xoves, 24 de xuño de 2021

Á lus do candil de Ánxel Fole, recensión de Aitor Vigo Cruz (1º BACH B)

Á lus do candil, publicada por primeira vez en 1953, é a primeira obra de Ánxel Fole. Trátase dunha colección de contos que foi premiada polo Centro Galego de Bos Aires. 

Ánxel Fole, nado en Lugo en 1903, pertence a unha xeración de escritores galegos, como Álvaro Cunqueiro ou  Rafael Dieste, que comezaron a destacar antes da Guerra Civil. Comezou a carreira de Dereito e Filosofía e Letras, pero non a chegou a rematar. Traballou como periodista en El Progreso de Lugo e en El Pueblo Gallego de Vigo. Na II República interveu en Política, militando no Partido Republicano, e máis tarde no Partido Galeguista. Cando rematou a guerra decidiu non exiliarse e se trasladou a Serra do Courel, onde pasou desapercibido. En 1953 volveu a Lugo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963 e obtivo a Medalla Castelao en 1984, dous anos antes de morrer. En 1997 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

En Á lus do candil Ánxel Fole recolle as tradición orais da montaña lucense, as costumes e a fala do Courel. Trátase de 15 contos pensados para ser contados a carón do lume nunha fría noite de inverno na montaña. 

No primeiro capítulo o autor sitúa a acción no Courel, nunha torre medieval onde chegan catro fidalgos para cazar, pero unha gran nevada lles obriga a quedarse na torre. Os narradores son o administrador da finca, os fidalgos, mais os criados, que se xuntan a carón do lume pola noite para contar contos de medo, e tamén cómicos.

Ademais de contos, xa no primeiro capítulo, Ánxel Fole nos advirte de que neles recolle a forma de falar das xentes do Courel, e que por ese motivo as verbas se atopan escritas de formas distintas (sexa ou seña, fitar ou ollar...). É por iso que o libro ten un gran valor etnográfico, ao recoller a fala, pero tamén as costumes, condicións de vida, alimentos e a mitoloxía propia daquelas terras de montaña.

Hai contos que tratan de aparecidos, enterradores, lobos que perseguen a homes, ladróns que se esconden en ataúdes para roubar, noites de verán entre amigos que rematan con soños premonitorios, suicidas por mal de amores subidos a árbores, espellos antigos que son portas ao máis alén, homes que ven os seus propios enterros, noivos que falan nun cemiterio e son tomados  por mortos, meigas e tesouros.

Nótase que son contos recollidos das tradicións orais, falan de sitios concretos e das xentes do lugar. Da detalles de como van vestidos, das costumes que teñen, da súa forma de falar, de como son as relacións entre eles, e tamén do que comen e beben. Non son contos inventados, todos falan do que lle pasou a algún coñecido dun deles ou de varios, polo que sempre buscan a complicidade do lector.

É moi importante no libro o compoñente máxico ou sobrenatural, que aparece en case todos os relatos. Tódolos contos rematan cun comentario final do narrador, a modo de consello ou refrán.

Pareceume un libro moi interesante e moi fácil de ler que, ademais, parece que te transporta a outros tempos e a outros lugares: faite sentir que estás a carón dunha lareira durante unha fría noite de inverno, co vento zoando nas fiestras, mentres un lobo ouvea ao lonxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A memoria da choiva de Pedro Feijoo, recensión de Valentina Rossel Paredes (1º Bach B)

A novela A memoria da choiva de Pedro Feijoo é unha novela policial escrita en galego, que foi publicada en 2013 pola editorial Xerais de G...