mércores, 14 de febreiro de 2024

O exército de fume de Manuel Gago, recensión de Paula Rodeiro Iglesias (1º Bach C)

O exército de fume é un libro que mestura a realidade coa ficción. Está dividido en capítulos nos que diferentes personaxes xiran arredor da mesma historia. Estes capítulos están ambientados en diferentes lugares e tamén son diferentes as épocas, pero todos fican unidos ao final.

Neste relato cóntase como era a vida en Galicia despois da Guerra Civil. O ano que máis aparece é o 1942, xa que é o ano no que sucede a acción principal. Daquela, Europa era o principal escenario da Segunda Guerra Mundial, e estaba en auxe o movemento fascista en Alemaña e Italia. España en teoría era un país neutral, é dicir, non podía apoiar as Potencias do Eixe (Alemaña, Italia e Xapón), nin tampouco os Aliados (Gran Bretaña, EEUU, Francia e a URSS). Pero a realidade que conta este libro é que Franco estaba a favor das Potencias, e que cedía territorios españois en prol delas. Un deses territorios foi Galicia, en concreto a praia de Valdeareas.

A historia comeza na escola de Arbia, en Laxe, onde se presenta a principal protagonista: Celia Pardo. Celia é unha moza da Coruña que está dando clase na escola. É unha rapaza dunha familia adiñeirada que ten un chalé en Oleiros que menciona varias veces ao lembrar a súa infancia. Cando era unha adolescente a súa nai morreu de tuberculose, e ela marchou a un colexio en Verín. Pero aínda así seguía a ter unha boa relación co seu pai, ao que lle escribía todas as semanas. Cando rematou no colexio estudou Maxisterio, e comezou a traballar como mestra. O seu pai era médico, e era un espía dos Aliados, tiña relación con personalidades inglesas por ter estudado en Cambridge. Cando comeza a guerra, pídelle un favor á súa filla: precisa que vaia dar clase á escola de Arbia, que está preto da praia de Valdareas, onde sospeitan que está habendo actividade por parte dos alemáns. O traballo de Celia é indagar que está a acontecer e contarllo disimuladamente ao seu pai. Este recoméndalle que por seguridade se una á Falanxe, e así o fai. Alí coñece a que sería a súa amiga Teresa.

Na praia de Valdareas había unha mina na que traballaban moitos dos homes da aldea, e estaba usada para a extracción de titanio e outros minerais que se daban aos alemáns. Un día, de súpeto, despediron a todos os traballadores da mina, e armouse un tumulto alí onde estaban Teresa e mais Celia. Tiveron que curar un malferido que abrira a cabeza, e resultou ser un dos mineiros despedidos, Brais de Brantuas, que se fai amigo de Celia e ás veces semella que se gustan un pouco. Aproveitando esa relación, o pai de Celia pídelle que lle saque información a Brais, e ela consegue sacarlle unhas fotos ás instalacións e á súa forma.

Esa información chega ata a Oficina de Guerra, en Londres, que é outro dos espazos da historia. Alí atópanse Stewart Menzies e Winston Churchill, dous personaxes históricos reais. Analizan as fotografías xunto a outras persoas e chegan á conclusión de que a mina quedara convertida nunha base de submarinos do exército alemán. Isto era cousa mala para os ingleses, porque na Segunda Guerra Mundial estábase a desenvolver unha guerra polo control do Atlántico, e a posesión desa base no punto estratéxico que era Galicia podía significar a vitoria alemá. Tamén souberon que levaban tempo construíndo a base dos submarinos, porque a extracción de minerais parara habíq aproximadamente un ano, e leváranse prisioneiros republicanos dos cárceres de Burgos e da Coruña. A construción comezaría a funcionar en calquera momento, polo que tiñan que destruíla. Barallaron diferentes maneiras de abordar o problema, pero a única que non supoñía o risco de que España entrase na guerra era a de utilizar os guerrilleiros de Galicia, a oposición a Franco. Aquí entran na historia os seguintes personaxes.

Ramallo, Camilo, Lois, Acuña, Regos, Charo... todos eles guerrilleiros republicanos que desenvolveron diferentes batallas ao longo da historia, onde se narra, por exemplo, como Ramallo traizoou a Lois e a Acuña escapando cando eles quedaron prisioneiros, ou como este mesmo coñece a Regos e a Charo.

Cara o final da historia comézase a narrar a destrución da base dos submarinos, e paralelamente, os alemáns buscan a Celia. Ramallo e os seus guerrilleiros aproveitan a noite anterior a que a base comece as súas funcións para coarse alí dentro e poñer un explosivo. Cando saen ao exterior, están sendo apuntados con pistolas e luces, que nun principio pensan que son dos alemáns, pero resultou ser Camilo, outro guerrilleiro que está en desacordo cos métodos e organización de Ramallo e quería matalo, pero este non aparece despois da explosión. Os guerrilleiros están capturados por Camilo, ata que aparecen os cans de Brais de Brantuas, que estivera mirando a escena e os soltara. Aproveitando a revolta, sae da súa agochada e apunta a un na boca cunha pistola, ameazándoo de morte, ata que é o propio Regos, que ao verse fóra de perigo lle di que está farto de sangue e que o deixe en paz, quen salva a Camilo, que escapa sen matar a ninguén.

Brais de Brantuas chegou alí ao bosque despois de axudar a Celia a escapar. Ela estaba na súa casa en Laxe, e ese mesmo día descubrira que a súa nai estivera no cárcere, e alí era onde se contaxiara de tuberculose, e o seu pai non llo contara nunca. Ela non podía esperar, así que botou a camiñar cara Ponteceso para coller un bus á Coruña e falar con seu pai. Xusto despois de que se fora da casa, un soldado alemán foi preguntar por ela, e a caseira, morta de medo, díxolle que marchara coller o bus, así que a foron esperar. Pero Celia estaba na casa da súa amiga Teresa en Ponteceso porque quedaban dúas horas para o bus, e apareceu Brais coas noticias de que a estaban a esperar na estación, así que conseguiu escapar no coche da súa prima arxentina que a foi buscar. Tanto Celia como o seu pai estaban sendo buscados, polo que se dirixiron a Vigo á casa de Eduardo Menéndez. Este é o final da historia, no que Celia, o seu pai e mesmo Eduardo foxen ao exilio dende Vigo deixando todo atrás.

Hai un último capítulo no que se pasa do ano 1942 ao 1952, e Celia está en Nova York na inauguración do edificio das Nacións Unidas, e alí atópase de novo con Brais de Brantuas por sorpresa, despois de tantos anos.

O libro gustoume pero non demasiado, fíxoseme un pouco pesado, xa que creo que hai moitas partes que sobran e que dificultan entender a historia principal. Considero que hai demasiados detalles en momentos nos que non é necesario. Por exemplo a vida dos guerrilleiros antes do golpe da mina, ou as batallas entre submarinos, están moi detallados, e botando a vista atrás, non son tan relevantes para o transcurso do libro.

A miña historia favorita foi a de Celia (aínda que logo sexa só unha historia, falo do principio do libro cando estaban separadas). Foi para min a máis entretida e fácil de entender a de seguir.

Aínda que non me enganchase moito, creo que o libro está ben fiado, porque é complicado unir tantas historias nunha soa. Pero creo que o realmente interesante é o retrato que fai da sociedade galega na posguerra, na que se vían remarcadas as diferentes clases socias e os oficios, así como a represión de pensamentos que había en Galicia, onde, segundo conta o libro, había reforzo de Garda Civil por ser un dos territorios con máis oposición ao franquismo.

Penso que é unha maneira perfecta de dar visibilidade ás persoas que, como di Ramallo varias veces ao longo do relato, non saen nos libros de historia. Estas persoas son xente sobre todo das clases obreiras que exercía importantes labores de espionaxe ou de rebelión deixando de lado o medo polo risco que supoñía pensar diferente naquela época. Porque aínda que sexan uns poucos os que aparezan nos libros, a historia non sería a mesma sen aqueles moitos que puxeron en risco a súa vida por defender os seus principios e o benestar do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CALIGRAMAS 4º ESO A

  Daniela Parga Verdía Bruno Otero Corral Paula Pérez Martínez Claudia Rodríguez Miraz Lucía Pérez Roca Zaira Ortega Calvo Pedro Saa Brantuas