venres, 3 de xaneiro de 2020

Nova antoloxía de música galega Contemporánea creada polo alumnado do IES Neira Vilas de Oleiros.




A Antoloxía de música galega contemporánea creada polo alumnado do IES Neira Vilas de Oleiros vainos servir para lembrar ou coñecer grupos de música en galego, a maior parte en activo de todos os estilos como o Trap, Reggaeton, Hip Hop, Death Metal ou Reggae, Pop, Música folk, Rock, entre outros


Galeguíza-T é un grupo de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros, que baixo a a coordinación do seu profesor Alberto Pombo, coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística deste instituto, presentou no pasado decembro esta extensa playlist de Spotify con máis de 200 grupos contemporáneos que fan música en galego. É a Nova antoloxía da música galega contemporánea, unha escolma que reúne máis de 300 horas de música en lingua galega de bandas en activo como Ezetaerre, Malandrómeda, Caxade, Boyanka Kostova, Skacha, Medomedá, O Sonoro Maxín, Xabier Díaz, Festicultores, Rebeliom do Inframundo...

Visibilizar a existencia de música actual en lingua galega, cando os espazos de distribución non van moito máis alá das redes sociais, é moi interesante para combater os prexuízos de parte da mocidade que admite que non coñece contidos ou ámbitos de lecer próximos aos seus gustos na nosa lingua.

Coñecermos a diversidade de xéneros na nosa música actual vainos servir de punto de partida para que cada un de vós poidades descubrir e explorar o que máis vos atraia e no caso do alumnado de 4º da ESO irdes decidindo sobre que estilo ou músico/a elaboraredes a vosa exposición oral para o segundo trimestre.
Desfrutade de toda esta variada música!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO