Gallegos, feito que se reflicte na forma e nos recursos retóricos empregados. 

En canto á métrica atopamos novas formas moito máis atrevidas, que delatan a pegada do Romanticismo e das correntes poéticas contemporáneas. En canto aos recursos retóricos cómpre facer mención do complexo sistema simbólico, apenas esbozado en Cantares, que agora aparece de forma plenamente desenvolvida (o cravo, a negra sombra, os tristes, a noite...). 

Os 136 poemas que compoñen esta obra aparecen organizados en cinco apartados: “Vaguedás”, “Do íntimo”, “Varia”, “Da terra” e “As viúdas d’os vivos e as viúdas d’os mortos”. Este poema forma parte do último apartado no que os temas desenvolvidos son de natureza social, costumista e predomina a obxectividade (denuncia das inxustizas, solidariedade...). 

O tema central do poema é a desolación de Galiza polo abandono dos seus habitantes (“Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar”, versos 3-4). Trátase o tema da emigración desde a perspectiva dos que quedan na Galiza. 

Podemos dividir o poema en dúas partes: a primeira serían os catro primeiros versos onde se fai referencia aos homes que marchan de Galicia, e a segunda na que se describe o que lle queda á terra despois da emigración dos seus habitantes. No poema observamos diferentes recursos estilísticos que Rosalía emprega para resaltar o que quere transmitir. Temos a repetición de palabras no mesmo verso para intensificar a acción no verso 1 (“Este vaise i aquel vaise,”) e no 2 (“e todos, todos se van”), polisíndeto nos versos 6,7 e 8 facendo deste modo unha enumeración do que queda en Galicia tras a emigración. Hai un hipérbato no verso 3 (“Galicia, sin homes quedas”) coa finalidade de destacar o substantivo homes que se antepón ao verbo e a idea central de soidade. Podemos concluír que é un poema da corrente do Romanticismo pola mostra de sentimentos cara a terra, neste caso Galicia e a nostalxia. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoguetes para un tempo prohibido de Carlos Casares, recensión de Elisa Blanco Rodríguez (1º Bach B)

Xoguetes para un tempo prohibido  é unha obra de Carlos Casares que conta a historia de Elías, un neno con ilusións e soños en finais do séc...