sábado, 20 de maio de 2023

O club da calceta de María Reimóndez, recensión de Aarón López Sánchez (1º Bach C)

Seis mulleres moi diferentes xúntanse nun club de calceta e cóntanse as súas vidas. Deciden axudarse unhas ás outras e todas acadan esa forza que necesitaban para sentirse libres e contentas consigo mesmo.

Para facer este traballo, primeiro explicarei o libro, para poñer en situación do acontecido e logo farei unha comparación coa película. Ao final darei a miña valoración.

O libro comeza cun home na comisaría denunciando, cunha serie de artigos de xornal na man, que esoe accidentes foron en realidade asasinatos e que seis mulleres eran as culpables. O policía non o cre e tómao por tolo. Non leva probas. Así, o libro comeza amosándonos o final, aínda que non deixa claro quen é ese home.

Divídese en sete capítulos, un dedicado a cada muller e o derradeiro describe as súas vidas na actualidade.

Cada capítulo comeza co anuncio dun accidente escrito no xornal e a causante de tal accidente é a protagonista dese capítulo.

Elástico

Morre un home dun accidente na construción (era o que acosaba a Anxos)

Matilde é unha muller moi grande, casada con Manuel, que é un home pequeno que traballa nunha gasolineira. Ela pasa o día traballando limpando casas e locais e á súa vez fai todas as tarefas do seu fogar. Manuel é moi machista, sempre quere ter a comida a súa hora e se non, enfádase moito. Sempre está a rifar con Matilde, aínda que ela plántalle cara ou pasa del.

Matilde ten visións da súa tía avoa Davinia e fala con ela. Dende que era pequena vai con ela a todos os sitios. A tía avoa quere que Matilde faga algo coa súa vida, que plante cara a todos os que se meten con ela, pero é moi boa e cala. Davinia dille que se apunte a unhas clases de calceta e, despois de pensalo, decide ir, porque é nun dos locais que limpa. Alí xúntanse seis mulleres (Elvira Matilde, Anxos, Rebeca, Luz e Fernanda) todos os xoves.

Matilde entra nunha tenda de roupa porque lle gusta un top, pero o encargado métese con ela polo seu corpo e vaise. Outro día volta e, de forma educada, pídelle que pida un da súa talla, pero este dille que se vaia a unha tenda de tallas grandes, pretende humillala, pero ela vaise coa cabeza alta.

Vai a casa da súa nai para buscar cousas de Davinia e alí atópase cunha veciña (A Tola) que a confunde coa súa tía avoa, e dille que dende que a viu correndo cara ó río non soubo dela. Foi interrompida pola súa nai, pero a Matilde quedáronlle ganas de saber o que acontecera. Cóntalles esta historia ás de calceta e Rebeca dille que busque cando morreu, que ela pode acadar información.

Dianteira

Morre un home que se dedicaba a recrutar xente para unha empresa (o que humillaba a Rebeca)

Ángeles é unha moza universitaria moi reivindicativa e involucrada na defensa do feminismo. Ela, mais Bea e Ana, (compañeiras) xúntanse nunha asemblea para axudar na campaña electoral do rector, que nese ano gaña as eleccións e ela consegue un traballo na universidade. Coñece a Damián, un mozo moi involucrado, coma ela, nos seus ideais, e acaban casando. Ángeles decide chamarse Anxos.

Está cansada da súa vida, considera que todo o que loitou de xove quedou no olvido, ao fin sempre é o mesmo. Escribe artigos feministas para a universidade e forma parte dun partido político, onde tamén está Damián, ao principio buscaban a igualdade de xénero en todo, pero ao fin non é así, sempre poñen escusas para xustificar a presenza dos homes por riba das mulleres. Nunha xuntanza do partido, recrimina a todos polos seus ideais, que aínda que din que axudan nas tarefas do fogar, se non o fan, contratan a mulleres para facelo. Din que buscan a igualdade, pero poñen por riba os intereses das empresas para xustificar que non é o momento de loitar pola muller. Acúsana de agresiva e dimite. Ao final sepárase de Damián, porque dáse de conta de que non teñen nada en común, falan das cousas do partido e que teñen ideais moi diferentes. Non os une nada.

Todo isto cóntallelo ás compañeiras de calceta.


Mangas

Morre o padre Serafín mentrEs estaba confesando a unha loura (trama de Elvira)

Rebeca é unha moza moi fermosa, que é secretaria de dirección. O seu mozo, Antón, engánaa coa súa xefa e dille que quere estar coas dúas.

Vive cos seus pais e un irmán. A nai o único que quere é que busque traballo de modelo e coide o seu corpo, porque coa súa beleza ten que acadar bos traballos e un bo marido. Non ten amigas, xa que as da universidade a deixaron de lado, porque non estaba ao seu nivel (tiñan mais cartos e mellor posición social). Ela considérase coma unha loura tonta, a xente vea coma unha Barbie, fermosa, e cun mozo con cartos que a pode manter.

Vai a unha entrevista de traballo para xerente dunha empresa e o entrevistador dille que xa lle conseguira o de secretaria que era acorde a ela, xa que pola súa beleza é o que ten que ser. No outro hai unha xefa e non levaría ben que houbera outra muller, e por riba tan fermosa. Hai unha situación de acoso sexual.

Rebeca ten unha coñecida, Mariana (bibliotecaria) que consegue a información de Davinia. Matou un home (ilustre da villa) en vinganza pola violación da súa amiga (que resultou ser A Tola) e despois tirouse ao río. O anuncio poñía “dubidoso caso de honra” porque non crían a súa versión, xa que o home tiña boa reputación.

Rebeca atopa a Antón e a súa xefa no despacho e dálle unha labadaza e vaise.

Busca un piso de aluguer para saír da casa dos seus pais.

Colo

Morre un home no roubo da súa tenda (era o encargado da tenda que humillaba a Matilde)

Elvira é a profesora de calceta, aínda que ao principio faise pasar por unha alumna mais.

É unha muller maior que dedicou a súa vida a axudar na Igrexa. Nunca casou e non tivo fillos. De xove, os seus pais buscábanlle marido, pero ela rexeitaba a todos (un chegou a ameazala, pero ela resistiuse). Non a deixaron estudar, pero aprendeu a ler na Igrexa, xa que o cura ensinoulle porque ela dixo que quería poder ler a Biblia. Querían metela para monxa, pero tampouco era o seu lugar. Ela quería ser libre, non casar con ninguén, ir a axudar na Igrexa, estar cos seus santos e coser. Fíxose costureira e con iso conseguiu sobrevivir cando morreron os seus pais. Vivía na casa familiar, que era moi grande e tíñaa moi descoidada, xa que non tiña moitos cartos.

Era moi observadora e sabía a vida de todos os que pasaban pola Igrexa. Un día viu a Pitusa cos ollos morados e díxollo ao padre Serafín, e este contestoulle que seguro que fora dun accidente limpando, non quixo recoñecer o evidente, xa que o marido era un home que colaboraba moito coa Igrexa. A Elvira deulle moito noxo.

Desfrutaba moito do grupo de calceta, xa que falaban da situación das mulleres, da explotación que sufrían, do capitalismo e buscaban solucións. Todas sentíanse libres alí e falaban dos seus medos. Elvira ao fin deuse conta de que o que sempre quixo ser foi cura, falar do testamento. Non acudía a Igrexa porque lle gustara mantela limpa, senón que a súa vocación era outra.

Na Igrexa había outra muller, Antonia, que tamén estaba por alí todos os días axudando. Tampouco casara nunca, pero nunca falaban das súas vidas. Un día Serafín anunciou que levaba a Virxe a outra parroquia e Elvira enfadouse moito. Antonia púxose a chorar e contoulle a Elvira o verdadeiro motivo de estar alí. Serafín e ela estiveran xuntos de mozos e ela quedara embarazada, el obrigouna a abortar porque non quería perder a súa reputación. Quedou na Igrexa como vinganza, para que a tivera que ver todos os días. Agora que quería levarse a Virxe, que tanto a axudou nos momentos malos, odiábao máis. Decidiron roubar a Virxe e levárona a casa de Elvira.

Traseira

Morre nun accidente o condutor dun bus (o buseiro que amolaba a Fernanda)

Luz é unha moza tímida moi calada. A súa nai é prostituta e dende pequena vive con ela nese mundo. No colexio metíanse con ela por iso. Nunca quixo estudar e aos 14 anos a súa nai díxolle que tiña que comezar a prostituirse que ela xa estaba cansa. Aos 16 obrigouna. A súa nai era dona dun bar onde se exercía a prostitución, chamábanlle a vella e todas facían o que ela mandaba. Non quería ese mundo pero non sabía como saír, xa que non sabía facer outra cousa. Ao bar ían mulleres dunha asociación e monxas para axudalas, pero ela non confiaba en ninguén. Levábase moi mal cunha compañeira, Mariví, ollo dereito da súa nai. Ao bar sempre ía un home que quería sacala da prostitución, pero a quería para el, coma se fora o seu dono, ela resistiuse e el pegoulle.

Sentíase ben na calceta, alí escoitaba as demais, comentaba e non a xulgaban. Un día Mariví comentou que a súa nai a mandara seguir e sabía o que facía e ameazouna de que lle contaría ás dos grupo o que realmente era; enfadouse tanto que a colleu polo pescozo. Entón decidiu contarlles a verdade o seguinte xoves. Esa mesma noite escribe o que ela pensa que puido ser a historia de Davinia.

Puños

Morre un traballador do porto afogado ao axudar a unha discapacitada (o que quería sacar a Luz da prostitución)

Fernanda estaba casada e tiña dúas fillas. Faltáballe unha perna. De pequena non quería ir ao colexio porque se mofaban dela ou a trataban con pena, e cando tivo a idade deixou de ir. Os seus pais querían que estudara para que conseguira un traballo ou que casara, porque se non, que sería dela? Ela non quería relacionarse con ninguén. Foi a unha entrevista de traballo para coidar dun neno de seis meses, pero a nai non a contratou pola súa condición. Así que, dedicouse a cociñar e coidar dos animais; traballaba no curral e así podía sobrevivir.

Casou con Xan, un amigo da súa irmá. Namorouna porque estivo unha semana cunha perna atada para poder vivir no seu lugar e comprendela. El sempre a  axudou en todo, confiaba nas súas posibilidades e animábaa a enfrontarse ao mundo; ela era a que non quería. Na calceta sentíase ben, non a trataban con pena, nin se metían con ela.

Cóntalles que ten problemas cun buseiro. Sempre paraba 100 metros máis lonxe para que tivera que ir á presa e metíase con ela por tardar e insultábaa. Presentou unha reclamación e non lle fixeron caso.

Sempre soñou con ser condutora de bus.

Rebeca foise a vivir soa; Anxos foi vivir con Elvira e Fernanda dille ao marido que quere sacar o carné de bus e poñerse a traballar.

Xersei

Capítulo que resume a situación de todas na actualidade.

Fernanda saca o carné de bus e consegue o traballo nun bus adapatado.

Anxos segue vivindo con Elvira, arranxoulle a casa e deixou de traballar tantas horas na universidade e dedícase a axudar a Luz e Rebeca na súa empresa. Decide buscar a Ana, a súa mellor amiga da facultade e xuntas crean unha revista.

Rebeca e Luz teñen unha consultoría de mulleres onde dan asesoramento empresarial, para que poidan montar as súas empresas (deulles os cartos iniciais Antonia). Ao principio custoulles arrincar, pero despois foilles ben.

Luz namórase de Laura, traballadora social que lles dá asesoramento gratis. Cando a nai se enterou de que deixaba a prostitución mandou que lle deran unha paliza, que a levou ao hospital. Alí as do grupo axudárona e as da asociación, que ían polo bar, buscáronlle un piso tutelado, unha desas era Laura. Despois, Luz tamén foi vivir con Elvira e Anxos.

Matilde decidiu montar a súa tenda de la. Manuel ao principio opoñíase e discutían moito. Ela deixou de cociñar para el e farto de berrar tivo que facelas. Manuel axudou a Matilde a facer unhas figuras de madeira, como as que facía Davinia, e voltaron a levarse coma antes.

Elvira e Antonia devolveron a Virxe, porque chegou un cura novo e era moi bo. Mandaron unha carta simulando ser os secuestradores dicindo que a devolvían coa condición de que non a levaran a outra parroquia.

Hai tres anos que deixaron de ir á calceta, aínda que a clase non a pecharon, por se querían ir outras. Reuníanse todos os xoves na casa de Elvira, Luz e Anxos e calcetaban e ceaban.

Un deses días, falaron dos anuncios de accidentes e que en realidade había moitos, que debería haber mais mulleres que pensaban coma elas. E brindaron polo club da calceta.


COMPARACIÓN COA PELÍCULA

Ao comezo da película vese unha das diferenzas máis salientables. Presenta as protagonistas, unha a unha, na súa vida, pero falta Fernanda. Este personaxe non aparece na película, e é unha das seis protagonistas do libro.

O que é a trama en si respéctana. Xúntanse no club de calceta e cóntanse as súas vidas, axudándose unha ás outras. A loita feminista e as reivindicacións do libro poden verse ao longo da película, nas conversas delas sobre a explotación das mulleres, o abuso dos homes, do sistema patriarcal, etc.

A vida de Anxos e Dámaso aparece reflexada coma no libro. Ela cansada de vivir así, non conforme aos seus ideais. Sepárase de Damián, pero o que se vai da casa é el, polo que ela queda nela e non vai vivir con Elvira. Deixa o partido e ao final monta unha empresa para axudar a mulleres traballadoras, xunto con Rebeca e despois meten a Luz. No libro a idea parte dela, pero a empresa a montan Luz e Rebeca e ela axúdaas colaborando.

No libro Anxos ten problemas cun obreiro, que sempre se mete con ela, acósaa, pero na película non aparece este personaxe en ningún momento. Aprece reflectido noutro home, Alberte, que a segue e resulta que é un compañeiro da facultade que está obsesionado con ela e discuten. Ese home resulta ser o marido de Pitusa, que a maltrataba.

Anxos e Rebeca bícanse e nun momento da película están xuntas, ata que Anxos dáse de conta de que fixo mal e ten que aclarar as súas ideas. No libro Anxos non está con ningunha persoa despois de separarse. Decide buscar a súa amiga Ana (que na película aparece como Bea, a outra do grupo da universidade).

Anxos é a que busca a información sobre Davinia, porque é avogada (no libro traballa na universidade). No libro a información a acada Rebeca.

Ao final da película todas se reúnen en casa de Anxo, no libro é na de Elvira.

Rebeca vive coa súa nai, no libro ten os dous pais e un irmán. A nai aparece reflectida coma no libro, busca para a súa filla o que ela non acadou, que por ser fermosa ten que ter unha boa posición. Traballa nun supermercado, non de secretaria. Damián, o seu mozo, engánaa con outra persoa, pero non é a súa xefa. A xefa de Rebeca é unha tirana, que a amola por todo e tamén é a dona dunha das casas onde limpa Matilde (resulta ser tamén cuñada de Serafín). Tamén é unha antiga amiga de Anxos, da época da universidade. Todo isto no libro non aparece.

Vai a unha entrevista polo posto de xerente e o señor ofrécelle un de secretaria (no libro xa o é) e non o quere; el dille que é o adecuado pola súa beleza. Volve a outra entrevista e é acosada, coma no libro. Ese señor resulta ser amigo da súa xefa.

Rebeca acaba namorada de Laura, a traballadora social. No libro é Luz a que acaba con Laura.

Matilde aparece reflectida coma no libro, coa historia da súa tía avoa Davinia. Manuel é un machista e pode verse o maltrato que hai, no sentido que é un tirano e esixe que faga as cousas para el. Parece que na película preséntase un pouco mais cercano, porque cando ela chora fai o amago de consolala, aínda que non o fai.

No tema da tenda de roupa, vese coma no libro, o encargado métese con ela, aínda que na película a bota da tenda de malas formas. Decide montar a súa tenda (xunto con Pitusa, cousa que non é no libro). Manuel axúdaa facendo o cartel e mirando o local (que resulta ser o da tenda onde ía ver o top). Na película vese como Manuel se enfada pola idea da tenda, pero despois aparece moi cercano a Matilde. Parecen namorados e un matrimonio feliz, cousa que no libro non é así.

No libro o encargado da tenda morre, pero na película vese coma ten a tenda destrozada e a el ferido na cara.

Elvira aparece axudando na Igrexa coma no libro. Na película non aparece o personaxe de Antonia, danlle protagonismo a Pitusa (no libro só aparece mencionada no tema do maltrato). Elvira faise moi amiga de Luz, no libro non amosan tanta cercanía. Estando un día na casa de Elvira, esta lle confiesa o que lle pasou con Serafín (que no libro é o que lle acontece a Antonia).

O tema da Virxe é igual, o rouban elas (Antonia non). Pero Elvira na película ten pouco protagonismo, xa que morre (no libro non). A raíz de aquí súmase ao grupo de calceta Pitusa. O seu marido é o acosador de Anxos e sepárase del e o denuncia. No libro non acontece nada diso.

Trala morte de Elvira reúnense todas e deciden facer algo na súa honra e de aí saen as tres mortes (no libro decídeno por honrar a Davinia). Rebeca vai xunto Serafín. Luz ten un encontro co entrevistador de Rebeca e Anxos a axuda. Matilde queda co acosador de Luz e tamén vai Pitusa. No libro aparecen seis mortos, na película tres. O que si é verdade que tanto no libro coma na película non aparecen os actos en si. Non amosan a violencia, nin como foi. A fin é a loita das mulleres, non a violencia.

Luz é a que aparece mais reflectida na película. Podemos ver a súa vida na prostitución, tal e como se narra no libro. A súa nai é a dona do bar, pero aquí aparece un home ruso, sempre ao carón da nai, axundándoa co negocio. O home que a quere sacar da prostitución aparece na película mais violento e obsesivo, búscaa na rúa, ameázaa, lévaa á súa casa (cousas que no libro non acontecen).

O marido de Pitusa vai ao bar e abusa de Luz e pégalle. Ao día seguinte faise a enferma e non quere traballar, pero a súa nai obrígaa. No lbro quen lle pega é o que a quere sacar da prostitución e a nai permítelle non traballar ao día seguinte, cre que está enferma.

Luz e Mariví lévanse mal e iso é igual nos dous sitios. Pero, na película aparece a figura doutra prosituta, como amiga de Luz, no libro non. Aparecen falando de que o vai deixar e nese intre entra a nai (porque Mariví lle conta o da calceta e que quere irse) e dálle unha paliza. Entran tamén o ruso e Mariví e os tres mallan nela (no libro manda a alguén darlle a paliza). Cando está no hospital están todas con ela e chega a outra prostituta, coa cara mancada e cóntalle que foi a que chamou a ambulancia e denunciou a situación e agora a nai está detida (no libro non aparece esta moza e non deteñen a súa nai).

Ao final da película están en casa de Anxos reunidas (Pitusa, Luz, Rebeca, Matilde, Laura e a outra prostituta amiga de Luz). Brindan polo club da calceta e saen ao balcón, alí está o ex marido de Pitusa que as mira e vaise con medo. De aí vai á comisaría a denunciar que os tres accidentes foran en realidade asasinatos, pero non o creron porque tiña antecedentes. No libro non se menciona quen é o que vai á comisaría.


VALORACIÓN PERSOAL

Valorando a película por separado, pode dicirse que está ben. Ten unha boa trama e amosa a idea que se quere recalcar, o abuso cara a muller, o machismo e o culto ao corpo feminino, coma se coa beleza todo se acada.

Pero se hai que comparar o libro e a película, claramente prefiro o libro. Xa non porque no se respecte o argumento orixinal (non aparece Fernanda ou morre Elvira), senón porque profundiza máis na vida de cada unha, podendo poñerse no seu lugar, coñecer os seus pensamentos. Algo a favor da película é que entrelaza os personaxes, xa que durante o filme pódese ir fiando unha trama con outra. Ao comezo aparece Luz tomando algo nun bar, onde a miran mal por como vai vestida e nese bar están Rebeca e Antón falando. Cando saen, Antón mira mal a Luz (aí comezan a entrelazarse as vidas de Rebeca e Luz). Noutra escea, cando Luz e Elvira camiñan pola rúa, pasa unha parella de namorados e el é un asiduo do bar onde traballa Luz. O marido de Pitusa é un antigo amigo de Anxo e o seu acosador. O que humilla a Rebeca é amigo da súa xefa e para esta tamén traballa Matilde. É dicir, na película entrelázanse as vidas de todas, como se estiveran destinadas a xuntarse. Isto tamén o fan para chamar a atención do espectador, que non perda fío e se involucre na acción.

Se soamente ves a película quedas cunha boa sensación. É unha película realista, que pretende denunciar a situación de moitas mulleres. Pero se les o libro, entendes que vai mais alá, que non é amosar soamente a vida de certas mulleres, senón que é a denuncia de todo un colectivo, que toda a vida leva sendo considerado inferior e que en cada acto que unha fai hai sempre un contexto imposto pola sociedade.

Na miña opinión, creo que Fernanda non forma parte do filme porque a súa historia non ten tanto impacto coma as das demais. O seu marido é bo, sempre ao seu carón, enténdea e axúdaa, e, sobre todo, confía nas súas posibilidades. É o único home bo que hai no libro. Quen ten os impedimentos é ela na súa cabeza, xa que fai da súa condición un problema. Cando consegue verse coma as demais é cando busca acadar os seus soños. En lugar de amosar este personaxe, búscase recalcar máis a Pitusa, muller maltratada. No libro pasa moi por enriba, pero na película cobra protagonismo, tanto ela coma o marido (xa que é tamén o acosador de Anxos). O impacto de ver un home como maltratador, acosador e sen rumbo, cala máis nos espectadores. Podemos tomar máis conciencia do que quere transmitirnos a película. A loita das mulleres por ser elas mesmas, sen ter que depender dun home, de non ter que aparentar o que non queren, nin loitar por algo que lles corresponde. Na fin, a igualdade cos homes, como persoas que son.

Gústame que ao principio poidamos velas como mulleres reprimidas que, moitas veces, elas mesmas o xustifican (Matilde sempre defende que o marido a quere, aínda que a ten de criada), pero despois de falar entre elas abren os ollos de verdade, ao ver a realidade na vida das demais e collen as súas vidas polas mans. Hai unha gran evolución en todas elas.

Na película, a que máis protagonismo ten é Luz, pasa o mesmo que con Pitusa, sempre causa maior impacto a vida que leva unha prostituta, obrigada dende nena pola súa nai, mallada polos homes a diario que, ao mellor, Rebeca que, aínda que vive marcada pola súa beleza, parece que non sofre tanto. Para facer unha película o guión ten que ser visual, que chegue á sensibilidade dos espectadores; de aí que haxa moitas esceas sobre a vida de Luz no bar. Pola contra, no libro hai que especificar máis todo para que o lector poida facerse unha idea.

O final paréceme que queda aberto. Non pechan as clases de calceta, simplemente ceden o sitio para que outras mulleres poidan xuntarse e acadar o que elas conseguiron. Con isto queren dicir que a loita pola igualdade nunca termina.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES