luns, 21 de novembro de 2022

O galego na ciencia, Álvaro Estévez Feijoo (1º Bach B)

O galego é unha lingua que na actualidade conta con varios prexuízos, incluído nas ciencias, considérase de ámbito rural e por iso non se usa tanto nesa contorna. Pero é unha lingua como calquera outra, e debe ser usada e respectada como o resto. É totalmente válida e non existe unha diferenza crucial entre esta e outras linguas, fóra das que teñen un uso global. 
 
Hoxe en día calquera persoa que se queira dedicar á ciencia ten que saber inglés. Esta lingua converteuse nunha sorte de idioma universal da academia científica que lle permite a investigadores de todas partes do mundo compartir ideas, descubrimentos e opinións.

Ademais, Galicia conta con algunhas contribucións á ciencia, tanto en épocas máis recentes como en tempos máis antigos. Destaca Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión humanitaria do mundo, en 1803, que a súa axuda foi decisiva. Tamén, Ángeles Alvariño, unha importante zoóloga do século XX. Como Luiz Liz Marzán un químico lucense desta época.

Isto demostra que ningunha lingua que non teña un carácter mundial, pode ser utilizada para a ciencia.

mércores, 9 de novembro de 2022

Os homes na rúa de George Simeon, recensión de Nicolás Otero Bouza (1º Bach B)

Un luns pola mañá, un garda da cárcere do Bois de Bolougne descobre nun dos sendeiros, a uns cen metros da Porta de Bagatalle, o cadáver dun home que se identificou rapidamente coma o doutor Ernest Borm. Atacárono na noite do domingo cando volvía ao seu piso disparándolle cun revólver a queimarroupa e unha bala directa ao corazón acabou coa súa vida.

Maigret, o protagonista e detective a cargo, tiña varios sospeitosos, e puxo ao cargo da investigación aos seus dous mellores homes, Torrence e Lucas. Tras varios intentos, Torrence dá cun sospeitoso con comportamentos bastante estraños, coma tirar un obxecto ao río Sena ou tentar despistalo unhas dez veces. O sospeitoso entra nun bar, Torrence ségueo e chama a Maigret.

Maigret ao chegar ve ao sospeitoso, un home alto e de aspecto foráneo. O sospeitoso non paraba de miralos e viceversa. O home, decátase de que algo raro pasa, pide a conta e marcha do bar. Nese mesmo intre, a pesar de que tanto Torrence coma Lucas dixeron que podían colaborar, Maigret ten que empezar só a persecución.

O home dirixiuse a varios bares, pero non o despistou, e Maigret chamou un compañeiro para que lle fixera unha foto e así non esquecer a súa cara. Decide non publicar ningunha foto e manter a investigación privada. O sospeitoso, vendo que non se libraba de Maigret, decidiu quedar nun motel, o máis barato de toda a zona. Maigret quedou durante varios días a durmir nas escaleiras fronte do cuarto da persoa misteriosa. Debido aos malos hábitos de sono que empezaba a ter, os seus compañeiros obrigáronlle a cambiar algunha quenda de vixía durante os días da persecución.

Ao pasar os días, notábase o cansazo por ambas partes. Maigret, grazas a cálculos propios, deduciu que non lle debía quedar moito diñeiro. O seu compañeiro Lucas descubriu grazas a unha porteira como se chamaba, Stephan Strevzki, que chegara a Francia 3 anos atrás e que estaba casado cunha muller húngara chamara Dora.

A policía, para tentar atrapalo, difundiu unha noticia da desaparición de Dora. Stephan ao vela, correu cara Maigret e entregouse. Terminou admitindo que a responsable do asasinato foi Dora. El só estaba tentando encubrila cando o viu Maigret cerca da escena do crime, e escapou todo o que puido para salvala.

No persoal, este relato paréceme moi bo pola súa forma de narrar os feitos, que me parece perfecta pola súa profundidade e os detalles que dá, que sen lugar a dúbida, fan que te sintas totalmente dentro da historia. Recomendaríalle totalmente este libro ás persoas ás que lles gusta o xénero policial e de investigación.

martes, 8 de novembro de 2022

Os nenos da varíola de María Solar, recensión de María Rioboo Vidal (1º Bach C)

María Solar é unha periodista e escritora galega que naceu en Santiago de Compostela e actualmente ten 51 anos, con este libro titulado Os nenos da varíola obtivo o Premio Fervenzas Literarias polo mellor libro xuvenil en 2018, este libro publicouse na mesma data en castelán e en catalán.

Nesta novela, o tema consiste no desenvolvemento da vacina contra a varíola e a súa expansión polo mundo ata chegar a ser expandida por completo. O libro, céntrase no ocorrido na Coruña. É unha historia baseada en feitos reais.

A ela, cando estudou na facultade de Bioloxía, explicáronlle a expedición de Balmis, onde vinte e dous nenos cruzaron o océano Atlántico transportando a vacina da varíola. Ela decidiu contar coa axuda duns investigadores que recolleran os datos dos nenos que foran e decidiuse a revivir as almas deses pequenos que cambiaran o mundo. Estes nenos orfos deixaban o seu fogar, para emprender unha longa viaxe que prometía prosperidade e novas oportunidades para eles.

Nesta expedición formou parte Isabel Zendal. Esta muller era para moitos dos nenos orfos a figura materna que nunca tiveran, ademais de ser intelixente e axudar na expedición cos seus coñecementos. É unha muller que prefire loitar e resistir fronte aos problemas que deixarse vencer por eles. Podemos decatarnos disto dende o principio da historia cando en vez de abandonar o seu fillo, decidiu crialo soa e traballar duro para mantelo. Ou tamén cando quedou sen cartos porque Tomás lle roubara todo o que tiña, decidiu formar parte da expedición e buscar un novo futuro para ela e Benito.

Asombroume a bondade do doutor cos nenos e o respecto que tiña cara os demais. A miúdo cando pensamos nesa época na que as mulleres eran denigradas, a sociedade estaba dividida por clases e había moita tensión social, pensamos en persoas que só pensan no seu benestar propio. Por iso o carisma amable do doutor e os grandes xestos que tivo co protagonista ao ofrecerlle un traballo e comprometerse a ensinarlle, paréceme moi amable.

A varíola foi unha enfermidade infecciosa, grave e contaxiosa con un alto risco de morte. O úlimo caso diagnosticouse no 1977. As principais características eran as taxas de mortalidade que estaban arredor do 30% con taxas especialmente elevadas en bebés, mentres que nos que sobrevivían quedaban manchas e incluso cegueira como secuela. A través de científicos, descubriron que existía unha varíola que afectaba ás vacas, pero que para os humanos non era mortal, entón fixeron varios experimentos nos que se comprobou a validez da vacina. Comezouse a expandir polo mundo, e tiveron moita relevancia grandes expedicións como a da Coruña.

Os vinte e dous nenos e mais o equipo da expedición partiron dende o porto da Coruña nun barco. Lograron levar a vacina por toda América, sacrificándose moitos deles no camiño, como Salvany. Anos despois, Balmis regresou a España e foi moi ben recibido, mentres que outros non puideron regresar.



Persépole de Marjane Satrapi, recensión de Ramón Fernández Antezana (1º Bach B)

Persépole é unha novela gráfica de carácter autobiográfico cuxa autora é Marjane Satrapi. Nada en Irán no 1969, dedícase sobre todo ao campo da ilustración, centrándose no cómic francobelga en específico. Con todo, tamén proba sorte no campo da dirección cineasta, dirixindo filmes como As voces ou Radioactive. Así, a autora posúe unha consolidada carreira na que, sobre todo, destaca a obra da que vou falar máis en profundidade, Persépole.

O cómic céntrase sobre todo na vida da autora e, máis especificamente, no seu contorno e como esta reacciona e evoluciona ante este. Filla dunha familia progresista afín á revolución ante o imperialismo, a nosa protagonista vivirá dende a súa infancia a transformación dun país sometido a un réxime relixioso. Dende que é nena a revolución e as súas consecuencias están presentes na súa vida, con medo ás represalias dun goberno que está a caer cada ano que pasa. A traxedia a irá perseguindo e, sobre todo, alcanzará aos seus seres máis queridos. A medida que a nena crece, comezará a ser consciente do cambio que está sufrindo o seu país e como os que antes estaban a favor da revolución (a súa familia, por exemplo) serán os que máis sufran ante a imposición do Islam como base para as leis do novo Estado. A guerra e a desigualdade farán que teña que vivir e estudar nunha Austria hostil e deprimente que representa un gran cambio no seu pensar. As drogas, os cartos e as relacións farán que esperte unha morriña da infancia que a levarán de novo a Irán, para intentar retomar unha vida que se lle escapaba das mans. A adultez representa a parte final da obra e a madurez da protagonista, asentando o seu pensar e vivindo as súas últimas experiencias que a levarían a ser a muller que é agora. O contraste das etapas da vida xunto aos contornos cambiantes xogan un papel moi importante na obra, mostrando así unha evolución persoal perfectamente xustificada que relata moi ben o contexto histórico tanto do seu país como o do mundo occidental en xeral.

Persépole é un cómic marabilloso que trata temas moi relevantes na nosa sociedade, e que te fai reflexionar sobre as accións da autora ante o mundo que a rodea. A relixión, o machismo, o contraste entre o marxismo e o anarquismo, o nacionalismo fronte ao intervencionismo e a importancia da diversidade mestúranse nunha obra que, sobre todo, fai énfase nas relacións persoais que nos transforman e nos converten no que somos en realidade. Persépole narra sobre todas as cosas a vida dunha nena ante unha sociedade decidida a reducir os seus dereitos e liberdades, e a súa loita pola igualdade entre sexos e clases a través da rebeldía, a lectura e sobre todo, a arte.

A ira dos mansos de Manuel Esteban, recensión de Saray López Cabanas (1º Bach B)

Este libro é unha novela negra escrita polo vigués Manuel Esteban no ano 2016. É a súa primeira publicación, coa que gañou ese mesmo ano o Premio Xerais. Manuel Esteban está especializado en Medicina e traballa como profesor da rama sanitaria nun centro de Formación Profesional en Vigo. Na actualidade ten publicadas outras dúas novelas, que comparten o protagonista desta historia: Carlos Manso.

Carlos Manso é un inspector de policía que, unha madrugada calquera, recibe unha chamada dos seus compañeiros: atoparan un cadáver. Cando chegou ao lugar, decatouse de que era o corpo dunha moza nova -de entre 15 e 20 anos-, pequena e de pelo louro. Porén, o que máis lle chamou a atención era que se trataba dunha moza con Síndrome de Down. O inspector de policía estrañouse cando, ao ver isto, se lle removera algo no seu interior, que cría adormecido, despois de tantos anos traballando no corpo: un desexo de vinganza, de atopar o culpable do asasinato daquela moza. Nesta historia estarán involucrados personaxes importantes, como Lorena, directora do centro de día de Alza-Down, no cal Violeta -a moza asasinada- adoitaba pasar moito tempo. Finalmente, descubriranse os lazos das persoas que rodeaban a Violeta e os motivos do seu asasinato.

Non obstante, esta historia soamente é unha parte do libro. Logo de ter resolto o caso, Carlos teralle que facer un favor a Lorena, pois unha das persoas do centro no que traballa estaba envolta noutro asasinato, e, malia que era inocente, tiña escasas posibilidades de demostralo. Esta é a historia de Pedro, que, pese ás poucas vantaxes -por non dicir nulas-, que lle proporcionarían a Carlos traballar na investigación, o inspector decide intervir no caso, motivado pola historia de Violeta, que tanto o conmovera. Así, terá que atopar unha resposta a este complicado crime, que se entroncará con outros, tendo como relación a actuación das mafias serbias en Galicia.

Para rematar esta recensión, quería comentar que esta é unha lectura que recomendaría a todo o mundo. Trátase dun libro moi interesante que fala sobre a situación das persoas con discapacidade intelectual na sociedade, as dificultades ás que se teñen que enfrontar para intentar adaptarse e os prexuízos que os arrodean e cos que teñen que convivir diariamente, sendo considerados inferiores (os mansos, de aí o nome do libro) ás demais persoas, malia que, como se deixa ver no libro, son en moitas ocasións máis humanos que moitos outros. Inclúe unha profunda reflexión por parte do escritor, transmitida a través dos pensamentos do protagonista, na que todos deberiamos pararnos a pensar. Ademais, aínda que poida parecer difícil polos contidos que trata, resulta unha lectura fácil e rápida.

domingo, 6 de novembro de 2022

Ámote Leo A de Rosa Aneiros, recensión de Nuria Gándara García (1º Bach B)

Ámote Leo A é un libro escrito por Rosa Aneiros. Desenvolvese nun conxunto de espazos, xa que Leo, a protagonista viaxa por distintas partes do mundo namentres narra o libro. Por iso este vén estruturado segundo a cidade que visite a nosa protagonista, e vainos contando o que lle sucede en cada lugar e as aventuras que está a vivir.

Ao principio do libro conta a despedida antes de arranxar cara a o seu primeiro destino, e a medida que vai viaxando en cada parada sucédenlle cousas impresionantes, que nos relata con moito detalle.

O que máis me gustou do libro é que transmite unha mensaxe moi importante; que é a capacidade de poder cumprir os teus soños sen que ninguén cho impida, xa que nun principio nin os seus pais, nin amigos a apoiaban a viaxar, e unhas semanas antes de partir as persoas coas que ía realizar a súa viaxe, botáronse atrás e non a quixeron acompañar. Pero ela aínda así seguiu adiante para cumprir no que nalgún momento fora o seu soño e polo que estivera traballando tanto para que se fixera realidade.

Persoalmente, penso que o libro está moi ben estruturado xa que nos amosa como pode cambiar a tu vida da noite a mañá, por querer cumprir un soño. É certo que este danos moitos consellos e leccións de vida que moitas veces non temos en conta, por exemplo: cando ela pensaba que xa non ía poder cumprir o seu soño, colleu forzas e aínda tendo que facer a viaxe soa, continuou con ela e isto levouna a coñecer xente e experiencias novas.

En canto ao contido do libro impactoume xa que ademais de transmitir mensaxes realmente importantes, descríbese con moito detalle cada parte da cidade que a protagonista estaba a visitar, e dalgún xeito transportábame a aquel lugar. Tamén me pareceu boa idea o meter por medio “unha relación amorosa” e o que levaba consigo, xa que mantivo a intriga ata o final, coa frase que a protagonista vía escrita en calquera sitio ao que viaxara: “Ámote Leo A”, de aí o nome do libro, algo que me pareceu moi orixinal.

Con respecto ao final hei de dicir que teño distintos sentimentos encontrados, por unha parte non me esperaba ese tipo de final, senón que a rapaza regresara a casa, pero por outro lado creo que é un final diferente pero moi adecuado para o libro, xa que promove a que sigas a ler os demais libros que continúan a historia, que sen dúbida farei.





Círculo vicioso de Manuel de Pedrolo, recensión literaria de Óscar Juanatey Orol (1º Bach B)

Círculo vicioso é unha novela negra e urbana publicada por Manuel de Pedrolo en 1968, e máis tarde en 1999 xa traducida ó galego en Vigo.

Manuel de Pedrolo é un escritor catalá nacido en 1918 e falecido en 1980. Pasou por un campo de concentración ó final da Guerra Civil. É unha das figuras máis representativas e relevantes da literatura catalá do século XX. Na súa produción narrativa destacan títulos como Mecanoscrito de segunda orixe,  Xogo sucio ou o propio Círculo vicioso. Estes libros foron todos publicados en galego pola Editorial Galaxia.

A obra, contada en primeira persoa e ambientada en Barcelona, conta como un traballador chamado Jordi, que levaba informes comerciais, informes prematrimoniais, solvencias económicas e algúns asuntos comprometidos, descobre unha morte misteriosa, e a través dalgúns interrogatorios a veciños intenta conseguir información para descubrir os parentescos do falecido. Interroga a bastantes persoas, como Gloria, os Méndez, Eusebio...

Non contarei o final porque iso lle quita a graza a ler a obra, cousa que non podo permitir xa que realmente recomendo esta novela.

Á xente namorada da novela negra encantaralle, é unha obra complexa pero que se pode seguir con facilidade, e por iso mesmo tamén pode ser lida por lectores acostumados a outro tipo de obras. A historia provoca bastante intriga e ao ir lendo o libro dan ganas de non parar, sobre todo a partir da metade do argumento, porque polo menos eu necesitaba saber o final.

Só direi que a medida que avanzan os sucesos descóbrense máis cadáveres relacionados coa investigación, e que a persoa que estaba no cemiterio estaba morta, mais “ocupaba” o sitio da persoa sobre a que se investiga. É máis fácil de entender do que parece se se lle presta un mínimo de atención á lectura.

A cabeza da medusa de Marilar Aleixandre, recensión de Alma Quing Ramas Corrales (1º Bach B)

A cabeza de Medusa é unha novela que mistura a mitoloxía grega coa realidade, publicada no 2008 e escrita por Marilar Aleixandre. Foi “Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008”.

María Pilar Jiménez Aleixandre naceu o 1 de Maio de 1947 en Madrid (España). Licenciouse en Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid e foi nomeada Catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais en 1996, na Universidade de Santiago de Compostela.

É membro da “Real Academia Galega” dende 2017 por adoptar o galego como a súa lingua literaria e gañadora de numerosos premios, sendo o máis recente o “Premio Nacional de Narrativa” pola obra As malas mulleres.

Esta novela sitúa a dúas amigas, Sofía e Lupe, que, despois de asistir a unha festa de disfraces, son violadas a altas horas da madrugada. A partir dese momento, cargan o mesmo sufrimento ca Medusa e comeza a debaterse se superar todo e denuncialo ou gardalo para elas mesmas.

Ao principio de cada capítulo, hai anotacións de libros como A Biblia ou A Metamorfose, que fan referencia ao capítulo e tamén partes de periódicos relacionados coas violacións, o tema principal desta obra.

A historia está baseada no mito de Medusa, un personaxe da mitoloxía grega, chegando a facer referencias á mesma, como, por exemplo, os títulos de cada capítulo ou de cada parte.

Este mito conta que Medusa, unha muller normal e corrente, foi violada polo deus Poseidón/Neptuno, no templo sagrado da deusa Atenea/Minerva. Como ela era unha deusa virxe, aquel acto impuro foi como deshonrar o seu nome e decidiu convertela no que é agora, facendo que cada vez que miraba a alguén, sobre todo a algún home, o convertería en pedra, e sumándolle aquela cabeleira de serpes que a facía ver horrible.

A miña opinión persoal sobre esta novela é que me gustou bastante polo realismo desta. Como fan da mitoloxía grega, a forma de plasmar o mito de Medusa foi algo que nunca vira antes porque nunca me parei a pensar en como sería contada ese mito na vida real.

E a razón de por que elixín esta obra é porque, como adolescente, gústame ler obras que reflicten os temas reais e comúns desta etapa que nós vivimos (violacións, alcohol, abusos, etc) nas historias xuvenís e reflexionar. É algo que todos deberían facer para poder decatarse do mundo no que vivimos.





venres, 4 de novembro de 2022

A mitoloxía e a Metamorfose na Cabeza da medusa de Marilar Aleixandre, análise de Laura Riveiro Paz (1º Bach C)


Vou falar do libro de A Cabeza de Medusa, escrito por Marilar Aleixandre. É un libro que fai moitas referencias á mitoloxía, á Biblia ou incluso aos anacos de revistas, xornais ou outro tipo de textos. Todos estes fan referencia a abusos ou violacións, pero eu voume centrar nas referencias á Metamorfose, é un libro que está lendo a protagonista na súa escola, nas clases de latín. Tanto Medusa coma ela comparten unha característica común, ambas foron violadas. A Sofía debíalle recordar esta historia á súa, xa que despois do ocorrido non quixo volver falar da Metamorfose na clase.

Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a forma na que a xente miraba e trataba a Sofía e Lupe despois dese terríbel acontecemento, algúns mirábanas apenados, é normal compadecerse das persoas que sofren, pero outras tantas non as entendían, máis ben as deprezaban. Iso mesmo foi o que lle ocorrera a Medusa, quen á parte de ser culpabilizada foi castigada e pasou de ser alguén ao que a xente admiraba a un monstro, ao que non se lle podía nin mirar, porque se non, perderían a súa vida, quedarían atrapados e convertidos en pedra, ademais os mais valentes loitaban por cortarlle a cabeza como trofeo.

Esas miradas foron unha das peores cousas para esquecer e poder pasar páxina. Estas mulleres tiveron un antes e despois na súa vida a raíz desa traxedia.

En ambos casos os agresores era xente aparentemente de ben, da que ninguén esperaba un comportamento así. No caso das dúas rapazas eran dous mozos, universitarios, viñan de familias con principios pero sobre todo diñeiro e todo o seu círculo tanto amigos, familia como veciños ou simples coñecidos, todos eles quedaron sorprendidos. No caso de Medusa foi un deus quen se encargou de arruinarlle a vida; ela era unha moza moi bela, de cabelo louro, e quería manter súa honra, para formar parte dese templo, que pertencía a Atenea, unha deusa que lle encantaba, Medusa rexeitou a todos os homes que ían vela.

Atenea sentía celos dela, xa que a xente visitaba o templo por vela, tiña a todo o mundo namorado, ata a Poseidón, que non aceptara ser rexeitado por unha mortal tan bela e violouna. Ambas inxustizas cometéronse pola noite, baixo a luz da lúa e acompañados das estrelas.

Medusa foi castigada por ser violada, xa que o home non tiña culpa, era seu instinto. Isto tamén aparece no libro, xa que o grupo de Mauricio pensaba que a culpa a tiveron as dúas rapazas, que saíron en minisaia ás tantas da noite e provocaban os homes. Os agresores tamén lle dixeran iso mentres as forzaban, que se eles o facían, era porque elas ían provocando, pero o peor era que ata elas mesmas replanteábanse a súa culpa polo feito de subir ao coche dun descoñecido. Ambas tiveron un castigo por algo do que non tiñan culpa, xa que Medusa non podía mirar a ninguén aos ollos e as rapazas ían ter que aguantar as caras de pena e incluso a da xente que opinaba na súa contra. Ademais diso, ese recordo formaría parte da súa vida sempre, é un medo que non ían superar, pero elas polo menos tiñan o apoio da súa familia. En ambos sucesos o home acaba ben.

Outras das cousas que tiñan en común era a virxindade, xa que eran rapazas que nunca bicaran.

Na miña opinión persoal, esas nenas seguen tendo honra, seguen sendo doncelas, que no caso de Medusa era algo moi importante, xa que foi un requisito para entrar no templo, a diferenza no outro caso, no das dúas nenas non era algo tan importante manter ou non a virxindade, xa eran dúas mozas maiores de idade. Na miña forma de pensar todos os casos de violación son igual de graves, xa sexa con penetración ou sen ela, xa que o problema non é só a violencia física, senón os trastornos psicolóxicos, o temor no momento no que coñeces a alguén nunha situación que che faga volver ao pasado. É un pesadelo que te acompañará durante toda a vida con maior ou menor presenza depende do momento no que te atopes.

Infamia de Ledicia Costas, recensión literaria de María Prieto Rodríguez (1º Bach C)

Infamia é unha novela negra de ficción e misterio escrita pola célebre autora Ledicia Costas, publicada no 2019.

Ao redor dunhas 270 páxinas, mergullaranos nas historias dunhas personaxes moi diversas e nun crime sen resolver, que atormenta a todo a vila de Merlo, ao que a nosa protagonista, Emma, acaba de mudarse. Tráfico de influencias, persoas corruptas en postos de poder, o tratamento dos casos de desaparición, a pederastia na igrexa, o amor e, sobre todo, o pasado, son temas que este libro tratará sen escrúpulos dun xeito no que as lectoras/es serán forzadas/os a dubidar da súa propia moralidade. Os perfís das personaxes non son para nada idílicos, xa que todas elas teñen grandes defectos, cousa que os fai ver moitos máis reais, aínda que dun capítulo a outro podes cambiar radicalmente de opinión e levar unha grandísima decepción con algún deles. Ao rematar a novela, quedas cunha incrible insatisfacción pola forma na que remata, deixando un halo de misterio e unha sensación agre no corpo, que ansía seguir consumindo as vidas e miserias destas personaxes.

Este libro ten un léxico coidadísimo, facilitando así a inmersión absoluta na lectura, pode resultar bastante forte nalgunhas partes explícitas e bastante doce ou sensual noutras. Esta mestura de narrativas resultan moi cautivadoras e faino pracenteiro de ler. Algo que se pode apreciar é como a autora, cara o final do libro, vai facendo os capitulos máis e máis curtos, pero aumentando a intensidade destes.

Como conclusión, gustaríame rematar falando das personaxes máis emotivas para min, Noel e Salva, vítimas de abusos por parte do clero da igrexa da vila. Gústame moito a personaxe de Noel, pola implementación dun home homosexual adulto (aínda que estea no armario) na trama e como expoñía ese medo que tiña a sentir pracer e afrontar a súa homosexualidade, crendo que esta era froito dos abusos previos. Polo outro lado, empaticei moito co xeito que tiña Salva de explicar ese trastorno disociativo, que anos despois derivará nunha profunda depresión. É moi emotivo o concepto de converterse nunha balea e navegar sen rumbo no inmenso cosmos. Tamén me gusta como eles dous queren sacar a verdade á luz, tanto do caso dos abusos da igrexa (que non só foran propiciados a eles), coma o asasinato dunha das irmás Giraud propiciado por Rubén máis tódolos seus pais, dos que eles eran cómplices.




O salón de té do oso malaio de David Rubín, recensión de Rubén Carril Blanco (1º Bach B)

O cómic trata dun salón de té onde a xente vai desfogarse co seu dono o cal é o oso Sigfrido. Trata trece historias distintas das cales doce son as dos seus clientes e unha é a súa propia. Todas as historias contan problemas que poden ocorrer na vida real, aínda que no conto engádenlle fantasía aos personaxes e aos seus sentimentos.

Na primeira historia faise unha presentación moi breve da vila e do salón de té, pero tamén comeza coa historia de Caetano Xiz, un antigo superheroe que quedou cego nunha batalla e a súa muller deixouno abandonado. Tamén está Herminia, unha muller gorgona que non pode ter mozos, xa que cada vez que a miran aos ollos ela petrificaos, pero Sigfrido conseguiu solucionar ambos problemas xuntando a Caetano e Herminia, xa que ao Caetano non o poder ver, non podía petrificarse.

Na segunda historia Sigfrido relata a súa ruptura coa súa muller e débese a que a muller de Sigfrido quedou embarazada pero dunha caída perdeu o bebe e non puido soportalo polo que decidiu desaparecer e abandonar a Sigfrido coa escusa de que seguise el adiante sen ela de por medio, xa que lle ía frear o seu camiño.

Na terceira historia aparece Antón, un home que non está ben da cabeza e ten moitos problemas de autocontrol. Un dos días que perdeu o control, Antón matou a súa muller e os seus fillos para despois arrepentirse e suicidarse nun acantilado.

Na cuarta historia cóntase o pesadelo constante que ten Superman debido á marcha da súa moza e como consecuencia da súa tristeza perdeu os seus poderes e aínda por enriba vai visitar o seu amigo Bruce e debido ao mal que o pasa no cárcere, pídelle o favor a Superman de que termine coa súa vida pero en lugar diso, Superman encontrou unha mellor opción para o seu amigo e foi liberalo do cárcere e así poder exercer o seu traballo de Batman. Finalmente ámbolos dous recuperaron os seus sorrisos.

Na quinta historia Daumier, un home que participou na guerra, encóntrase recordando o seu capitán Jacobe o cal lle salvou a vida nunha batalla na que perdían en número e na que conseguiu que todos os seus guerreiros puideran despedirse das súas familias grazas a que mandou a Daumier casa por casa a darlles unhas cartas aos familiares de cada soldado polo cal Daumier salvouse tamén de loitar na guerra.

Na sexta historia cóntase a historia dun pai que foxe coa súa filla dunha princesa que quere estar co seu pai, pero este non quere e a princesa vai tras el para matalo. A nena tiña ganas de ir ao baño, entón obriga o seu pai a parar para ir ao baño e deu a casualidade de que cando a nena terminou no baño xusto chegaron os soldados da princesa, polo cal o pai tivo que loitar contra os soldados mentres Sigfrido distraía a nena.

Na sétima historia un home chamado Donatello pídelle a Sigfrido que coide das súas dúas mascotas a cambio dunha cesta de patacas debido a que tiña que ausentarse pero por un tempo indeterminado.

A última historia conta a historia de Edgardo, un home que caeu no alcolismo despois de que Alicia o deixase. Edgardo estaba afogando as penas no salón de té cando chegou un amigo seu e convenceuno de ir a un bar de prostitutas. Despois de pasar unha hora no bar cunha acompañante nunha habitación Edgardo foise á súa casa onde de tanto arrepentimento  deu un golpe coa cabeza contra a parede da ducha facéndose unha fractura cranial. A volta do médico encontrouse con Alicia e recordoulle que a botaba de menos pero Alicia tiña présa.

Finalmente o libro remata coa frase “nada dura para sempre”.

Este cómic gustoume moito xa que reflicte moitos problemas que hai na sociedade aínda que non se amosen, sobre todo os problemas de amor e do sentimento de soidade. A forma de demostrar algúns dos síntomas da soidade, depresión... neste cómic están moi ben elaborados, xa que o fai de forma discreta e facendo as referencias exactas a cada personaxe que a padece. Un moi bo exemplo é a parte na que di que Superman perdeu os poderes pola perda do seu amor e isto reflicte a sensación de impotencia na que non perdeches nada, senón que está escondido moi dentro de ti e tes que conseguir pouco a pouco que os teus poderes broten de novo cara ao exterior e así ser a mesma persoa de sempre ou aínda mellor.

O cómic está moi ben adaptado para os adolescentes e recomendaríallo a outras persoas, porque á parte de gustarme tamén podes escoller entre cómic ou libro sen tanta ilusatración xa que teñen as dúas opcións, xa depende do gusto do lector.

As horas de cartón de Lois Xosé Pereira, recensión crítica de Álvaro Estévez Feijoo (1º Bach B)

As Horas de Cartón é unha novela de Lois Xosé Pereira, publicada en decembro de 1985, por Edicións Xerais.

Lois Xosé Pereira Arias é un escritor galego nacido en Lugo, o 4 de novembro de 1965. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, estudou tamén na Universidade de Lisboa. Na actualidade é profesor de Lingua e literatura galega. Gañou o Premio Xerais en 1985 coa novela As horas de cartón, que recibiría o Premio da Crítica de Narrativa Galega ao ano seguinte. Conta con dúas obras: As horas de cartón (1985) e A vida vexetal (1992).

As Horas de Cartón é unha historia que está ambientada en novembro de 1975, momento no que morreu Franco, en Lugo. Conta a historia de Clara, unha muller que fai reconto de todo o que viviu ata ese momento. Actualmente está a pasar por un momento lúgubre e triste, lembrando o seu pasado e como se foi indo costa abaixo.

Clara é profesora e está casada con Gonzalo, un médico que durante o réxime franquista crea un club comunista para loitar contra este. Tiveron un fillo, Mario, o cal por culpa da meninxite, agora non pode facer cousas por el mesmo e require a axuda de Clara. Pero Gonzalo marchou a Inglaterra, e ten fillos con outra muller alí. Mentres ela ten que coidar de Mario que xa ten 19 anos soa.

Tras a noticia sobre a morte de Franco ao principio no lle dá importancia, pero despois decátase de como pode empezar a mellorar a súa vida.

Na miña opinión, recomendo esta novela. Está moi ben explicado como Clara sente o estrés e a preocupación constante, tamén como consegue lidar coa súa vida e a do seu fillo naqueles tempos e sen axuda.









xoves, 3 de novembro de 2022

O hobbit de J.R.R. Tolkien, recensión de Ángel Lorenzo Castañeda (1º Bach B)

O hobbit é unha novela fantástica do filólogo e escritor británico J.R.R Tolkien, foi publicada o 21 de setembro de 1937 no Reino Unido e chegou a España en 1991 da man da editorial Planeta (Edicións Xerais en caso de Galicia).

John Ronald Reuel Tolkien, citado a miúdo como J. R. R. Tolkien, naceu o 3 de xaneiro de 1892 en Bloefontein (Suráfrica) e morreu o 2 de setembro de 1973 Bournemouth (Reino Unido).

Foi un escritor, poeta, filólogo e profesor de universidade.

Tanto na Primeira como na Segunda Guerra Mundial, Tolkien non mostrou unha gran interese pola guerra xa que en ambos casos intentou escapulirse do recrutamento obrigatorio, sen conseguilo na Primeira pero con máis sorte na Segunda. Tamén ía en contra do comunismo e do Partido Nazi Alemán.

As súas obras máis coñecidas son: O hobbit, O Señor dos Aneis e o Silmarillion. Todas elas teñen traducións a moitos idiomas e adaptacións cinematográficas, menos o Silmarillion.

O hobbit é a precuela do Señor dos Aneis e o tempo no que está situada a historia é o 2941 da Terceira Idade (período temporal inventado por Tolkien), a novela conta a historia de Bilbo Bulseiro, un hobbit (raza de pequena estatura que vivía no Outeiro, xente que desfruta da tranquilidade do fogar), a este hobbit recrútao Gandalf (un mago) para axudar a un grupo de ananos liderados por Thorin Escudo de Carballo que teñen como obxectivo recuperar a Montaña Solitaria, antigo fogar dos ananos, onde se refuxiaba o malvado dragón Smaug, que anos atrás expulsara os ananos da Montaña. Ademais na Montaña escondíase un gran tesouro, a pedra da Arca.

Para poñer fin á novela ocorre a Batalla dos Cinco Exércitos, na que loitan humanos, elfos, ananos (un bando), orcos e wargos (outro bando), alzándose coa vitoria a unión de humanos, elfos e ananos que se reparten o tesouro e Bilbo lévase o anel único que lle outorga o poder de ser invisible, o cal llo robou a Gollum.

Ao longo da novela podemos ver como a personaxe principal, Bilbo, desenvolve unha actitude totalmente distinta á que tiña ao principio, vaga e tranquila, e pasa a ser máis aventureiro e decidido.

Outro gran desenvolvemento de personaxe é o de Thorin Escudo de Carballo, o cal ao principio da novela é de carácter nobre e ao final cando consegue o tesouro vólvese máis arrogante, xa que ten medo de que os demais lle rouben os seus tesouros.

Na miña opinión, é unha novela entretida cunha historia interesante que te envolve e grazas a iso dáche ganas de seguir lendo, ademais ten diálogos fáciles de ler, o que che axuda a ter unha lectura máis dinámica.



Presentación de Ollos de auga de Domingo Villar de Nerea García Fandiño e Ana Mondelo Pena (1º Bach C)

 

Ollos de auga de Domingo Villar, recensión crítica de Daniel Felípez Eirín (1º Bach C)

Domingo Villar Vázquez foi un escritor que naceu en Vigo o 6 de Marzo de 1971 e faleceu o 18 de Maio de 2022, foi coñecido pola súa obra Ollos de Auga que tivo un éxito internacional e foi traducida a múltiples idiomas.

É unha historia ambientada na cidade de Vigo, dous inspectores, Leo Caldas, que presenta un programa de radio, e o seu compañeiro Rafael Estévez investigan o caso de Lois Reigosa asasinado aparentemente por celos ou por amor.

Leo Caldas atópase na cabina de radio do seu programa, Patrulla nas ondas cando recibe unha orde de que debe acudir á comisaría. Xa alí reunido co seu compañeiro Estévez encoméndaselles un caso e diríxense ao lugar do crime. Alí encóntranse co equipo que estaba a analizar o suceso e coa señora da limpeza que fora a que o denunciara. Recolleron as pistas necesarias e comezaron coa investigación non sen antes de que o forense lles explicara que Lois morrera porque se lle inxectara algunha substancia nos testículos.

Tras facer unha serie de preguntas, descobren que a vítima traballaba nun bar orientado a xente homosexual e alí encontran a Orestes, amigo de Lois, que queda atónito ao enteirarse da morte do seu amigo e a quen Leo Caldas convence para falar un día.

Mentres que os días pasaban, os inspectores presentábanse na farmacéutica para saber que tipo de medicamentos vendían e entre todos os mencionados estaba o Formol, que era o que buscaban e, acto seguido, diríxense á casa do dono da farmacéutica, o señor Dimas Zuriaga. A visita non fora moi produtiva, xa que non sacaran nada en limpo e quedaran con dúbidas.

Xa chegara o día de falar con Orestes, pero este non aparecía polo que Leo foi buscalo á súa casa e para a súa sorpresa este estaba morto.

Tras saber este suceso, o axente avisa o seu compañeiro e volven á residencia do señor Zuriaga, alí mostráranlle unha serie de fotografías que sacaran do ordenador de Orestes nas que aparecían el e Lois Reigosa. Nese mesmo intre o señor Zuriaga díxolle que mantiña unha relación con el dende había tempo pero temía que a súa muller o descubrira, xa que dun tempo a esta parte chegáranlle unha serie de correos electrónicos con ameazas de que publicarían as fotos dos dous amantes a non ser que se depositara unha cantidade de cartos no monte.

Leo Caldas, nun momento de concentración, uniu todas as pistas e chegou á dedución de que a muller de Zuriaga era a culpable, polo que detiveron a muller e confesou o seu crime, o asasinato de ambos rapaces fora polos celos que lle producira Lois Reigosa ao ver que o seu marido a enganaba con el.

O libro encantoume, a forma na que describe os personaxes e o contorno fai que poidas imaxinar todo o que está a pasar sen ningún tipo de dúbida. O vocabulario que emprega é perfectamente entendible e axuda á fluidez da lectura. O que máis me gusta é a capacidade de poder darlle a volta á situación porque en ningún momento pensaba que a culpable sería a muller. Recomendaría este libro a calquera persoa que lle guste a novela negra xa que é moi entretida e fórzate a ler ata rematar o libro.

Os nenos da varíola de María Solar, Lucía Gómez Varela (1º Bach C)

 

Resistencia de Rosa Aneiros, recensión crítica de María Hilario Gestal (1º Bach B)

Rosa Aneiros Díaz, nada en Taraza, Meirás, dedícase profesionalmente ao periodismo, aínda que tamén escribe novelas. Resistencia é un libro de temática amorosa baseado na realidade que viviron os homes e mulleres de Portugal durante a ditadura de António Oliveira Salazar.

O protagonista foi unha persoa real, e as cartas que lle enviaba a súa moza atópanse actualmente conservadas no museo de Peniche, en Portugal.

Esta novela segue a vida dun home de San Pedro de Moel (Portugal), Dinis Miranda, que cunha retrospección nos conta a súa historia; nace da aventura entre un home xa comprometido e a súa nai, orfa e sen diñeiro. Medra na súa vila, pescando e traballando na fábrica do seu pai biolóxico (que nunca chegou a coñecer), ata que aparece Filipa, filla dun mercader portugués acomodado, e neta da terratenente de San Pedro de Moel, Dona Leonor.

Cando a rapaza entra na súa vida, todo cambia; tras pasar varios anos tendo unha relación ás agochadas, ela comeza a amosarlle a verdade do mundo no que viven, e ser recrutado para a mili remata de espertalo do sono no que estivera. Ao volver das colonias ten outra perspectiva da vida, así que decide entrar nun grupo comunista (ilegal), para organizar unha revolta na fábrica na que traballa. Despois da revolta méteno no cárcere para presos políticos de Peniche, onde vive innumerables torturas. Mentres, Filipa busca a maneira de visitalo, mais cando o consegue é recoñecida polas autoridades que intentan detela, así que, xunto co seu pai marcha ao Brasil para escapar. Pouco despois recibe unha carta do goberno portugués comunicando a morte de Dinís, e máis tarde recibe outra notificando a morte da súa avoa, perdendo así calquera conexión con Portugal. Ao mesmo tempo Dinís empeza a facer aliados no cárcere para organizar unha revolta e poder escapar. O 27 de abril de 1974 Dinís e os seus compañeiros son liberados do cárcere grazas á Revolución dos Cravos..

Con este libro podemos ver dunha maneira máis profunda a realidade da ditadura, o sufrimento que provocou e como a xente loitou contra ela ata o último momento, buscando o mellor para as súas familias. Ao ter ese compoñente de realidade impáctanos máis, porque imaxinar que todo o que lle pasou a Dinís aconteceu de verdade, e non só a el, senón a moitísimas máis persoas, é devastador.

Na miña opinión, recomendaría a todo o mundo esta novela, o contexto histórico está moi ben explicado e non é necesario ter un coñecemento previo para entendelo, ademais a escritora ten moi en conta os sentimentos das personaxes, facendo que conectemos moito con elas e que as entendamos mellor. Eu destacaría que neste libro case non hai partes de recheo, todo o que acontece sucede por un motivo, e non existen as causalidades, polo que hai que estar moi atento para poder seguir o fío. A única advertencia que eu faría é que trata temas coma a violación, a tortura e a morte, polo que non recomendaría esta lectura a persoas sensibles.

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.