sábado, 31 de outubro de 2020

O ensino, un dereito para todos? Iván Couto Pintor, 1º Bacharelato A

O ensino básico é obrigatorio e gratuíto. Iso di o artigo 27 da Constitución Española. En España afírmase que o ensino é gratuíto polo feito de que non hai que pagar unha matrícula ou unha cota mensual para acceder á escolarización. Esa educación pública é gratuíta e está sufragada polos impostos de todos os cidadáns, pero cando chegas á escola ou ao instituto, o concepto de gratuidade, perde o seu significado. 

Os libros ou o material escolar entran dentro do obrigatorio da educación, pero non do gratuíto. E supoñen un gran desembolso para as familias. O comedor, transporte escolar ou as clases de apoio tamén supoñen un gasto engadido para as familias, sen importar a situación económica das mesmas. Nestes tempos de recortes, o investimento do goberno en educación tamén diminuíu considerablemente. España gasta en educación o 3,97% do PIB, mentres que países coma Islandia ou Suecia roldan o 7% ou Francia e Portugal gastan o 5%.

Na peor época para as familias, estas están máis desprotexidas polo goberno. Un terzo da infancia vive en risco de exclusión e pobreza e estes gastos fan que sexa máis difícil que teñan as mesmas oportunidades ca o resto en materia educativa. Moitas veces a familia ten que elixir entre comer ou mandar o seu fillo a clases de apoio. E é aí onde o goberno ten que facer un esforzo, incrementando os orzamentos en bolsas e axudas ao estudo para que o dereito á educación sexa un dereito que alcance a todos por igual, e que eses custos indirectos derivados da educación como o comedor ou o transporte escolar, non fagan que o sistema educativo sexa cada vez menos equitativo.

A educación é a principal contribución que ten un país para formar unha sociedade mellor e é o estado quen ten que garantir que todos teñan acceso a esa oportunidade en igualdade de condicións,e poderlles garantir un futuro laboral de calidade a partir desa formación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario