mércores, 28 de outubro de 2020

A clonación, utopía ou distopía? Ana Isabel Díaz López (1º Bacharelato A)


O director Michael Bay no ano 2005 levou a cabo a produción da película A illa, a cal narraba a historia de como sería o mundo se todos tivésemos un clon. E a Real Academia Galega recolle a definición de clonar como: “Reproducir [un xene, célula ou organismo] dando lugar a outro idéntico, desde o punto de vista xenético, a partir dunha única célula orixinaria”. Dito así soa a ciencia ficción, pero ata que punto o é?

En primeiro lugar, falaremos do caso con máis sona no mundo: a ovella Dolly. Este experimento foi realizado no 1994, con pleno éxito, xa que os científicos lograron clonar á perfección o mamífero ovino (aínda que só é posible clonar o 98% de material xenético, segundo o investigador Lluis Montoliu). E sen sabelo, este feito comezaría a carreira da clonación. A consecuencia disto, os investigadores seguiron intentándoo con outros animais, coa meta de chegar á clonación humana.

Por conseguinte, a reprodución dun ser idéntico, neste caso animal, xa foi empregada en varios casos. A maioría deles con fins científicos, pero tamén temos casos como o de Barbara Streisand que decidiu clonar a súa cadela xa falecida. É, neste momento, cando as dúbidas sobre a clonación afloran.

Por un lado, temos a clonación empregada para a reaparición de especies en perigo de extinción, como poden ser o tigre de Tasmania, extinto xa hai 65 anos, ou a recreación do ADN dun mamut laúdo, inda que seguen traballando niso. Polo outro lado, temos os fins terapéuticos. Debido a que a esperanza de vida humana incrementou, temos como consecuencia un aumento, case directamente proporcional, de enfermidades prexudiciais cara órganos do corpo humano. Mais, coa clonación terapéutica, acádase a reprodución idéntica do órgano danado mediante células nai. Chegados a este punto, é cando comeza a loita ética e legal do tema a tratar.


Como xa dixen, a clonación é algo relativamente novo e inda, por dicilo dalgunha maneira, non está claro ata que punto é moralmente correcto. Como consecuencia, organizacións como a ONU, que no ano 2005, propuxo aos países prohibir todo tipo de clonación, inda que foi unha decisión un tanto cuestionada. Por exemplo, en España esta actividade é ilegal. Decidiron tomar esta medida en vista de que se facían a pregunta: cales son os limites da clonación? Esta pregunta chega á mesa despois de considerar que os clons que fagan terán conciencia e sentidos como calquera outro ser humano. É neste punto onde se pode volver comentar a película A illa pois, a trama consiste na fabricación de clons humanos para a extracción de repostos para a persoa orixinal. Daquela é cando se abre o debate moral pois demóstrase que as réplicas senten e teñen conciencia propia. Polo tanto preséntasenos a cuestión ética de se sacrificar un clon, se consideraría un asasinato... E xa que logo, estarías a violar un dos dereitos humanos fundamentais que é a vida?

Como se pode observar, a clonación é un terreo un tanto complicado pois ninguén ten claro cales son os límites, se habería que contemplalos como humanos ou como simples experimentos dun laboratorio. Pero o que si é certo é que é algo co que se avanza moi rápido, e de feito se nos baseásemos no tempo de discurso da película, xa o teriamos moi superado pois a acción sucede no 2019. Polo tanto, non é posible dicir se a clonación está ben ou mal, pois ninguén o sabe, en principio poderíase dicir, que ata certo punto é unha das mellores solucións que temos contra moitas das enfermidades actuais.

Para concluír, cómpre facernos unha pregunta para a que todo o mundo busca resposta: sería posible ter un clon para ir á clase?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR

No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...