domingo, 25 de outubro de 2020

O noso corpo, a nosa decisión, Ariadna Alcalde Mahía (1º Bacharelato A)

Cada ano prodúcense aproximadamente 56 millóns de abortos en todo o mundo e de todos eles, ao redor do 45% feitos de maneira insegura.

A legalización sobre o aborto no mundo é moi diversa, dende o libre acceso ao aborto inducido en servizos públicos ata a penalización con anos de prisión para as mulleres e practicantes. Este tema leva a debate entre os movementos pro-elección e pro-vida. O primeiro salienta o dereito da muller a decidir se terminar o embarazo, mentres que o segundo defende o dereito do embrión a xestar e nacer, cualificando de asasinato a práctica que estamos a comentar cando, en realidade, se trata dun embrión en fase inicial que aínda non está formado.

Que dereito temos para opinar e incluso impoñer prohibicións nun corpo alleo? Todas as mulleres deberían ser libres de decidir en calquera circunstancia, non só en casos de risco ou violación. Acaso é mellor obrigar a alguén a ter un fillo non desexado? Igual por pensar na importancia da vida non temos en conta a calidade que pode ter a mesma. Está demostrado que a non legalización non evitaría o uso deste método, unicamente o faría máis perigoso.

Moita xente argumenta que a legalización do aborto baixo calquera circunstancia ofrece a posibilidade de deixar a un lado os métodos anticonceptivos, pero se ese fose o problema, por que non impoñer unha materia de educación sexual nas escolas?

En conclusión, o aborto é unha decisión propia das mulleres que debería ser legal en todas partes e non verse influída por ninguén que non sexa a propia embarazada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario