xoves, 9 de abril de 2020

Reflexións sobre Blanco Amor e A esmorga, Andrea Ansede Varela (4º ESO A)


Chamáronme a atención varias cousas mentres lía as páxinas do libro e vía as webs e vídeos recomendados, polo que intentarei dicir máis ou menos todo. O primeiro que me chamou a atención é que utilizara a cidade de Ourense de forma constante durante toda a súa obra, e que ademais o fixera co nome Auria. Tamén me chamou atención que emigrara tan pronto cara América, pero aínda así seguira tan unido a Galicia, como demostrou en tódalas súas obras.

Pareceume moi interesante que dende novo comezara a traballar como secretario de dirección no xornal “El Diario de Ourense” e que fora alumno dunha personaxe tan importante na época como foi Vicente Risco. A súa participación na “Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales”. A seguinte, foi a súa gran participación nos xornais como Céltiga ou La Nación, chegando a formar unha amizade con Borges na súa viaxe a España, o que me sorprendeu gratamente.

O nome da súa primeira publicación foi algo que me tivo pensando bastante acerca dilo. Que coñecera outra personaxe da época como foi Castelao, o que me levou a pensar que estivo sempre ben acompañado e aconsellado. A súa colaboración en Bos Aires na revista Nós, tan importante como foi no seu momento. A súa capacidade de convencer a un escritor como García Lorca para que publicase os “Seis poemas Galegos”.

Algo que quizais non me sorprendeu tanto debido ao pensamento xeneralizado da época, foi a súa defensa do bando republicano co estalido da Guerra Civil española. Que escribira durante un tempo en castelán, sorprendeume moito. Chamoume a atención a súa cátedra, como que tamén fora mestre, o que me demostrou que sabía facer moitas cousas á vez. A súa volta a Galicia en 1965, pareceume normal pero tamén sorprendente pola situación que se vivía na España da época. O gran número de libros que publicou aquí.

Por último, diría que me chamou atención que aínda que non puidera dar o seu discurso de ingreso a Real Academia Galega, fora igualmente considerado académico numerario. E da súa obra, sobre todo, destaco a súa pluralidade e capacidade de escribir tanto narrativa, como teatro, poesía, xornalismo e ensaio. Pero da súa obra o que máis me sorprendeu foi a súa capacidade na fotografía.

Vin a película A esmorga é a verdade é que teño sensacións contraditorias. Foi unha película que me foi amena durante momentos, pero durante outros foi algo máis cansina ou difícil de seguir. Si que é verdade que teño numerosos datos positivos, que vou comentar agora.

Mostra moi ben as 24 horas nunha borracheira entre os bosques e as tabernas ourensás de tres amigos perdidos nun horror social, no que o franquismo aparece de fondo. Suceden todo tipo de aventuras e borracheiras masivas de alcohol. Na miña opinión, o mellor da película é a representación dos tres actores- Miguel de Lira, Antonio Durán e Karra Elejalde- que están soberbios, sobre todo, este último que para min esta espléndido durante todo a película; e chamoume moito a atención a súa capacidade de expresar nese galego, nada fácil de aprender se non es de aquí, no que demostra o gran actor que é. Si que é verdade que na miña opinión por momentos conseguen transmitir ese drama, conseguindo tamén introducirnos na trama como un máis da historia.

Tamén destacaría a grande montaxe, sabendo facelo máis rápido ou máis pausado en función do que a escena propia pide, ademais da gran fotografía que mostra unhas localizacións que fan que se crea como unha pequena atmosfera necesaria e da que o director é capaz, como dixen, de trasladarnos a ela e a eses universos tristes que supoño que describía Blanco Amor na súa obra.

Destaca unha banda sonora, que para min ten os seus momentos acertados e outros non tanto e quizais é un pouco longa a duración, xa que ao mellor cun pouco menos faría que fora máis constante e amena para entender na miña opinión.

Paréceme unha película bastante boa, moi acertada sobre todo nos personaxes os cales para min son o mellor da película, estando o trío espectacular. Tamén me gustou moito a fotografía elixida e mostrada en cada momento.

Aprendín que con 17 anos comezou a traballar, como xa comentei, como secretario de dirección en “El Diario de Orense”. Cando emigrou a Bos Aires seguiu en contacto con intelectuais galegos. É máis tarde, sería director do periódico “El Despertar Gallego”. En 1927 publicou Os Nonnatos e o ano seguinte, Romances Gallegos. En 1928, retornou a Galicia como correspondente do diario “La Nación”. Alí escribiría Poema en catro tempos. Estivo un tempo en España, pero marchou tempo despois. Durante os 20 anos seguintes da Guerra Civil, utilizou o castelán en obras como: Los miedos ou La Catedral y el niño. En 1956, volveu ao galego con Cancioneiro e despois publicaría A esmorga que foi unha novela extraordinaria de gran importancia para renovación narrativa galega. Retornou en 1965, publicando Os biosbardos, un libro de relatos. En 1993, dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Sobre todo, coa Guerra Civil foi cando vimos a faceta máis narrativa de Eduardo Blanco Amor. Destacado sobre todo, a súa gran obra A esmorga.


domingo, 5 de abril de 2020

A verdadeira lenda da Torre de Hércules, Nerea Xenevra Caridad Brión (1º ESO C)


Debuxo de Nerea Caridad Brión
Todos coñecemos a peculiar e emocionante lenda deste antigo faro, si, esa mesma, a que di que Hércules se enfrontou nunha pelexa co xigante Xerión, e que, despois de derrotalo, lle cortou a cabeza e a enterrou na terra.

Despois deste suceso construíuse este faro tan importante para nós, ao que chamamos a Torre de Hércules, pola suposta fazaña que fixo Hércules.

Pois xa ides esquecendo esta historia, porque a que vou contar agora é a verdadeira, a verdadeira historia de Hércules.

Todo comezou na Coruña. Nun barrio non moi coñecido, naceu Xoán (si, nadiña de Hércules). Este residía nunha pequena casa cos seus pais que discutían constantemente, ás veces por cousas sen sentido.

Aínda cos problemas que tiña en casa, Xoán foi un neno extravertido pero nada forte mentalmente. Encantáballe ler, lía sobre todo libros de fantasía; tamén lle gustaba debuxarse a el mesmo coma se fose un deus combatendo contra un monstro inimigo; ata chegou a inventarse un nome de deus para el, e ese nome foi ”Hércules” .

Un día encontrábase co seu mellor amigo Pedro, Xoán elixira a Pedro como o seu mellor amigo porque a el tamén lle gustaban as historias de fantasía, e porque sentía que Pedro, coma el, tiña un mundo dentro da súa cabeza, un mundo idílico, de conto, no que el era o protagonista, o home forte que salvaba a princesa dun dragón, o deus todo poderoso,...

Xoán sentía que o seu mundo conectaba co de Pedro a través dunha ponte cada vez que se xuntaban. Ese día Xoán ensinoulle a Pedro un debuxo del coma un deus, e este díxolle que el tamén se retratara coma un personaxe fantástico, só que el se convertera nun vilán, (así era como Pedro se vía no seu mundo, coma un inimigo).

Entón Xoán preguntoulle o seu nome fantástico, o seu amigo contestoulle “Xerión”.

Xoán tivo nese momento unha idea, colleu un pau do chan e díxolle a Pedro: 
-“ Queres combater comigo?”

Este aceptou, e colleu outro pau, así estiveron unha hora enteira, Hércules contra Xerión, ata que Xoán co pau empurrou a Pedro, facendo que este caera dun outeiro.

Xoán, asustado, correu para abaixo pero... o seu amigo caera nun burato e morrera na caída.

Xoán (un pouco ido polo xogo) o que fixo foi enterrar o seu amigo, e cravarlle á terra un pau.

Xoán volveu a casa, e dixolle á súa nai todo emocionado:

- “Nai, nai, matei o xigante Xerión. Eu, Hércules, matei a Xerión”

Despois deste suceso construíuse a Torre de Hércules, e claro, a xente inventou a lenda de que un deus matou un xigante, só para ocultar algo macabro.



Nerea Caridad Brión 1C
( traballo lendas e mitos)





Uruck, o deus das rochas, Lucas Mouriño Antelo (1º ESO C)




Nun monumento no terceiro amencer  no mes de marzo unha rocha empezou a cambiar de forma e volveuse un neno e decidiu chamarse Uruck. 

O que el non sabía era que era o deus das rochas e que as montañas as movía como un maletín e pesábanlle moi pouco.

Un día decidiu reparar o monumento e vivir alí, pero sentíase moi só, así que pediu un compañeiro ao deus do universo e unhas rochas empezaron a moverse e xuntarse ata a forma que deu foi a dun can.

Decidiu domalo, lanzoulle pedras e o can comíaas e agora é  o mellor cazador do mundo e do universo.  

O sistema escolar, Raquel Pardo Márquez (4º ESO C)


Unha das materias pendentes do noso sistema educativo segue a ser a revalorización social da formación profesional. Esta non é unha nova pregunta. A maioría dos dispositivos sociais, incluso máis que os institucionais, xa había mais de 40 anos e aínda están dirixidos a recoñecer como éxito persoal e social só aquelas vías educativas dirixidas á universidade. Pódese ver un exemplo disto nas últimas semanas co goteo insistente de información sobre probas de selectividade.

O éxito sempre estivo relacionado co acceso á universidade e o fracaso, co abandono educativo ou co itinerario dos ciclos formativos. Temos poucas novas e poderiamos rescatar poucas referencias colectivas de éxito asociadas a prácticas educativas ou resultados no campo da formación profesional.

O éxito, o triunfo, o recoñecemento social sempre son os mesmos: os que superan a selectividade e os que conseguen a proeza de acceder aos estudos universitarios desexados. Non hai medios de comunicación nin líderes de opinión, ningunha institución pública ou social, nos fala dos demais. Son poucas as veces nas que se fala dos mozos que non optaron ás probas de selectividade nin ao itinerario universitario, nin sequera para estudar o bacharelato.

Con isto non pretendo dicir que sempre sexa así, pero hoxe en día valórase máis a aquelas persoas que estudaron bacharelato e unha carreira que a aquelas que estudaron un ciclo de formación profesional e eu penso que iso deberiamos cambialo.


FAROS DE GALICIA: Punta Nariga, Óscar Juanatey Orol (2º ESO B)

Covid 19, Antía Silva Moares (4º ESO C)

O tema máis destacado na actualidade e o Covid-19 conocido comúnmente como o Coronavirus.

España foi o país que seguiu a China e Italia propagándoo e a día de hoxe é o que mais mortes ten. Ao principio oiamos falar do virus en China con naturalidade, incluso non imaxinabamos que nós tamén podiamos contaxiarnos. A medida que pasaban os días estendíase máis ata que chegou a España e a todas as provincias do país.

Na miña opinión, penso que deberían tomar precaucións os políticos, goberno, xente de mando... moito máis antes e formular solucións, ou por así dicilo, saber que facer cando chegara o día. Para os alumnos por exemplo, dunha hora a outra cambiaron as medidas.

O que ganan co Covid-19 é cartos no que lles interesa, sobe o prezo da alimentación, sobe o prezo dos medicamentos, sobe todo e non son conscientes do risco que leva a cabo todo iso, xa que supostamente é un virus feito a propósito, igual feito non é a palabra pero esparexido si.

Outro punto que destaca é o das autoridades, hai moitos abusos no día a día, podemos dicir que ás veces se toman a liberdade de levantar a man a cidadáns sen motivos ou más ben inventándoos.

Entendo que hai xente que o toma a risa e non é consciente da situación pero hai xente e xente.

Esperemos que isto todo termine pronto, que non haxa mais mortes, que se atope a vacina e que nos dean solucións, ou polo menos que o intenten.

O segredo do bo desexo, Helena Bermúdez Freire, 1º ESO C


Conta unha lenda que desde hai cando menos cinco séculos, existe unha pequena illa nun recuncho, agora oculto no mar, nun lugar moi misterioso, moi preto de San Andrés de Teixido.

Esa pequena illa só se descobre cando hai unha eclipse solar, e nese momento é posible atoparse con algún dos seres máxicos que habitan ocultos nesa misteriosa e marabillosa illa.

Dise que o afortunado que se atopa con algún destes seres ten a posibilidade de pedir un desexo, pero é moi importante pensar ben o desexo, porque se o desexo é bo para a xente, concédeselle ao instante; en cambio, se prexudica a alguén, que o pide convértese nun insecto que vagará por ese lugar ata chegar á capela de San Andrés, onde poderá recuperar a súa forma humana se amosa arrepentimento.

Non coñezo a ninguén que vise algún destes seres máxicos, pero a miña bisavoa di que son tan pequenos coma un rato, tan fermosos coma unha estrela.

RECEITAS DE COZINHA EM PORTUGUÊS

O alunado de 2º da ESO de Português desenhou estas cartolinas com receitas tradicionais aprendidas de mães e avós que vão estar expostas no ...