venres, 30 de outubro de 2020

As vacinas, Joel Pérez Fuciños, 1º Bacharelato A

Actualmente, debido ao COVID, voltou á escena o debate sobre as vacinas. As vacinas son un dos maiores avances científicos e médicos da Humanidade. Como dixo Carl Sagan:” Se queres salvar ao teu fillo da polio, podes rezar ou podes vacinalo”. 

Unha vacina é un preparado destinado a xerar inmunidade contra unha doenza estimulando a produción de anticorpos. O nome de vacina débese a que Edward Jenner, un médico inglés, utilizou en 1796, unha mostra de virula bovina para tratar a varíola. Dende a primeira vacina a finais do século XVIII, introducíronse vacinas para moitas doenzas, como a polio, a rabia, o cólera, o tétanos, o tifo, etc. As vacinas conseguiron diminuír grandemente a mortalidade e os efectos secundarios destas doenzas e tamén, en moitos casos, chegar a erradicalas case por completo. Ata hoxe, as vacinas evitaron máis de 700 millóns de casos de doenzas e 150 millóns de mortes. Se non nos vacinamos, expoñémonos á reaparición destas doenzas.

Por outra banda, a inmunidade que xera a vacinación, axuda a crear unha inmunidade de rabaño. A maior proporción de individuos inmunes, menor probabilidade de que unha persoa entre en contacto cun individuo infectado. A vacinación actúa coma un cortafogos que frea a diseminación da doenza. 

Porén, xa dende a súa aparición, as vacinas tiveron os seus detractores. En 2019, a Organización Mundial da Saúde catalogou os movementos antivacinas como unha das principais ameazas para a saúde mundial. 

As vacinas non son perfectas, e algunhas poden ter efectos secundarios, mais os seus beneficios sobrepasan estes posibles problemas. O mellor que se pode facer é informar sobre o seu funcionamento, os seus beneficios e a súa importancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario