venres, 1 de maio de 2020

OFICIOS TRADICIONAIS: O meu avó, carpinteiro de carros, Lucas Domínguez Rodríguez (1º ESO A)

O meu avó chámase José, ten 92 anos e foi carpinteiro de carros e apeiros de labranza nos pobos e aldeas dun dos municipios asentados no Macizo Central Ourensán. 

Aprendeu o oficio de mozo, e non foi o único que tivo porque despois dedicouse a outras cousas. Anos antes de abandonar o rural para vir á cidade, construía carros, arados e outros pequenos apeiros de labranza que lle encargaban os seus veciños. 

Era oficio reservado aos homes do que, segundo el, viviuse ben ata que chegaron os tractores, os arados e outros apeiros de labranza de ferro que foron relevando á madeira. As súas ferramentas eran pouco máis que as imprescindibles dun carpinteiro básico: serras e serróns, trenchas e cepillos, martelos para os cravos e para golpear as trenchas coas que esculpía a madeira e unhas boas machadas. 

Cando había que facer un carro, o carpinteiro ía á casa do veciño que llo pedía. Antes, o dono do carro tiña que cortar a madeira de carballo para o eixo e as rodas e de bidueiro para as restantes partes do carro. A madeira tiña que cortarse en lúa nova, e permanecer a secar polo menos un ano. Era entón cando o carpinteiro empezaba a darlle as formas adecuadas ás pezas, e logo compolas como era preciso. Isto leváballe entre dous e tres meses. Así que como o meu avó cobraba 30 pesetas por día, facer un carro viña saíndo por unhas 1.500 pesetas. 

Os carpinteiros de carros e apeiros de labranza tiñan moita estima e consideración entre aquelas xentes. Os bos carpinteiros eran moi buscados, e naqueles tempos considerábase que estaban ben pagos. Podían gañar ao ano entre 5.000 e 6.000 pesetas. Ás xentes daqueles lugares gustáballes presumir de carro. E disputábase cal de cada pobo era o que mellor lle "cantaba" o eixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO