xoves, 25 de febreiro de 2021
Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, recensión crítica de Iván Couto Pintor (1º Bach A)
Ray Bradbury comezou a escribir contos nunha biblioteca pública e os seus primeiros traballos vendeunos a revistas a comezos dos anos 40. Entre novelas, contos, poemas e obras de teatro publicou máis de 30 libros.
Fahrenheit 451 sitúanos no S. XXIV, nun futuro distópico no que a sociedade está controlada pola tecnoloxía e na que está prohibida a lectura. Para desfacerse de cada libro ou revista existe un corpo de bombeiros que se encarga de queimar calquera obra que apareza. O protagonista da novela é Montag, un bombeiro que se comeza a cuestionar a súa profesión despois de coñecer a súa veciña Clarisse, unha opositora ás regras do goberno.
A raíz destes encontros con ela, vemos como Montag comeza a darse conta de que quizais haxa algo importante nos libros e pregúntase por que son percibidos como perigosos.
Un día, nun dos seus traballos de limpeza, ve como unha anciá se nega a abandonar a súa casa e préndese lume xunto cos seus libros para acabar morrendo alí dentro, Montag queda impresionado polo compromiso da muller cara os seus libros. Esa noite Montag dáse conta de que non é máis ca un instrumento do goberno que os quere amordazar e ter controlados, e comeza a ler un libro que colleu da casa da señora. Montag descobre que, no pasado, existía un mundo máis alá do control tecnolóxico, no que se permitía a liberdade de pensamento e descubre o poder dos libros e da sabedoría que conteñen para a humanidade. A partir deste momento é onde Montag se dá conta de por que os libros son perigosos para o réxime, de como a lectura nos fai máis intelixentes, e polo tanto libres, e iso é perigoso para o gobernante opresor.
Movido pola súa curiosidade, Montag contacta cun vello profesor e xuntos deseñan un plan para eliminar os bombeiros. Despois de intentar involucrar a súa muller, esta denúnciao e tras discutir co seu xefe, Montag mátao agravando a situación e desátase unha persecución contra el. Montag logra escapar grazas á axuda do profesor Faber e únese a un grupo de persoas obrigadas a vivir no exilio. O seu líder, Granger, explícalle a Montag que entre todos memorizaron todas as obras que leron porque só así poderían salvalos da destrucción e, cando pase o risco, imprimilos de novo recreándoos dende a súa memoria. A novela remata coa cidade destruída pola bomba atómica e coa resistencia como únicos superviventes, e saen do seu escondite listos para comezar de novo e fomentar unha sociedade onde o libre pensamento poida florecer.
Recomendaría a lectura deste libro porque nos fai reflexionar sobre como non debemos aceptar as regras impostas sen cuestionarnos o que isto acarrexa ou como unha sociedade sen libros estaría condenada á ignorancia. Ao longo da historia, hai centos de episodios coma os que se reflicten na novela, na que o ditador de turno, queima as obras que poden facer que o pobo cuestione o seu liderado ou poida pensar libremente, xa que a lectura fainos máis intelixentes e ofrécenos as mellores armas para loitar contra a ignorancia e recoñecer os nosos dereitos e liberdades.
A dúbida de María Reimóndez, recensión crítica de Patricia Mena Cruz (1º Bach B)
Nesta novela, María Reimóndez cóntanos a historia de Deli e Vicente, unha parella que leva xunta dende a adolescencia, e un bo día a policía chama á porta da súa casa dicindo que teñen que levar ao cárcere a Vicente por abuso de menores. Nese momento os dous quedan sorprendidos, pois eles eran unha parella normal e corrente, el traballaba na política e ela era economista.
Deli está completamente segura de que o seu marido non é culpable, pois os seus mellores amigos teñen unha filla que adora a Vicente, case todas as fins de semana Ana queda na súa a casa e xogan xuntos. Pero iso non fai que Deli poida tranquilizarse, ela sabe que todo vai saír na prensa.
Días despois desvelan que a nena que denunciara por abuso sexual fora Ana, cousa que ninguén esperaba despois da boa relación que tiñan. Vicente díxolle á súa muller que iso debía ser cousa de Ricardo, xa que había uns días vira unhas contas raras no seu ordenador. Ela comezou a investigar pola súa conta, pasaron os días e seguía sen atopar nada. Chegou o primeiro día de xuízo, todo estaba a favor de Vicente, pero Deli sabía que había algo raro.
A partir deste momento comezan a desvelarse cousas que poderían cambiar as súas vidas, pero para sabelo hai que ler o libro.
Este libro reflicte o temor de todas as mulleres e nenas de ser violadas, xa que a día de hoxe non te podes fiar de ninguén. Tamén podemos ver esa valentía por parte das mulleres para que se algún home as viola denuncialo, aínda que algunhas veces dea medo.
Recomendaría este libro a todas as persoas. Penso que as violacións son algo que está moi presente na actualidade e co que deberíamos loitar. Non ter medo a contalo e denunciar para que non vaia a máis.
mércores, 24 de febreiro de 2021
O bestiario científico de Anxos Nogueirosa de Antonio M. Fraga, recensión literaria de Diego Vilela Quintela (4º ESO A)
É unha novela relativamente curta, que está estruturada en 21 capítulos, todos eles acompañados con algunhas ilustracións de Víctor Rivas, que fan a lectura moito máis amena, ademais que ás veces cambia o estilo da letra, ambientando o texto nun manuscrito.
Este libro trata dun rapaz de aldea, chamado Suso, ao que, dende hai pouco tempo, lle comeza a doer a cabeza seguido e a estar cansado. A partir de aí, a nai decide levalo ao médico da vila, e este recoméndalle pasar un verán de repouso e descanso ao Sanatorio Marítimo de Oza. Cando colle o tren coñece a unha nena da súa idade chamada Tila, ademais de coñecer tamén a un grupo de abusóns cos que tempo despois no sanatorio se pelexará cun deles. Tila ten un libro científico da súa tía bióloga Anxos, no que conta datos sobre algunhas das criaturas mitolóxicas que se contan en lendas por Galicia. Ademais, Anxos encargoulle unha tarefa para facer a Tila sobre unhas criaturas que se atopan saíndo da auga no sanatorio segundo lendas da zona.
Case toda a novela xira en torno a este acontecemento que van ter que investigar durante toda a súa estadía nese verán de 1933. O sanatorio está dirixido por unhas monxas, que entre outras cousas dan clase e encárganse de vixiar os rapaces, ademais teñen un horario de clases, actividades e comida moi estritos. Para poder ver o acontecemento deberán escapar do sanatorio pola noite e estar na praia ata que saian unhas criaturas que mudan de pel na beira do mar. E non resumo xa nada máis da novela, xa que falta por dicir todo o que pasa na trama da novela, pero non o vou contar, xa que me parece a parte máis
interesante, e a verdade é que me gustaría que leades este libro nun futuro próximo.
O libro gustoume moito, xa que non é nin moi longo nin moi curto, e sobre todo porque a trama principal da novela e as misións que van ter facer son moi divertidas e entretidas ambientadas na nosa zona, á parte de ter e utilizar unha linguaxe elaborada e tratada con moito detalle.
Para min, está moi ben ambientada nesta zona da Coruña e sobre todo porque a estadía que pasou o protagonista neste lugar pode ser perfectamente un exemplo de xente que o habitou no seu día. Como ben narra a novela, o sanatorio está composto polos pavillóns de colonias (nos que estaban os escolares), un pavillón cirúrxico, o hospital de Oza e a batería de Oza ou O Fortín, onde estaban as cociñas e os comedores das colonias.
Antigamente, o hospital era utilizado para a xente con tuberculose ou con síntomas desta enfermidade, que se baseaba nunha bacteria que afecta aos pulmóns, pero tamén a outros órganos. É unha enfermidade infecciosa que se contaxia polo aire e que está presente aínda nos nosos días, pero agora hai medicamentos entre outros tratamentos para curala. Pero antes era unha enfermidade moi eficaz e coa que moita xente morría, e por iso era bo diagnosticala rápido.
Respecto ao pavillón cirúrxico, hoxe en día é propiedade do SERGAS, e está en perfecto estado, conservando as salas de cirurxía e o material médico antigamente utilizado, ademais de ser utilizado como unidade de psiquiatría de día. En canto ao pavillón de colonias, este foi reformado e ocultou as marabillas da antiga arquitectura deste lugar, ao igual que o hospital, hoxe en día non ten ningunha utilidade. En cambio, agora está ao lado destas estruturas, o Hospital Marítimo de Oza o cal é utilizado a diario.
A parte de ter o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, estar lendo este libro foi un luxo, a parte de pasar moi bo anaco léndoo. Recoméndollelo a todas as persoas que queiran ler, aprender e investigar máis sobre as marabillas que teñen ao lado das súas casas e que moitas veces pasan desapercibidas, as cales moitas veces dan ambientación e inspiración a autores para situar as súas obras.
Ninguén morreu de ler poesía de Aldaolado, recensión literaria de Sara García Álvarez (1º Bach B)
O principio do libro é completamente autobiográfico e introdutorio; falan dos seus comezos, das primeiras veces, de como se coñeceron…
O resto do libro está dividido en capítulos que separan os distintos poemas. Como está formado por diálogos e algúns dos poemas son conxuntos, aparece a voz de María en cor vermella e a de Lucía en cor negra.
Hai poemas máis persoais e outros máis simbólicos, nos que atopei como monotema o desamor.
Nos poemas persoais ou autobiográficos falan de experiencias entretidas e amenas que se foron atopando ao longo da súa vida tanto profesional como persoal. Neste ámbito existen poemas dedicados aos distintos tipos de amores que se atoparon ao longo da súa vida, a confesións do seu público, a lembranzas da infancia nas décadas dos 80 e 90…
Eu persoalmente recomendo este libro a todo tipo de público, xa que me resultou moi ameno lelo e, como ás nosas idades non acostumamos a ler poesía todos os días precisamente, é unha moi boa maneira de introducila no noso día a día, como fan elas.
martes, 23 de febreiro de 2021
Europa express de Andrea Maceiras, recensión literaria de Marta González Raña (1º Bach B)
Este libro empeza en Bergen, Noruega. Refuxiándose da nevada, Nico entra nunha tenda de souvenirs, alí encontra unha postal que o deixa asombrado e que lle revelará un segredo sobre o seu pasado. El xa estivera nesa cidade había dez anos cos seus amigos, Aroa, Mía, Óscar, Piero, Bea e Xacobe, nunha viaxe de Interrail que fixeran ao rematar o instituto.
Aquela viaxe inolvidable acobou nunha traxedia da que ningún dos sete rapaces logrou recuperarse. Tras descubrir esa postal, Nico quixo saber a verdade e retomará o contacto cos seus amigos, xa que, co paso dos anos perdera relación con algún deles. Organizará unha cea onde se reunirán todos eles e parellas dalgúns deles e a partir desta cea acabarán saíndo verdades que aclararán aquel traxico suceso.
Europa Express trata temas como o paso do tempo, que se ve reflectido nas vivencias e nos recordos dos mozos. Tamén trata a adolescencia problemática que vemos reflectida en Xacobe e por último as relacións afectivas entre as personaxes. Neste libro tamén vemos alternancia de personaxes, alternancia de lugares e tempos narrativos, xa que narra en tempo pasado e tempo presente.
Recomendo este libro a todos os rapaces que estean buscando algún libro para ler, sobre todo aos que lles guste a trama de misterio, xa que logra manter a intriga do que ocorreu hai dez anos atrás ata o final da historia.
luns, 22 de febreiro de 2021
RECEITAS DE COZINHA EM PORTUGUÊS
O alunado de 2º da ESO de Português desenhou estas cartolinas com receitas tradicionais aprendidas de mães e avós que vão estar expostas no ...
-
Tres Catorce Dezaseis trátase dunha novela policíaca ambientada no mundo das matemáticas. Este libro está escrito por Rocío Leira, nacida ...
-
Dous atracadores moi torpes, un rufián banqueiro e unha espelida secretaria, todos estes personaxes coincidirán, por quendas , no salón pri...
-
A autora desta novela chamase Ledicia Costas. É unha escritora galega que naceu en 1979, licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. M...




