luns, 22 de febreiro de 2021

Feliz idade de Olga Novo, recensión literaria de Sara Sanz Fonta (1º Bach A)

Feliz Idade é un paseo, da man da talentosa Olga Novo, por un recóndito bosque de cromosomas. Este libro conta cunha selección de poemas cos que Olga nos invita a trepar pola súa árbore xenealóxica, a tropezarnos coas súas ramas, a descubrir as súas raíces e as follas máis novas. As súas palabras atopan a maneira de crecer dentro de nós, coma sementes que ela planta e rega na nosa leira.

O libro está escrito expresamente para a súa filla, Lúa, á que lle dedica gran parte dos seus versos, sobre todo os comprendidos nos primeiros capítulos, nos que nos conta de maneira moi íntima e tenra, moitos aspectos da maternidade, tanto do embarazo como dos sentimentos que lle produce ver medrar a alguén que estivo dentro dela durante 9 meses.

Nestes capítulos Olga fálanos do que é construírlle unha infancia ao teu fillo e ademais suxire un concepto moi interesante que me fixo reflexionar sobre o feito de que cando crías á túa descendencia, na maioría dos casos, estás inculcándolle gran parte dos valores cos que ti mesma medraches e conviviches, preservando aos teus antepasados nas xeracións futuras da túa familia. Desta maneira a autora establece unha ponte entre o futuro, a súa filla, e o pasado, o cal aparece representado coa figura do seu pai, o avó de Lúa. Esta persoa constitúe un piar fundamental xa que se lle dedica un capítulo enteiro ademais de numerosos versos e metáforas dispersos noutros poemas. Olga atopa a maneira de representar realidades moi duras, como poden ser a morte, a vellez ou o Alzheimer, dunha maneira moi sensible e agarimosa, impregnando cada poema dunha dozura infinita, facendo ao seu pai eterno a través das palabras, aínda que non se poida escribir unha elexía a un tigre, como escribe ela. E de pronto atopámonos cun capítulo que fala dun sentimento que funciona como fío condutor de todo o libro; o amor, pero non soamente o amor romántico, ou amor cara á parella, senón tamén o amor xenuíno cara á familia, sobre todo aparece enfocado cara á súa filla, e nalgunhas ocasións cara ela mesma. Moitos poemas desta temática non van cara un destinatario determinado xa que describen o amor coma un concepto moi abstracto e impreciso, polo que cando os les podes interpretalos de maneira libre creando un sentimento de unión co poema e coas emocións tan auténticas que están a describirse.

A poesía de Olga Novo, tanto coma a de Yolanda Castaño e outras poetisas galegas, é un refacho de aire sobre o panorama literario galego, pero tamén a nivel nacional. En concreto, este libro gañou o Premio Nacional da Crítica Española do ano 2019, e Olga Novo foi agasallada noutras ocasións pola súa poesía e polo seu ensaio. Estamos convivindo cunha xeración de talentosas escritoras e poetisas galegas que buscan reivindicar o noso papel na literatura e que teñen unha calidade na súa escrita verdadeiramente excepcional. Ademais nas súas obras buscan reclamar a sexualidade da muller como algo noso e desfacerse dos tabús impostos cara o erotismo e a sexualidade feminina, tratándose dunha poesía totalmente nova e libertaria. E realmente fermoso ler este libro e eu recoméndoo a todo aquel que busque emocionarse lendo poesía. Grazas a Olga Novo por conmovernos coas túas verbas e por inculcarnos sentimentos tan bonitos a través desta viaxe guiada polo teu bosque de cromosomas.

Tantos anos de silencio de Francisco Castro, recensión crítica de María Fieira Muíño (1º Bach B)


Tantos anos de silencio é unha novela escrita por Francisco Castro, publicada en febreiro do 2020. Francisco Castro naceu en Vigo, é escritor e traballa dende hai anos como cronista cultural en varios medios galegos, actualmente dirixe na Editorial Galaxia á que tamén dirixe. Os xéneros máis destacados das súas obras é a novela e, a literatura infantil e xuvenil. Tantos anos de silencio é a súa obra máis recente, da que vou falar.

Esta novela, cóntanos a historia dunhas foxas comúns da Guerra Civil que a moza Ánxela acepta dirixir no Pazo de Flavia. Cando Ánxela e o seu equipo escava nestas foxas atopan os restos de seis persoas fusiladas, pero hai algo que lle chama a atención, o esqueleto dunha muller que aperta un libro. Ao longo desta historia, Ánxela investiga profundamente este caso do que cada vez vai relacionando esta información ata que chega a un punto clave para poder saber toda a verdade sobre o caso; e ao mesmo tempo tamén loita contra o acoso e os malos tratos recibidos por parte do seu marido Ramiro.

Moitos anos antes da escavación, o doutor Emilio Varela xunto a súa muller, que morre pouco despois, a súa filla biolóxica Ana e os seus fillos “adoptados” Darío Rocha e Ramón Gándara, dous nenos orfos, atópanse no Pazo de Flavia, un proxecto do doutor para o pobo no que quería divulgar as letras que el amaba a través dunha educación digna. O doutor dálle a eses nenos unha vida que sen el, non poderían ter. A Darío dálle a oportunidade de marchar a formarse como militar mentres que Ramón queda no Pazo xa que a súa vida son as letras e Ana.

Canto estala a Guerra Civil, toda a ilusión e o esforzo que involucraran o doutor e a súa familia no Pazo, viuse prexudicada pola chegada dos nacionalistas ao pobo. As ideas liberais que divulgara o doutor non estaban toleradas pola xente que viña gobernar.

Derruíron todos os seus soños dunha labazada sen saber que o peor estaba aínda por vir e que a dor sentimental gañaría a dor física provocado polas numerosas torturas.

Este libro reflicte ese temor e dor que provocou o estalido da Guerra Civil no país, levándose por diante numerosas vítimas inocentes cun pensamento liberal que os facía ser culpables aos ollos dos nacionalistas. Esa valentía que demostraba o doutor sabendo que era o feble arriscándose a morrer en escasos segundos, e ao mesmo tempo o medo de perder a persoa que máis quería, a súa filla Ana, a mans de Darío, ese fillo a quen lle deu todo e que se converteu no seu maior inimigo.

Recomendaría este libro a todos as persoas, xa que é un libro moi interesante e impactante que fai reflexionar sobre unha época de escuridade na que se cobraron moitas vidas inocentes e tamén pola historia tan bonita que reflicte o gran amor dun pai e unha filla.

mércores, 17 de febreiro de 2021

Os nenos da varíola de María Solar, recensión literaria de Sarai Coba Vázquez (1º Bacharelato B)

Nesta novela escrita por María Solar, podemos observar que o tema consiste no desenvolvemento da vacina contra a varíola e a súa expansión polo mundo ata chegar a ser erradicada por completo en 1980. O libro, céntrase no ocorrido na Coruña durante o século XIX. A pesar de que algúns sucesos redactados no libro son ficticios, a maioría non o son. É unha historia baseada en feitos reais.

María Solar expresa o seu agradecemento e recoñecemento aos vinte e dous nenos que formaron parte da Real Expedición Filantrópica da Vacina. A ela, cando estudou na facultade de Bioloxía, explicáronlle a expedición de Balmis, onde vinte e dous nenos cruzaron o océano Atlántico transportando nos seus corpiños a vacina da varíola. Cando sufriu un xiro na súa carreira profesional cara ao periodismo, decidiu contar coa axuda duns investigadores que recolleran as idades e nomes dos nenos que foran case esquecidos pola sociedade e decidiuse a revivir as almas deses pequenos heroes que cambiaran o mundo.

Ao ler a historia, para min descoñecida, puiden sentir esa morriña que sentían aqueles nenos ao partir do porto da Coruña cara un futuro incerto e perigoso. Estes nenos orfos deixaban o seu fogar, para emprender unha longa viaxe que prometía prosperidade e novas oportunidades para eles, máis das que lles esperaban na súa terra nativa. Completamente de acordo coa autora do libro, eses nenos merecen ser recoñecidos pola súa valentía ademais do esforzo mental e físico que tiveron que facer ao longo da viaxe coa vacina nos seus corpiños.

Incriblemente, nesta expedición formou parte Isabel Zendal, unha muller. Ela era a reitora do hospicio, ademais de ser nai solteira, o cal non era moi ben visto naquela época. Esta muller tivo un papel moi importante na historia, era para moitos dos nenos orfos a figura materna que nunca tiveran, ademais de ser intelixente e axudar na expedición cos seus coñecementos, sendo enfermeira. Paréceme unha muller moi valente, que prefire loitar e resistir fronte aos problemas que deixarse vencer por eles. Podemos decatarnos disto dende o principio da historia cando en vez de abandonar o seu fillo, decidiu crialo soa e traballar duro para mantelo. Ou tamén cando quedou sen cartos porque Tomás lle roubara todo o que tiña, decidiu formar parte da expedición e buscar un novo futuro para ela e Benito.

Quedeime asombrada cando coñecín a gran bondade do doutor Posse cos nenos e o respecto que tiña cara os demais sen importar o sexo, posición laboral ou idade. A miúdo cando pensamos nesa época na que as mulleres eran denigradas, a sociedade estaba dividida por clases e había moita tensión social, pensamos en persoas que só pensan no seu benestar propio. Por iso o carisma amable do doutor Posse e os grandes xestos que tivo co protagonista ao ofrecerlle un traballo no seu hospital e comprometerse a ensinarlle letras e números, paréceme digno de honra.

A varíola é unha enfermidade maligna que daquela podía provocar a morte, pero se tiñas sorte e sobrevivías quedábanche secuelas, como a cegueira ou ronchas na pel. Isto causou unha gran mortalidade que foi decrecendo pouco a pouco ata estabilizarse, pero aínda existía aquela enfermidade contaxiosa e perigosa no mundo. A través de científicos, descubriron que existía unha varíola que afectaba as vacas, pero que para os humanos non era mortal, entón fixeron varios experimentos nos que se comprobou a validez da vacina. Comezouse a expandir polo mundo, no que tiveron relevancia grandes expedicións como a da Coruña.

Os vinte e dous nenos máis o equipo da expedición partiron dende o porto da Coruña no barco O María Pita. A misión non era sinxela, de feito era moi complica, tanto que requiría ter esperanza nas situacións máis fráxiles. Lograron levar a vacina por toda América, sacrificándose moitos deles no camiño, como Salvany. Anos despois, Balmis regresou a España e foi recibido con honra, mentres que outros como Isabel Zendal ou Salvany non puideron regresar.

Indiscutiblemente, este feito é histórico, non só debido a que se lograra erradicar a enfermidade, senón que o verdadeiramente honrado foi a unión das persoas para levalo a cabo. Formaron unha cadea humana para transportar a vacina nos seus brazos e estaban dispostos a loitar pola causa. Esa colaboración logrou salvar a vida de millóns de persoas e conseguir un lugar máis seguro para as novas vidas.



Vento e chuvia de Manuel Gago, recensión literaria de Aldara García Bergondo (1º Bacharelato B)

Vento e chuvia é un libro do autor Manuel Gago e apoiado nas ilustracións de Manel Cráneo, onde se xuntan una serie de relatos do mundo da Idade de Ferro. Manuel Gago, nado en Palmeira (Ribeira) é un xornalista e profesor galego na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Ten varias novelas en narrativa moi coñecidas á parte de Vento e Chuvia, así como O anxo negro e O exército do fume.

No territorio extenso e misterioso onde vivimos, tempo atrás os homes conviviron cos deuses. Onde hoxe vemos ruínas con formas circulares e murallas en mal estado, hai miles de anos, contáronse historias de xeración en xeración de deuses cos mesmos costumes ca nós e cos mesmos sentimentos.

É unha viaxe no tempo ás vellas historias que se contaban na noite dos castros, unha das orixes máis importantes da sociedade galega. Aquí atoparemos ás tres mulleres Sulas Natugaicas, ao Vestio Aloneico, a Poemana…

Na primeira parte deste libro fálase de 10 fascinantes deuses da mitoloxía da antiga Gallaecia. E a segunda parte, o autor explica o porqué da obra, datos da Idade de Ferro e agradecementos.

Personalmente, o libro gustoume e aprendín moitas cosas de mitoloxía que descoñecía. A min sempre me encantaron este tipo de temas, e poder atopar libros que achegan tantas cousas de mitos de Galicia paréceme xenial. Quería facer especial mención tamén ao ilustrador coruñés Manel Cráneo, parécenme moi apropiadas e moi bonitas as ilustracións de todo libro.

Por último, considero que este libro non é un libro de mitoloxía clásico ao que estamos acostumados. Está adaptado e formado cun material que nos permite un acceso e entendemento a todo o mundo, poder involucrarnos na historia e desfrutar dela mentres aprendemos mitoloxía da nosa terra. Por iso mesmo, recomendaría este libro a todo o mundo, xa que é fácil de ler e moi interesante. Pero, especialmente á xente de Galicia é a quen lle gusta a mitoloxía en xeral.



luns, 15 de febreiro de 2021

Os lobos de Moeche de Manel Cráneo, recensión literaria de Eva Peña Porto (1º Bacharelato A)

Os lobos de moeche é unha novela gráfica escrita por Manel Cráneo. Cóntanos a historia de como sucederon as tan recoñecidas revoltas irmandiñas das que os pobos galegos foron os protagonistas, derrocando máis de 140 fortalezas e castelos de nobres. Estas revoltas prodúcense debido ós continuos abusos dos señores feudais contra o pobo.

A historia comeza cun pesadelo que atormenta a Martín, o noso protagonista, durante unha noite enteira. Neste pesadelo, uns lobos que saben falar perségueno ata que o acurralan, pero o soño remata xusto alí pois a nai espértao para que vaia traballar no campo con ela.

Martín é o home da familia dende que o seu irmán Lopo marchara cara Lugo 5 anos atrás, e o seu pai morrera cando el era pequenho. Esa mañá, o antagonista principal, un fidalgo a cargo do alcalde de Lugo e compañeiro de Nono Freire de Andrade, vai a casa do prota a exixir os impostos a nai de Martín, quen di que xa os pagou. Nun acto de rabia, este asasina a nai diante de Martín.

Lopo visítao durante o enterro, e leva a Martín a Lugo. Alí, el coñecerá a “Irmandade” á que pertence Lopo e unirase ás revoltas irmandiñas xunto seu irmán.

A representación dos lobos no pesadelo de Martín é un dato importante durante toda a historia, pois a bandeira dos señores que matan a nai de Martín teñen como símbolo a este animal. Este pesadelo representa a continua sensación de verse perseguido e presionado por aqueles seres que poden arrebatarche a vida de forma inxusta.

A completa obra baséase nese sentimento de indiferenza que provoca a situación de Martín, que pese á súa curta idade loita nas revoltas buscando a vinganza da súa nai. Pese a ser unha historia reducida, podes ver o desenvolvemento de Martín de covarde a completo home que loita polas súas crenzas tendo como modelo a seguir (pese a que o rexeita ó principio) a Lopo.

Lopo non presenta un alto desenvolvemento como personaxe, o que eu entendo como representación dun ideal fixo polo que pode morrer sen dúbida. Martín ademais coñece a outras entidades da Irmandade que forman os seus puntos de vista mesturados cos do seu irmán.

O cómic ten un contexto histórico ben localizado, e incluso, ó final deste hai unas cantas páxinas que falan do castelo de Moeche, onde se produce a principal revolta onde Martín perde a súa inocencia por completo e convértese nun loitador.

O resto de personaxes tampoco presentan evolución algunha.

Personalmente, o final de ambos personaxes (pois máis adiante se lle dá un gran protagonismo a Lopo) non me gustou moito, pois é aberto, o de Martín non tanto, pero non se sabe o que ocorre con Lopo ao final do cómic, o que deixa coa intriga por completo. Quitando esta opinión sobre a forma de finalizar, o que máis me gustou deste cómic foi o estilo de debuxo, pois pese a non ser moi realista, capta a atención porque, eu, sendo alguén que debuxa, e que persoalmente me gustaría publicar un cómic, pensaba que para poder publicar un cómic, tes a necesidade de debuxar un mínimo de realista e dar concepción espacial, pero este artista xoga coa deformación de rostros por personalidade e da realidade coma paisaxe.

xoves, 4 de febreiro de 2021

Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor, recensión crítica de Olga Fernández Marta (1º Bach A)

Enderezo descoñecido, obra de Kressmann Taylor (Kathrine Kressmann) representa a correspondencia que se cruzan Max e Martin dende 1932 ata 1934. Martin Schulse e o xudeu Max Eisenstein son amigos e traballan xuntos nunha galería de arte en California. Os dous proveñen de Alemaña e viviron case toda a súa vida en EEUU. Martin decide volver coa súa familia a Alemaña en 1932 para que os seus fillos coñezan a súa patria e non perdan a súa identidade. Esta novela epistolar de gran sinxeleza achega unha perspectiva moi enriquecedora sobre o nazismo e os seus seguidores.

O seu carácter epistolar fai que poidamos observar ás personaxes dende un punto de moita máis intimidade. O feito de poder acceder á correspondencia privada lévanos a un estado de complicidade e confesión que nos axuda a entender esta amizade. Ao mesmo tempo fornece inmediatez e fai que os feitos cheguen a nós dunha forma moito máis chocante.

O contido da novela é moi delicado. Escribiuse cando EEUU aínda non estaba involucrado nos problemas do continente europeo, polo que a voz reivindicativa de Kathrine é un refacho de realidade naquel momento. Céntrase na ruptura dunha amizade que parecía inquebrantable. Martin sofre un cambio que o enche de ira, rabia e resentimento. Durante o intercambio de cartas obsérvase a transformación radical de Martin, que o converte nunha persoa intolerante e racista.

O punto máis importante da novela é que nos recorda que a maioría dos alemáns percibían a Hitler como un salvador e un gran líder, e non todas esas persoas tiñan que ser malas. Alemaña sufrira unha gran pobreza e vergoña dende a Primeira Guerra Mundial. Cando lle dás un anaco de pan a unha persoa famenta e lle prometes un futuro mellor, non vai cuestionar a súa procedencia porque non o pode permitirse iso. Como di a novela, para eles non existe a opción de elixir entre “un verdadeiro xefe e o anxo da morte”. O nazismo retrátase coma un veleno que corroe as persoas e as relacións.

A novela dá un xiro de 360º cando a actitude esperanzadora de Max se converte en vinganza e comeza a escribirlle cartas sen ningún sentido pero que parecen albergar algún tipo de código en contra do réxime nazi. Max emprega as propias armas do nazismo como a censura das cartas para castigar a Martin por non axudar á súa irmá Griselle cando era perseguida.

En conclusión, o triste desenlace dunha amizade fainos entender o comportamento humano fronte a movementos maioritarios. Max déixase arrastrar pola sede de vinganza e a ira e Martin consómese polo odio. Este libro resume a transformación ideolóxica que o nazismo operou nas alemáns e fainos entender como o discurso de Hitler puido ser interiorizado por millóns de persoas. Porén, a novela é unha arrepiante reflexión sobre o fácil que é manipular as persoas, aínda máis en momentos de crise, unha reflexión que tamén deberiamos aplicar nos nosos tempos.


RECEITAS DE COZINHA EM PORTUGUÊS

O alunado de 2º da ESO de Português desenhou estas cartolinas com receitas tradicionais aprendidas de mães e avós que vão estar expostas no ...