domingo, 19 de abril de 2020

A natureza renace? Joel Pérez Fuciños (4º ESO A)

O 12 de marzo o presidente Pedro Sánchez comparece ante a nación: declárase o Estado de Alarma. Que está a pasar? Un pequeno virus, de apenas uns 200nm, chamado Covid-19 (Sars cov-2, para os expertos) vén facendo estragos dende China. Provoca o contaxio de milleiros de persoas e a morte de moitas. Esténdese rapidamente por todos os países, Italia sofre grandes perdas humanas, e chega a España. 

As autoridades deciden que o confinamento da meirande parte de poboación nas súas casas é a mellor maneira de frear a transmisión do virus. Pechan negocios turísticos, tendas de roupa e outras cousas que non sexan imprescindibles, bares, hoteis, en fin, todos aqueles negocios que non sexan necesarios para a supervivencia da xente. A actividade económica redúcese ao máximo posible. Hai perdas millonarias nas empresas, milleiros de persoas sen traballo, a economía sofre, mais, dentro de todo este caos temos unha noticia boa: a Natureza toma un respiro de nós. 

As industrias pechadas, as estradas desérticas e as rúas baleiras traen un efecto rapidamente visible: mellora a calidade do aire e da auga. Redúcense as emisións contaminantes na atmosfera, o aire tórnase máis limpo, moitas ciudades nunca viran os seus ceos tan despexados. En Barcelona os niveis de CO2 reducíronse un 75% o mes pasado. Os animais tentan recuperar o seu contorno natural; vémolos pasear polas nosas rúas agora baleiras, nos espazos naturais xa non hai visitantes, escaladores, sendeiristas. Vense golfiños nas saturadas augas do Mediterráneo. Os científicos avisan dun posible efecto rebote cando a actividade humana retome a marchas forzadas o seu nivel anterior.

Porén, esta pandemia tráenos algunhas reflexións. A Natureza está a sufrir unha presión sen precedentes pola actividade humana. Os plásticos invaden os océanos, o aire que respiramos está cheo de contaminantes, os recursos esgótanse. Está o planeta Terra preparado para aguantar a presión humana por moito tempo máis? Os gobernantes dos paises máis poderosos non queren baixar o ritmo, pero agora un virus (non pode considerarse un ser vivo) fainos frear de súpeto. E observamos que sí se pode. Pódese vivir doutro xeito.

Podemos ter unha economía sustentable, que nos permita avanzar coma sociedade, sen ter que deixar un regueiro de destrución tras de nós. Temos que buscar solucións. Temos que protexer a Natureza, porque non temos planeta de reposto. Vainos obrigar o coronavirus, coma enviado da Natureza, a tomar un respiro todos os anos, ou imos tentar facer algo de verdade. Está nas nosas mans.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES