venres, 1 de maio de 2020

Aprender portugués abre portas sen fin...tamén no deporte, Alejandra Blas Menéndez (4º ESO A)



Tendo en conta a orixe común de ambos idiomas e prestando atención á cantidade de similitudes que a día de hoxe gardan, é moi sinxelo chegar á conclusión de que entre ambos existe un nivel de proximidade que permite a comunicación, o cal é a función principal dunha lingua, comunicarnos.

Sabemos que ambas linguas xurdiron na Gallaecia romana en torno ó século IX, baixo o nome de galego-portugués, e que se separaron no século XII. O destino do portugués desde entón foi evolucionar e difundirse por África, Asia e América na expansión colonial do s. XV. En cambio o destino do galego foi algo diferente, posto que quedou subordiado a unha política e cultura represiva na que estaba imposto o castelán.

Coñecendo a proximidade do galego co portugués e a historia que teñen detrás, penso que nos atopamos nun punto moi delicado no que a posibilidade de acadar unha poboación trilingüe sería moi sinxelo, pero non penso que esteamos nese punto agora. Á maioría de galegos resúltanos moito máis sinxelo que ó resto de España comprender a lingua oral en portugués, pero aínda así segue a haber aspectos de léxico que se nos escapan e por suposto dependendo de cada persoa, a velocidade da fala suporía un problema.

Ademais que o máis probable é que á hora de falar ou escribir moitos non saberán nin por onde comezar. Así que si, penso que somos unha poboación cun incrible potencial para ser trilingüe, pero non penso que o sexamos neste momento.

Por outro lado, paréceme que educar a sociedade para dominar a lingua sería moi positivo e máis ameno do que moitos pensan. En primeiro lugar, xa neste momento hai unha facilidade de comunicación entre as dúas linguas, o cal por suposto favorece o plano económico, que cunha pouca preparación facilita a entrada ó mercado laboral de moitas partes do mundo. Sen esquecer o acceso á literatura, tanto á nosa común de hai séculos como toda a que veu despois. 

Baseándome na miña experiencia, podería dicir que eu teño unha estreita relación co portugués e aínda así notei o beneficio de ser galega. Fun unha vez coa miña familia e aínda que non nos entendésemos ó principio, sempre rematabamos comprendendo. Ademais, no meu deporte celébrase unha copa anual en Lagos e sempre que estamos entendemos as indicacións que nos dan con facilidade e podemos falar estupendamente coas rapazas portuguesas, porque quen quere entender, entende. 

E por último, este ano estiven nun clube de lectura en portugués, puiden ler unha biografía estupenda e comprendela enteira ademais de que cun pouco de esforzo, entendía perfectamente o que a nosa profesora dicía.

En conclusión, penso que é moi importante aprender portugués dentro da nosa cultura posto que abriría un sen fin de portas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO