mércores, 8 de xaneiro de 2020

O anime, Iago Vázquez García (1º ESO C)


O anime é un tipo de serie televisa, orixinaria de Xapón. É un medio de gran expansión no país nipón, e asemade un produto de entretemento mundial. É dirixido a todos os públicos, infantil e adulto. Este é procedente do manga (especie de manga xaponés).

Encántame o anime por unha morea de factores: o seu incrible debuxo, e á vez peculiar, xa que é como ver un manga animado nunha pantalla; tamén as mensaxes que soe transmitir, o máis utilizado é que nunca debes renderte ou perseguir os teus soños custe o que custe; ou as historias que acostuman contar, xa que me parecen moi orixinais. Os meus animes favoritos son: Dragon Ball Z e Naruto.

Na miña opinión, a xente pensa que son series de pequenos, pero creo que non té sempre así, xa que o 70 % da xente que o ve ten máis de 16 anos. Ata hai persoas de 40 anos que o seguen vendo e aos que lles gusta, debido á nostalxia que teñen, de cando o vían de pequenos.



Harry Potter, recomendación de Carlos Verdía Fernández (2º ESO B)


Eu creo que as novelas de Harry Potter teñen moitísimo éxito entre a xente nova. Estes contos parécenme unha marabilla, son das mellores cousas que lin, son impresionantes. Non só che mostran a maxia, tamén che ensinan moitos valores da vida como o importante que é a amizade, que sempre tes que ter valor, a tristeza que produce perder a un ser querido e moitas cousas máis.

Penso que estas novelas teñen tanto éxito,porque son moi orixinais e poucas veces aparecen cousas tan diferentes como estas obras. Ademais, o cambio da historia e a evolución dos personaxes é incrible, nunca esperarías que sucedese tanto cambio.

Entendo que hai a xente á que non lles guste, pero de verdade que algunhas persoas din que non lles gusta porque igual só leron o primeiro libro. Se cadra se lle dan unha oportunidade ao segundo pode encantarlles!!

"Esqueceuse de si mesma", Naiara Medina Jiménez (4º ESO A)


Aqueles ollos cor de mel quedáronlle gravados, e cada vez que pechaba os seus propios aparecía aquela ollada.

Buscou e rebuscou na xente aquelas pupilas que a encandilaran, tiña a necesidade de descubrir o seu dono e coñecelo.

Non sabe, non recorda o lugar, non ten idea de onde os atopou por primeira e última vez, iso faina tolear.

Cansa de buscar e non atopar nada, rendeuse, deixou (máis ben intentou deixar) á marxe da súa vida aquelas pupilas.

Coñeceu mil persoas, pero ningunha coincidía con aqueles ollos, uns asemellábanse máis ca outros, pero ningúns eran os mesmos.

Aquela ollada transmitía tanto... Esa persoa estaba quebrada e triste, dende que a viu entroulle a necesidade de axudala; foi algo que se prometeu a si mesma.

Pero, non... decatouse de algo..., e importante... Os ollos que tanto ansiaba atopar eran os seus, e por estar tan centrada en axudar e estar para os demais... esqueceuse de si mesma...

venres, 3 de xaneiro de 2020

Nova antoloxía de música galega Contemporánea creada polo alumnado do IES Neira Vilas de Oleiros.




A Antoloxía de música galega contemporánea creada polo alumnado do IES Neira Vilas de Oleiros vainos servir para lembrar ou coñecer grupos de música en galego, a maior parte en activo de todos os estilos como o Trap, Reggaeton, Hip Hop, Death Metal ou Reggae, Pop, Música folk, Rock, entre outros


Galeguíza-T é un grupo de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros, que baixo a a coordinación do seu profesor Alberto Pombo, coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística deste instituto, presentou no pasado decembro esta extensa playlist de Spotify con máis de 200 grupos contemporáneos que fan música en galego. É a Nova antoloxía da música galega contemporánea, unha escolma que reúne máis de 300 horas de música en lingua galega de bandas en activo como Ezetaerre, Malandrómeda, Caxade, Boyanka Kostova, Skacha, Medomedá, O Sonoro Maxín, Xabier Díaz, Festicultores, Rebeliom do Inframundo...

Visibilizar a existencia de música actual en lingua galega, cando os espazos de distribución non van moito máis alá das redes sociais, é moi interesante para combater os prexuízos de parte da mocidade que admite que non coñece contidos ou ámbitos de lecer próximos aos seus gustos na nosa lingua.

Coñecermos a diversidade de xéneros na nosa música actual vainos servir de punto de partida para que cada un de vós poidades descubrir e explorar o que máis vos atraia e no caso do alumnado de 4º da ESO irdes decidindo sobre que estilo ou músico/a elaboraredes a vosa exposición oral para o segundo trimestre.
Desfrutade de toda esta variada música!!


Imos coñecer algunhas cousas sobre a animación, Alma Qing Ramas Corrales (2º ESO B)


Coñécese como ‘‘animación’’ o conxunto de varias imaxes colocadas detrás doutras e que producen un efecto visual, coma se eses debuxos tivesen vida propia. A animación existe desde hai moitos anos e, coma moitas cousas, foi evolucionando co paso do tempo.

Actualmente, a animación é máis complexa e un pouco máis ‘‘fácil’’que antigamente, xa que antes non había tanta tecnoloxía coma agora. Existen varios tipos de animación, pero eu vou falarvos de tres tipos: o 2D, o 3D e o StopMotion. Comecemos!

-Animación 2D: Este tipo de animación é o máis común e o máis empregado desde os seus inicios. Primeiro, fanse os debuxos en papel un por un, con cada detalle e amodiño. Despois, os debuxos pasan a ser dixitais e engádense os efectos especias. Finalmente, preséntanse con voces ou música. Aínda que estes pasos tamén se poden utilizar na técnica 3D é máis doado facelo en 2D.

-Animación 3D: Este tipo de animación é moito máis complexo ca o 2D. Neste caso, os debuxos fanse directamente nos ordenadores, xa que, para conseguir o efecto 3D, precisas a tecnoloxía e a edición. O resultado destas ‘‘obras’’, por así dicilo, son magnificas.

-Animación StopMotion: Este tipo de animación é moitísimo máis complexa ca as anteriores, por que? Porque esta faise con obxectos fotograma a fotograma e iso non é FÁCIL. Primeiro, colócase o obxecto ou obxectos nun ‘‘escenario’’ fanse fotos, pouco a pouco, co movemento dese obxecto. Despois, nun ordenador, xúntase todas as imaxes e edítase. Finalmente, ao presentalo quedará magnífico.

Seguro que agora preguntaredes: Coma sei todo isto? Pois fácil, eu comecei a entrar neste mundo: ‘‘O mundo da animación’’. Un día, pregunteime seriamente coma é animar e comecei a investigar. Conseguín unha app para móbiles e tablets e empecei a facelo.. Loxicamente, ao principio non o facía ben, pero iso non me detivo en nada! Pouco a pouco fun mellorando, tanto a miña forma de animar coma a miña forma de debuxar. Encántame!
Actualmente, sigo practicando moito. Ademais, eu inspireime nalgún que outro animador/a; e iso impulsoume para seguir adiante.

En xeral, a animación de calquera tipo é moi difícil e nunca, ou case nunca, hai que queixarse do traballo dun/ha animador/a; hai que comprender o esforzo que están facendo. E rematando isto, de maior quixera ser animadora ou debuxante. Grazas por escoitarme!

Alma Quing Corrales (2º ESO B)


Despertares de Oliver Sacks, recomendación de Ana Mondelo Pena (2º ESO B)


Despertares é un libro que mostra acontecementos reais dun grupo de vinte doentes que foron internados no Hospital Monte Carmelo en Nova York. Foron internados debido a que foron diagnosticados coa enfermidade encefalite letárxica, a cal é moi estraña e os seus síntomas comezan polo parkinson e despois dun tempo simplemente non reaccionan, é coma se estivesen durmidos.

Esta historia relátaa Oliver Sacks, médico que salvou a vida dos doentes dándolles a medicina l-dopa (normalmente utilizada para o parkinson) que fixo ver melloras na enfermidade e puideron “espertar” do soño no que estaban.

Na miña opinión este libro é moi interesante, móstrache un montón de cousas importantes que poucas persoas saben e tamén che ensina a aprezar as pequenas cousas que normalmente non valoramos.

Á hora de ler este libro pode que haxa xente á que lle custe entendelo debido ás palabras tan complicadas que utiliza, pero segue sendo un dos libros máis interesantes que lin.



Cubelo en San Mamede, Carnota, o paraíso de Noa Sande Trillo (2º B)


A miña aldea é Cubelo, encóntrase en San Mamede, Carnota. Nunca me parei a contalos pero terá aproximadamente unhas 5/6 parellas de avós, a miña casa é a máis afastada da estrada polo que nos verán meus primos, meu irmán e mias eu podemos xogar sen problema.

A miña época favorita para ir a miña aldea é o verán porque ou imos á praia, facemos guerras de auga, imos coa miña avoa a dar unha volta en tractor ou á horta ... Ás veces cun plástico que utilizan para tapar os rolos de herba seca, entre todos quitamos as herbas que medran detrás da finca que teñen os meus avós e estendemos o plástico dende o comezo da finca ata un buratiño que nos leva cara un regato pequeno. Collemos dúas mangueiras, caldeiros cheos de auga e tirámonos como se fose un tobogán e acabamos no río.

No verán a miña nai déixame invitar amigas e pasamos xuntas a fin de semana, pero o que máis me gusta é cando convidamos a miña prima Carla que, aínda que non é prima miña por parte de nai, os meus avós xa a queren como se fose outra neta máis; ademais as amigas poden vir unha fin de semana, pero é que ela pasa todo o verán connosco.

E despois de contarvos porque a min me encanta ir, terei que dicirvos algo sobre os lugares de turismo e cousas desas que se din cando falas dun lugar:


A Boca do Río: É moi longa, aproximadamente son uns 7km de praia, pero o mellor é que cando a marea está alta, chega ao principio da praia, enche unhas pozas ao lado dalgunhas pedras e dende alí pódese saltar. Cando está baixa tes que camiñar un anaco ata encontrar o mar.




Hórreo de Carnota: É un hórreo enorme e con moitos piares, exactamente ten 22 parellas. É o terceiro hórreo máis grande de Galicia.

O Monte Pindo: Encóntrase moi próximo á praia, depende do teu ritmo pódeche levar un tempo ou outro pero o normal é facer a subida en 2/3 horas e a baixada outras 2 horas.


A Fervenza do Ézaro: Non está exactamente dentro de Carnota pero dende Carnota a Dumbría (lugar onde se encontran as cascadas) non hai máis de vinte minutos. Se miras e te informas hai algúns días que lle poñen luz á fervenza.







Mirador de Louredo: Cando baixas en dirección á praia encóntraste cun mirador moi bonito dende o cal se pode ver toda a praia.




Faltan moitos máis pero, sen ningunha dubida, esas son as miñas preferidas. Eu sei que haberá xente que pensará que a cidade é o mellor, pois hai tecnoloxía e podes baixar cos teus amigos... Pero eu non me vou cansar de dicilo, como na aldea non hai outro sitio!!

Noa Sande Trillo (2º ESO B)

RECEITAS DE COZINHA EM PORTUGUÊS

O alunado de 2º da ESO de Português desenhou estas cartolinas com receitas tradicionais aprendidas de mães e avós que vão estar expostas no ...