domingo, 5 de abril de 2020

A verdadeira lenda da Torre de Hércules, Nerea Xenevra Caridad Brión (1º ESO C)


Debuxo de Nerea Caridad Brión
Todos coñecemos a peculiar e emocionante lenda deste antigo faro, si, esa mesma, a que di que Hércules se enfrontou nunha pelexa co xigante Xerión, e que, despois de derrotalo, lle cortou a cabeza e a enterrou na terra.

Despois deste suceso construíuse este faro tan importante para nós, ao que chamamos a Torre de Hércules, pola suposta fazaña que fixo Hércules.

Pois xa ides esquecendo esta historia, porque a que vou contar agora é a verdadeira, a verdadeira historia de Hércules.

Todo comezou na Coruña. Nun barrio non moi coñecido, naceu Xoán (si, nadiña de Hércules). Este residía nunha pequena casa cos seus pais que discutían constantemente, ás veces por cousas sen sentido.

Aínda cos problemas que tiña en casa, Xoán foi un neno extravertido pero nada forte mentalmente. Encantáballe ler, lía sobre todo libros de fantasía; tamén lle gustaba debuxarse a el mesmo coma se fose un deus combatendo contra un monstro inimigo; ata chegou a inventarse un nome de deus para el, e ese nome foi ”Hércules” .

Un día encontrábase co seu mellor amigo Pedro, Xoán elixira a Pedro como o seu mellor amigo porque a el tamén lle gustaban as historias de fantasía, e porque sentía que Pedro, coma el, tiña un mundo dentro da súa cabeza, un mundo idílico, de conto, no que el era o protagonista, o home forte que salvaba a princesa dun dragón, o deus todo poderoso,...

Xoán sentía que o seu mundo conectaba co de Pedro a través dunha ponte cada vez que se xuntaban. Ese día Xoán ensinoulle a Pedro un debuxo del coma un deus, e este díxolle que el tamén se retratara coma un personaxe fantástico, só que el se convertera nun vilán, (así era como Pedro se vía no seu mundo, coma un inimigo).

Entón Xoán preguntoulle o seu nome fantástico, o seu amigo contestoulle “Xerión”.

Xoán tivo nese momento unha idea, colleu un pau do chan e díxolle a Pedro: 
-“ Queres combater comigo?”

Este aceptou, e colleu outro pau, así estiveron unha hora enteira, Hércules contra Xerión, ata que Xoán co pau empurrou a Pedro, facendo que este caera dun outeiro.

Xoán, asustado, correu para abaixo pero... o seu amigo caera nun burato e morrera na caída.

Xoán (un pouco ido polo xogo) o que fixo foi enterrar o seu amigo, e cravarlle á terra un pau.

Xoán volveu a casa, e dixolle á súa nai todo emocionado:

- “Nai, nai, matei o xigante Xerión. Eu, Hércules, matei a Xerión”

Despois deste suceso construíuse a Torre de Hércules, e claro, a xente inventou a lenda de que un deus matou un xigante, só para ocultar algo macabro.



Nerea Caridad Brión 1C
( traballo lendas e mitos)





Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO