xoves, 30 de abril de 2020

Implantación de máis portugués no ensino, Darío Francos Rial (4º ESO C)


Como resulta evidente, as dúas linguas teñen moitas similitudes pola súa proximidade (xeográfica e etimolóxica, xa que as dúas derivan do latín).

Ademais, tendo en conta que na Idade Media, nunha gran parte de Galicia e norte de Portugal falábase o galego medieval (ou portugués antigo), creo que resultaría relativamente ameno aprender o idioma debido ás moitas similitudes que presenta co galego.

Isto provocaría que a poboación galega pasase de ser bilingüe a trilingüe, algo que considero moi interesante, non só pola capacidade de falar o portugués, senón tamén por razóns culturais e o sentimento de realización que pode chegar a provocar a aprendizaxe e dominio dun novo idioma.

Agora, veñen os dous problemas que creo que poderían xurdir no intento de implantación do portugués en Galicia:

O primeiro, e o máis básico, é a directiva de Galicia. Quero dicir, xa na actualidade foméntase moito máis o emprego do castelán respecto ao galego. E isto obrígame a pensar algún motivo, que por desgraza non son quen de atopar, para que non suceda o mesmo co portugués.

O outro problema tampouco é doado de arranxar. O sistema educativo ten horarios moi definidos para dar un temario que cada ano tende a aumentar, e engadir outra materia probablemente condicionaría os horarios. Isto provocaría protestas no alumnado, profesorado... Polo outro banda, só poderiamos ver como remataría todo implementando a materia no sistema educativo.

Máis portugués no ensino medio, Rebeca Vila Villar (4º ESO A)


O galego e o portugués son dúas linguas moi próximas e teñen moitas cousas en común mesmo nun momento chegaron a ser a mesma lingua o galego portugués da Idade Media. Son moi similares e o vocabulario das dúas linguas é moi parecido.

Os galegos entendemos con moita facilidade o portugués e isto fai que poidamos comunicarnos con máis de 200 millóns de persoas que teñen o portugués como lingua oficial. Mesmo poderiamos chegar a ser potencialmente trilingües xa que aprendemos o galego e o castelán no colexio desde que somos pequenos e non temos ningún tipo de problema ao entender a maior parte do portugués.

Isto facilita unha chea de cousas: por exemplo; a cultura, hai unha chea de festivais de música nos que participan tanto artistas galegos e portugueses sen ningún tipo de problema, tamén facilita o acceso para poder traballar nos países lusófonos.

Creo que a mellor opción na educación agora mesmo sería que igual que hai de forma optativa estudar francés se estudase tamén o portugués, isto axudaría a moitas persoas e mesmo faría moitas delas trilingües.



A unha brasileira pode dárselle mellor o galego ca aos castelán falantes, Ainhoa Mosteiro Lago (4º ESO B)

O galego e o portugués son linguas irmás dende hai anos e, aínda que existira o galego-portugués, por distintas razóns de que Portugal se convertera en reino independente e que Galicia quedara supeditada á coroa de Castela, empézanse a separar os dous idiomas. 

Penso que o galego é un idioma que, aínda que non é tan falado nin tan coñecido como o portugués, tívose que loitar moito por el, xa que o castelán estivo por riba moitas veces e iso non é xusto. Tamén se ve que o portugués é un dos máis falados por todo o mundo, con millóns e millóns de portugués falantes. Unha cousa boa sería a cercanía que hai entre as duas linguas e que é relativamente fácil e moi posible entender, os galegos aos portugueses e viceversa. 

Eu estiven en Lisboa e vin como hai, nas cartas dos restaurantes, moitos idiomas como o castelán e o inglés, pero é un país que se empezas a falar galego vaste entender ben con xente de alí, mellor que se falases en castelán e iso é moi bonito. Non coñezo a ninguén de Portugal, pero si teño unha amiga que é de Brasil e, aínda que conmigo fala en castelán, coa súa familia fala portugués e este ano empezou a ter obrigatorio a lingua galega no instituto e dáselle bastante mellor que a moitas outras persoas da súa clase. En conclusión creo que deberíamos apoiarnos como linguas cercanas que somos e nunca deixar de falalas, ademais parécenme linguas moi bonitas de escoitar.

POESÍA CONTEMPORÁNEA: ESTÍBALIZ ESPINOSA, Ainhoa Mosteiro Lago (4º ESO B)

No Porto de neno aprendín a dicir "obrigado", Mateo Negreira Racedo (4º ESO A)

A historia destas dúas linguas xorde nun antigo territorio romano, Gallaecia, onde naceu unha lingua chamada galego-portugués, falada na maior parte do noroeste da península. No século XII, Portugal convértese nun reino independente, dando comezo á separación entre os dous idiomas, o galego e o portugués. 

Grazas a esta orixe común, os galegos temos facilidade para entender o portugués e viceversa (cousa que afecta positivamente nas relación sociais e culturais entre os países). Actualmente, existen actos que pretenden afianzar a unidade lingüística entre ambos espazos, como o Festival Internacional de Lusofonía, no que interveñen músicos galegos, portugueses, brasileiros, angolanos... 

Na miña experiencia persoal, sei que os portugueses e os galegos nos entendemos perfectamente, xa que dende os 8 ata os 14 anos fun cada verán cos meus tíos e o meu primo a pasar unha semana ao Porto. Sempre que ía alí, meus tíos falaban coa xente do hotel, cos camareiros dos bares e cos dependentes das tendas en galego, e eu quedaba asombrado vendo como respondían en portugués e se entendían perfectamente (ata cheguei a aprender palabras sinxelas como obrigado). Grazas a esta proximidade persoal, puiden comprender que esta relación entre o galego e o portugués e algo máis que estar preto no mapa.


POESÍA CONTEMPORÁNEA: CARLOS NEGRO, Ainhoa González de Torres (4º ESO C)

Ti a Portugal e eu a Galicia, Ana Díaz López (4º ESO A)


Na miña opinión como pasa na película, de Ti a Londres e eu a California, co galego e o portugués pasou algo semellante. Pois dúas linguas xemelgas, que eran unha, foron separadas, e cada unha tomou un camiño distinto, mais ao final nunca acabaron de separarse. 


Tanto o galego como o portugués son linguas romances, cunha historia en común. Ambas teñen a mesma literatura medieval, que de feito é unha das máis importantes. Iso é o que nos di a teoría en cada libro que abrimos para ler do tema, pero non nos fai falla un libro para darnos conta da nosa irmandade co portugués. 


Se nos fixamos os galegos, a diferenza do resto de España, teñen uhna ampla relación política, cultura e colaborativa con Portugal e Brasil. Outro dato que nos fai decantarnos por esta idea é que, quen non ten un familiar ou coñece a alguén que vive en Brasil ou Portugal? Ou por exemplo a colonia caboverdiana que atopamos en Burela. Ou tamén temos cancións da verbena galega que falan de Brasil ou Portugal e a súa cultura, e ademais en ambos lugares os galegos podemos entender máis ou menos o idioma xa que comparte moita da fonética e vocabulario. 


E fíxate se hai relación que o auto-corrector mentres escribo corríxeme ao portugués. O que me leva a pensar que cando nos din os de fóra que, para que queremos saber galego se só o podemos falar en Galicia, fanme pensar, que ao final van ter razón, o único sitio onde se pode falar galego é en Galicia, o único que nunca nos dixeron é que non poidamos mover os marcos e amplialos acollendo a Portugal e Brasil. A ver se así se atreven a dicir que Galicia é o único lugar onde podemos falar a nosa lingua.


Entendo mellor aos portugueses ca aos andaluces, Icía Díaz Kirk (4º ESO C)


Durante moitos anos, o galego e o portugués foron unha soa lingua, e é por isto que esta última ten unha gran importancia e presenza na nosa cultura, comunicación e incluso economía.
A nosa facilidade para falar e entender o portugués, debido ao seu gran parecido co galego, ten grandes vantaxes. O coñecemento do portugués ábrenos portas á hora de ir polo mundo xa que é un idioma moi falado, tamén á hora de atopar traballo nos países lusófonos (de fala portuguesa), e permítenos un maior enriquecemento cultural.
Falando da miña experiencia propia, fun en numerosas ocasións a Portugal e sempre tiven unha gran facilidade para entender a lingua, e tamén pola súa parte eles entenderon perfectamente o galego. Nunha ocasión estaba nunha viaxe nun barco no que fixen amigos de todo o mundo, pero sen dúbida cos que mellor o pasaba e mellor me entendía era cos portugueses e portuguesas. É máis, a miña facilidade para entendelos era mellor que para entender a andaluces que son do mesmo país ca min.
Como conclusión, penso que o coñecemento do portugués nos proporciona moitísimos beneficios, ademais de que é moi interesante coñecelo pola súa historia tan relacionada e arraigada á nosa.


OFICIOS ARTESÁNS: ZAPATEIROS E CESTEIROS, Paula Rodeiro Iglesias (1º ESO C)


Dous oficios artesáns que coñecían meus pais de cando eran paquenos son o de zapateiro e o de cesteiro. Eran traballos que se facían a man.
O zapateiro era un home con pouco prestixio social. Gañaban pouco diñeiro, porque os arranxos dos zapatos eran moi baratos. Tiña moito traballo, porque había un hábito pouco consumista e a xente decidía arranxar o calzado antes que mercar un novo. Era un traballo destinado aos homes.
As cesteiras eran as que fabricaban obxectos de vimbio. Xeralmente era un oficio de mulleres, pero tamén había homes. Facían todo a man e o seu prestixio social e o seu soldo eran baixos.


Viaxar a un país onde te podes comunicar é un luxo, Manuel Rodríguez Suárez (4º ESO B)


A proximidade do portugués e do galego é unha cousa fascinante. A xente di que os galegos temos a posibilidade de ser trilingües, pero eu diría que máis que iso, debido a que o portugués ten moitísima ligazón con outras linguas, como pode ser o brasileiro entre outras. 

Os galegos somos moi afortunados, manexamos dúas linguas ao nacer, e unha máis á hora de desenvolvernos como persoas. Se a iso sumamos o inglés que se dá na escola e o francés, poderiamos ser políglotas.

A relación co portugués é bastante cercana, pois familiares meus de Pontevedra falan galego e portugués ao mesmo tempo, fan unha mestura de ambos, pois o contacto que teñen con Portugal é moito, debido a que se atopan na fronteira. 

Á hora de viaxar é un luxo poder ir a un país no que te podes comunicar de maneira sinxela, atópase ao lado da túa Comunidade Autónoma, pois non fai falla ter que coller un avión ou un barco, podes ir no teu vehículo tranquilamente.

Temos a posibilidade de ler outro tipo de libros e ver outro tipo de filmes, pois entendemos outro idioma, e podemos ver e ler outro tipo de filmes e libros que ao mellor na zona que vivimos non existen, como pode ser un xénero típico do país.

En conclusión, os galegos somos privilexiados por ser trilingües de nacemento.

Gustaríame aprender o portugués no meu centro educativo, Ariadna Jarazo Vasquez (4º ESO C)

A proximidade do galego e o portugués vén xa dende moi atrás xa que as dúas linguas proveñen dunha orixe común e acabarón evolucionando e convitéronse en linguas utilizadas en distintos territorios.

Para os galegos poderíase dicir que somos trilingües xa que entenden bastante o portugués e temos similitudes no vocabulario, o que tamén lle ocorre aos que teñen de lingua oficial o portugués.
Tanto os galegos coma os portugueses somos veciños; por iso tamén temos costumes e tradicións similares.
Nun punto de vista laboral pódese dicir que os galegos temos un poco máis de vantaxe grazas ás similitudes co portugués, refirome a que o portugués fálase tamén noutros países coma Brasil. Se por un casual un galego necesita ou quere emigrar un bo lugar sería Portugal, Brasil, Luanda… xa que a fala non sería un problema á parte de que tamén falamos o castelán.
Na miña opinión gustaríame aprender ben o idioma portugués na miña vida cotiá coma o francés no meu centro educativo.


Máis oferta de portugués nas escolas potenciaría os vínculos coa lusofonía, Lydia Sandá Celeiro (4º ESO A)

A proximidade do galego ao portugués débese a que a súa orixe é común, cando nace  no  século  IX  o  galego‐portugués  en  Gallaecia.  Despois,  Portugal  convértese  nun  reino independente e Galicia queda supeditada a Castela, polo que se comeza a introducir o castelán.

Esta orixe común supón a evidente similitude entre as dúas linguas, o que nos permite  hoxe  en  día  entendernos  á  perfección  cos  portugueses.  Ademais  de  ter  esa  facilidade  en  Portugal, tamén a teremos en todos os países pertencentes á lusofonía (países onde a lingua oficial é o portugués), o que nos permite comunicarnos con máis de 200 millóns de persoas.  

Dende hai certos anos, moitos galegos e galegas piden a introdución do portugués nas  aulas como segunda lingua oficial, pois para nós resultaría moi fácil ser trilingües dende moi  pequenos, ademais das posibilidades que nos daría ao ser esta a quinta lingua máis falada no  mundo. 

Dende o punto de vista económico, a aprendizaxe do portugués facilitaríanos o acceso  ao mercado laboral nos países lusófonos, ademais de que esta lingua estase volvendo cada vez  máis  importante  nos  negocios.  E  desde  un  punto  de  vista  cultural,  esta  proximidade  nos  permitiría acceder á literatura, aos festivais...

Aínda que o portugués está presente no sistema educativo galego, como nas escolas de  idiomas, a maioría dos centros de ensino non a ofertan como materia a cursar en ningún nivel  educativo, e esta  introdución  podería  ofrecer moitas  posibilidades aos alumnos  para  facelos  potencialmente trilingües, ademais de poder crear un vínculo aínda máis forte entre Galicia e  Portugal que nos beneficiaría a nivel comercial, cultural, industrial, económico e turístico. 

OFICIOS TRADICIONAIS: XASTRE, O meu bisavó Xosé, Alberto González Aller (1º ESO C)


Conta a miña nai o que ela oíra dende pequena, cando o meu bisavó Xosé chegou de Cuba á vila. En Cuba aprendeu o oficio de xastre. O xastre é a persoa que exerce o oficio de xastrería, unha arte que consiste na creación de prendas de vestir, pricipalmente masculinas, de forma artesanal e á medida.
Miña nai recorda como o bisavó Xosé facía a roupa na casa da aldea, nunha habitación onde había unha gran mesa, unha máquina de coser, moitos fios, unhas grandes tesoiras, xiz co que marcaba e medía as teas, un metro de madeira e un manequín onde sempre había algunha chaqueta.
O bisavó Xosé tiña moito prestixio na comarca e tiña moitos clientes dos lugares de arredor. Miña nai non sabe canto gañaba, pero si recorda que non lle faltaba de nada. Na casa da aldea aínda se atopan as tesoiras e a máquina de coser do bisavó Xosé.

OFICIOS TRADICIONAIS: AS MODISTAS, Carla García Soto (1º ESO C)


A miña tataravoa era modista, unha das mellores da miña aldea. Este oficio consiste en facer á man calquera tipo de roupa, desde traxes e vestidos para saír ata roupa para traballar ou quedar na casa. Isto facíase de dúas maneiras, o habitual nas cidades era ir á casa da persoa que encargaba a prenda coller as medidas e facer a prenda na túa casa. Mentres que nas aldeas íase á casa da persoa que encargaba a prenda e facela alí, ás veces quedaban máis de quince días na casa do cliente.
Para facer isto usaban unha máquina de coser que funcionaba xirando unha roda, coa man, situada no lateral. Tamén usaban tea, fío, agulla, dedal, cinta métrica e un xiz especial para a tea, ás veces tamén usaban un manequín. Naquela época este oficio tiña moito prestixio social, xa que todos necesitaban roupa.
Neste traballo gañábase pouco, dado a que non había case diñeiro e eran moitos familiares aos que tiñan que coserlles, excepto cando os clientes eran da realeza ou nobreza. Este traballo era para mulleres e homes, só que cando eran homes chamábanse xastres e só facían roupa para homes, e cando eran mulleres chamábanse modistas e facían roupa para todos.

Galego e portugués, Mateo Franco Tilve (4º ESO A)


O galego e o portugués son dúas linguas moi similares debido á súa orixe común, o galego-portugués que foi unha lingua xurdida en torno ao século IX na antiga zoa da Gallaecia romana. Esta nova lingua continuou avanzando acumulando multitude de obras literarias. Porén, coa entrada de Castela na zona norte de Gallaecia este idioma comezou a diferenciarse debido á influencia do castelán. Apareceron así dous novos idiomas e xurdiron o galego falado ao norte do Miño e o portugués ao sur.
O portugués tivo unha maior influencia a nivel global xa que a partir do século XV comezou a expandirse cara África sobre todo e tamén cara as Américas colonizando Brasil.

Pese á súa separación o portugués e o galego conservan moitos trazos en común, como pode ser parecidos na fonética ou no léxico. Persoalmente cando vixitei Portugal custoume en gran medida entender, mais non era pola dificultade do idioma, senón que máis ben era pola miña concepción do que sería o portugués, tamén cabe dicir que eu tiña dez anos, aínda que ao longo dos días me percatei de que se pensaba en galego en vez de en castelán entedía máis, e comecei a entender todo salvo algunhas palabras en concreto como, por exemplo, obrigado. Agora cada vez que falo cun portugués normalmente cando estou xogando a un xogo en liña, comunícome sen problema con el e cos libros do club de lectura pásam o mesmo entendo todo, xa que as palabras que non entendo sácoas por contexto.

En conclusión, pese á súa separación o galego e o portugués continuán posuíndo múltitude de trazos comúns, o que permite aos galegofalantes entender sen problema os lusofalantes. No entanto isto créame unha dúbida, os portugueses enténdenos igual de ben que nós a eles xa que nós temos máis influencia do castelán? Eu persoalmente creo que non, que si que nos entenden moi ben pero non igual de ben que nós a eles xa que hai palabras en castelán que non se parecen nada ao portugués.

Glaego e portugués, linguas irmás, Juan Sebastian Ángel Morales (4º ESO A)



Ao principio, nos inicios do galego e o portugués eran iguais, despois de todo eran o mesmo idioma, e ao longo do tempo as desputas e a política terminaron dividindo o idioma inicial en dous, un coma a lingua oficial dun reino e outro coma a lingua oficial dunha comunidade autónoma vinculada a outra a cal forzaba o castelán nos altos dirixentes de Galicia.
Nesa época ambos idiomas foron evolucionando ao longo do tempo dunha forma moi parecida, así sendo dous idiomas distintos con moitas similitudes entre si, convertendo ás persoas que coñezan un idioma case coma bilingües, así só tendo que estudar un pouco para lograr aprender o outro idioma. Nesta época debido ás diferentes situacións nas que se encontraban ambos idiomas, tiveron diferentes progresións moi dispares.
O galego tivo que loitar pola súa liberdade de expresión, e o portugués estendeuse polo mundo sendo capaz de existir en tres continentes distintos e tendo unha gran cantidade de falantes. Debido a isto as vantaxes aparecen tamén en territorio galego, xa que ao ser linguas irmás facilita tamén o movemento doas galegos ao longo daqueles países que coñezan o portugués.
Os galegos teñen a gran posibilidade de ser trilingües debido á capacidade de saber castelán, un idioma que se aprende de pequeno, o galego, que é o seu idioma principal e o portugués debido ao seu gran parecido co galego.

O coñecemento fainos ricos, cultos e tolerantes, Sara Sanz Fonta (4º ESO A)


Que son as fronteiras? Limítannos ou axúdannos a crear diferentes culturas e a vivir nun maior equilibrio? Son simple trámite ou presentan realmente un condicionamento para aqueles que viven ao outro lado dunha liña trazada no mapa? Paréceme interesante e enriquecedor expoñer estas preguntas, sobre todo cando falamos da historia de dúas linguas tan semellantes como son o portugués e o galego.
A cultura portuguesa e a galega estiveron unidas nunha durante moito tempo ao igual que ambas linguas. Na actualidade estas constitúen idiomas diferentes pero con moitas similitudes, tantas que, por exemplo, eu que son galego falante podo perfectamente ler un libro en portugués e viceversa. Isto ten moitas vantaxes, xa que facilita a comunicación entre persoas de diferentes territorios e permítenos viaxar con máis facilidade a lugares onde se fale esta lingua. O coñecemento fainos ricos, cultos e tolerantes fronte ao diferente.
Pero que pasaría se ambas linguas seguisen unificadas e ambos territorios fosen o mesmo? Creo que a separación do portugués e o galego permitiunos crear dúas culturas diferentes entre si e moi interesantes e ricas, das que todos podemos empaparnos e aprender. Neste caso as fronteiras permítennos preservar a nosa cultura, pero non podemos entendelas como unha limitación, senón como unha maneira de conservar as nosas tradicións e crear e enriquecer o noso saber pero aceptando a chegada de novas culturas que nos permitan evolucionar como sociedade. Na miña opinión temos que aproveitar a vantaxe que nos supón ter accesible unha cultura tan rica como a portuguesa e aprender da súa música, da súa literatura, da súa gastronomía e dos seus costumes. Que as fronteiras non nos limiten o coñecemento, facernos fortes no que nos une e aprender do que nos separa.

Falar portugués é máis fácil para nós ca para un madrileño, Águeda Millán Pena (4º ESO A)


O galego e o portugués son dúas linguas moi similares debido a que teñen unha orixe común. Mentres que Galicia queda subordinada política e culturalmente a Castela e o castelán comeza a introducirse nas clases da nobreza e na Igrexa, Portugal inicia no século XV a súa expansión territorial.

O portugués é a lingua oficial en moitos países (por exemplo Portugal, Cabo Verde, Angola, Mozambique...) e moitos outros sitios onde unicamente está presente (por exemplo, nas antigas colonias).

Grazas ao parecido entre os dous idiomas (galego e portugués) hai unha comprensión mutua entre os dous falantes, o cal nos permite aos galegos falar con máis de 200 millóns de cidadáns de Europa, África e Iberoamérica, xa que falan a nosa lingua irmá. 

Ao ser potencialmente trilingües, falar cun portugués é máis fácil para nós que para un madrileño, xa que as linguas non están tan próximas entre si. Todo isto tamén se ve fomentado polas escolas de idiomas e o sistema educativo galego, que ofertan a aprendizaxe da lingua portuguesa. Como puidemos ver na gráfica da páxina 172, o portugués é un dos 10 idiomas máis falados do mundo, polo que a nosa proximidade coa lingua é moi beneficiosa.

Tamén é moi agradable poder entender cancións ou algún libro en portugués (cando é en versión orixinal) e sen ter que meter un tradutor online ou un dicionario de portugués entre palabra e palabra.
(por exemplo, deixo aquí unha canción que, a min persoalmente, gústame moito, e está nun portugués brasileiro que se entende á perfección).



mércores, 29 de abril de 2020

Deberia existir máis portugués nas escolas, Carla Pita Balín (4º ESO C)


Quería comezar falando sobre a similitude destas dúas linguas, xa que é algo evidente, de feito, houbo una época onde nestes dous territorios se falaba a mesma lingua: o galego-portugués, isto derivou a que hoxe en día estas dúas linguas sexan tan parecidas. 
Claramente é unha cuestión moi positiva tanto para as persoas galego-falantes, coma para as persoas que falan portugués xa que non só te podes comunicar moi facilmente sen ter moita idea da outra lingua, senón que tamén é moi sinxelo conseguir aprendela e ser triligües. Por exemplo, a min ocorreume, xa que cando fun a Lisboa, Porto e outras cidades puiden comunicarme cos portugueses falando galego e eles en potugués, mais entendiámonos á perfección.
Eu creo que deberiamos aproveitar esta oportunidade todos os galegos xa que ademais de culturizarnos, poderíanos servir cara o futuro, ao viaxar, cun posto de traballo..., tamén creo que nas escolas debería poñerse o portugués como optativa antes que outras linguas como, por exemplo, o francés, xa que a nós, os galegos, nos queda moito máis preto e sería moito máis útil para a nosa vida.
Finalmente eu creo que deberiamos darlle unha opotunidade a aprender este idioma, xa que nós temos esa facilidade grazas a que sabemos galego e tamén creo que debería inculcarse máis nas escolas.

Estudar portugués no ensino convértenos en trilingües facilmente, Laura Neira Moroño (4º ESO C)


O galego e o portugués son dúas linguas moi próximas, mesmo nun momento chegaron a ser a mesma lingua: o galego-portugués da Idade Media. O galego e o portugués teñen moita literatura en común (como as cantigas de amigo, as de amor, etc) e son dúas linguas moi similares e o léxico das dúas linguas é moi parecido.
Os galegos temos moita facilidade para entender o portugués e comunicarnos cos máis de 200 millóns de persoas que teñen o portugués como a lingua oficial do seu país. Isto fai que os galegos poidamos ser potencialmente trilingües, xa que aprendemos o galego e o castelán desde pequenos, e temos moitas facilidades co portugués.
Isto facilita o acceso ao mercado laboral dos países lusófonos, facilita a comunicación e mesmo hai festivais de música lusófonos nos que interveñen moitos artistas galegos e espazos informativos, series, documentais, etc que son emitidos tanto na RTVG como na RTP, a cadea pública de Portugal.
Eu creo que en todos os colexios e institutos galegos debería haber unha opción de estudar o portugués como lingua optativa, igual que hai a opción de coller francés ou outras linguas. Creo que Isto axudaría a que moita xente aprenda portugués e se faga trilingüe.

Gozar da literatura lusófona é unha das vantaxes do portugués, Javier Martín Santos (4º ESO C)


Hoxe en día xa coñecemos perfectamente o mesmo, a orixe que teñen o Galego e o Portugués, pero a verdade, pese a que evolucionaran durante tantos séculos e séculos de maneiras tan distintas, seguen estando moi conectados entre eles, permitindo que os falantes de ambos idiomas poidamos chegar a entendernos mutuamente.

No só niso, tamén nos parecemos moito noutras cousas máis que temos en común, como na nosa cultura culinaria. Pero non estou aquí para falar de comida, o que quero chegar a dicir é que, unha das vantaxes do galego é a fácil comprensión que podes chegar a ter do portugués ou viceversa, podes chegar a conseguir un traballo en Portugal ou Brasil con máis facilidade de aprender o idioma; se ben é certo que o acento pode chegar a ser algo complicado... no apartado léxico parecémonos moito.

Isto permítenos compartir literatura co país veciño e poder chegar a entendernos moito mellor, o cal expande a cultura de ambos bandos, o portugués é un idioma falado por máis de 200 millóns de persoas, o cal nos ofrece moitas posibilidades de lecer tanto a nós como a eles.

En conclusión, ser ‘trilingüe’ é unha vantaxe única que os galegofalantes podemos chegar a alcanzala sen moita dificultade, ofrecendo unha gran recompensa por iso, non sen antes desfrutar dunha experiencia cultural inesquecible.

As posibilidades da norma reintegracionista, Inés No Mosquera (4º ESO A)

No inicio o galego e o portugués eran unha única lingua, o galego-portugués, ata que Portugal se independizou no século XII. Ao independizarse tanto os territorios como a lingua quedaron separadas, utilizando como fronteira ao río Miño (ao norte galego e ao sur portugués). 

Grazas a este vínculo é que hoxe en día podemos comunicarnos e comprender (polo menos mínimamente) o portugués. É verdade que hai bastante diferenza en comprender un texto e comprender cando che falan, xa que son glotófagos (e comen moitas vogais átonas), pero se poñemos un pouco de esforzo, e sobre todo se pasamos uns días rodeados desa lingua, non habería problemas en entender, se non é todo, case todo, o que nos din. 

Na actualidade o ter o privilexio de poder acceder á aprendizaxe dunha lingua propia e conectada a outra que alcanza a tanto territorio, é unha realidade da que moitos non se dan conta, e é unha pena porque grazas a iso temos máis portas abertas. 

Se puxeran en marcha o modelo reintegracionista, e non o actual proposto pola RAG (ao que acusan de castelanizar o galego), teriamos aínda máis posibilidades de ser trilingües, de mellorar a nosa comunicación co país veciño e de coñecer as importantes repercusións no ámbito social, cultural e económico.

Recomendación de música brasileira de Jorge Franco Pan (4º ESO A)

O portugués é un idioma que leva acompañando ao galego dende os seus inicios, prácticamente son dúas linguas irmás.

A miña relación co portugués eu considero que non é nin moi ampla nin tampouco escasa. Gran parte da miña familia vive en Natal, Brasil, polo que falo moitas veces con eles e non teño outra forma que relacionarme en portugués (salvo uns cantos que falan en español). Miña prima Cecilia de Brasil, vive en España polo que nos relacionamos moi habitualmente con ella. O meu pai adoita falar por teléfono case todo o día con xente de alí, polo que tamén o escoito un montón. De pequeno adoitaba escoitar música en portugués co meu pai mentres íamos no coche. Gustábame (e gústame) moito a canción Borboletas, de Víctor e Leo.



Volvendo ao tema da reflexión, eu creo que nós, os galegos, podemos chegar a ser trilingües con moitísima facilidade, xa que a proximidade do portugués, tanto polo idioma e pola proximidade xeográfica é moi influente.



Gustaríame poder estudar portugués, Antía Silva Moares (4º ESO C)


Empezando forte e sacando dúbidas xa poderiamos dicir que os galegos somos trilingües, por que? Pois é sinxelo, hai moito tempo, ambas linguas procedentes do latín, eran unha chamada galego-portugués.
Os galegos e os portugueses somos veciños, compartindo tanto tempo costumes e idioma é normal que a día de hoxe aínda que sexan linguas distintas, sexan moi semellantes e poidamos entender e comunicarnos entre nós sen maior dificultade (podémolo ver nas cancións ou libros escritos en portugués que entendemos case todo). Moitas das nosas palabras son iguais que en portugués e o acento non é moi distinto tampouco.
Actualmente o portugués é a lingua principal de 200 millóns de persoas, xa que se fala tamén en sitios como Brasil ou Cabo Verde. Polo tanto é evidente que isto aos galegos favorécenos moito á hora de falar de economía xa que seríanos máis fácil que a outras persoas ir traballar alí polo tema do idioma.
Para rematar, gustaríame dicir que estaría ben que puxeran aquí o portugués como lingua optativa para aprender como o francés xa que poderiamos aprender moito e moi fácil polas moitas semellanzas que temos.

Aprender portugués coa música é o xeito máis entretido, Marta González Raña (4º ESO B)


O portugués e mais o galego como todos sabemos son dous idiomas que forman parte de dous lugares que fan fronteira.  Polo tanto é moi sinxelo poder desprazarte dun lugar ao outro.

Durante o verán moitos portugueses veñen pasar o verán a Galicia e ao revés, tamén moitas empresas galegas fan repartos a Portugal e viceversa.

O que quero dicir é que nós como galegos podemos aprender o portugués con máis facilidade que outra xente, xa que temos o país ao carón noso. Desta forma os galegos poderiamos chegar a ser trilingües se quixésemos.

Unha maneira de aprender o portugués sería a través da lectura e dos filmes, e unha forma de aprender para os que lles guste ler ou ver películas. Tamén se pode aprender a través da música para min sen dúbida a forma máis entretida de aprender calquera idioma.

Agora falando un pouco máis sobre a miña relación persoal co portugués quixera falar de que a pesar de ter Portugal ao noso lado só fun dúas veces e unha delas non foi para visitar cidades, co cal non coñezo moito de Portugal. Unicamente o que coñezo é Lisboa que fun visitala coa miña familia un verán.

No meu caso poder aprender e escoitar falar o portugués sería sinxelo xa que teño familiares portugueses e un deles vive na Coruña.

O portugués é un idioma que se asemella moito ao galego e que teñen moitas palabras en común polo tanto podémonos entender facilmente un galego e un portugués.

Sendo galeg@ es trilingüe dunha maneira moi sinxela, Tania Viqueira Fuentes (4º ESO C)


Que supón a proximidade do portugués co galego na posibilidade das persoas residentes en Galicia? 

Pois eu creo que o portugués está máis presente do que moita xente pensa; de todas formas, é unha lingua que procede do galego, antigamente Portugal era Galicia, entón, quéiralo ou non algo de proximidade xa ten que ter.

Comparten un léxico moi parecido e iso aos galegos dános facilidade para entendelos, manter unha conversa… con isto quero dicir que os galegos somos trilingües e moitos case sen darse conta.

Estando en Galicia podes observar e encontrarás moitas cousas que poden recordarche a Portugal, falando no ámbito da festa case nunca pode faltar unha canción que non é galega pero si portuguesa, chámase A cabritinha, e, se facemos unha enquisa podo apostar que sairá un 99 por cento de galegos e galegas que si a coñecen.

Tamén, se investigas un pouco, descubrirás que fan festas moi parecidas ás que facemos aquí: un xantar con moita xente, música tradicional…

Como conclusión, penso que ser galega é unha sorte, xa que  tes unha cultura moi bonita e tamén es trilingüe dunha maneira moi sinxela. Isto é o que calquera comunidade autónoma quere para si. A ver quen se atreve agora a criticarnos por ser galegos ou galegas e falar o noso idioma.

En galego estamos no mundo lusófono, Sarai Coba Vázquez (4º ESO A)


O portugués é un idioma que se orixina na península Ibérica, en Portugal e forma parte das linguas romances, pero tamén se fala este idioma en Brasil, Angola, Guiné-Bissau, Mozambique, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe e Timor Oriental. O galego é un idioma que se orixina tamén na península Ibérica na comunidade autónoma de España, Galicia e forma parte das linguas romances que durante a Idade Media estivo estreitamente aparentado co portugués co que formou unidade lingüística.
O portugués e o galego conviviron xuntos durante moito tempo ata hoxe en día. Principalmente, Portugal e Galicia están situados xeograficamente moi cerca e fan fronteira. A fronteira que separa ambos sitios, chámase “A Raia”, ten 1214 km de lonxitude e é unha fronteira natural, o río Miño que termina desembocando no mar.
Castelao unha vez dixo: “O galego é un idioma extenso e útil, porque con apenas algunhas variantes pódese falar en Brasil, Portugal e nas colonias portuguesas”. O que dixo Castelao refírese a que ambas as linguas se parecen máis do que semella, segundo Castelao son linguas xemelgas.
Os galegos temos a sorte de que a nosa lingua é moi parecida a outra lingua que é máis falada en diferentes sitios. Nos falamos: castelán, galego e se dedicamos un pouquiño de tempo ao portugués poderiamos ser trilingües.
Persoalmente, a miña relación con portugués non é moi cercana, pero sempre  me pareceu un idioma moi interesante debido á súa proximidade coa nosa comunidade. 
Tamén hai dous anos coñecín unha muller da miña idade, chamada Mariana, que viña desde Brasil, São Paulo. Fixémonos moi amigas a pesar de que ela non entendía moi ben o noso idioma, pero cunha mestura de galego e castelán foi aprendendo a nosa lingua e agora ela sabe: Castelán, Galego, Inglés e Portugués de forma que se pode comunicar perfectamente sen ningún problema. Por iso é posible que os galegos que temos unha facilidade maior de aprender ese idioma, poidamos ser trilingües.

OFICIOS TRADICIONAIS: OS ZOQUEIROS, Gabriela López Iglesias (1º ESO C)


En Galicia había moitos oficios artesáns, como os afiadores, panadeiros, mariscadores e pescadores, toneleiros, tecedoras e palilleiras, alfareiros, redeiras, canteiros, zoqueiros... 

Agora poucos deles continúan existindo debido ás substitucións por novas técnicas para facelos. Eu vou falar sobre os zoqueiros; un oficio artesán que era o sustento de moitas familias galegas. Consistía en cortar o coiro ou o tecido, logo cosíase e engadíase a madeira. Os zocos realizábanse nun taller e empregábanse ferramentas como o trozón, banco, lámina, raseiro... 

O clima húmido e chuvioso de Galicia fixo necesarios os zapatos de madeira, ideais para camiños e campos mollados. Non tiñan moito prestixio social porque eran utilizados por campesiños pero co paso do tempo deixaron de empregarse para iso e empezáronse a usar para a moda. 

Este cambio produciuse grazas á familia Ferro. As persoas que facían os zocos eran tanto homes como mulleres (zoqueiros e zoqueiras). A maioría das persoas que facían os zocos antigamente non os vendían, facíanos para a familia. Outros levábanos ás feiras e vendíanos alí. Non son moi baratos porque os materiais que se utilizan son de moi boa calidade. 

O meu bisavó materno facía zocos para a familia e vendíaos aos veciños.

BANDA DESEÑADA GALEGA: LUIS DAVILA, Eva Peña Porto (4º ESO C)

Podemos coñecernos mellor, Carlos Cabrera Maduro (4 ESO C)


O galego  e o portugués son dúas linguas moi similares debido a que teñen unha orixe común. O parecido do galego vén dende moi antigo, xa que en épocas pasadas existiu o galego-portugués, e co paso do tempo a lingua foi dividíndose no que agora coñecemos como galego e portugués.

Esta proximidade fai que os galegos poidan ser case trilingües, xa que ambos, galego e portugués, son dous idiomas moi parecidos en canto á pronunciación dalgunhas palabras ou á súa gramática. Ademais, a semellanza de ambos idiomas permiten aos galegos coñecer un pouco máis da súa cultura.

O portugués é un dos idiomas máis falados no mundo con máis de 200 millons no mundo; isto quere dicir que os galegos teñen a oportunidade de entender un idioma que nunca estudaran e poden sacar proveito disto. O galego é falado por máis de dous millóns de persoas e isto tamén fai que os portugueses poidan entender o galego sen ningún problema.

Creo que os dous idiomas son moi similares aínda que non falo ningún deles. Eu só falo castelán e non teño moitos problemas para comprender o galego e portugués, aínda que o portugués cústame un pouco máis. Na miña opinión, os tres idiomas son moi parecidos e isto significa que millóns de persoas poidan comunicarse con outras sen ningún problema e poidamos coñecernos moito mellor!








A nosa facilidade para comunicármonos no mundo lusófono, Ariadna Alcalde Mahía (4º ESO B)


Moitas persoas desprezan o galego e senten certo rexeitamento á hora de falalo, sen nunca caer na conta de que grazas a esta lingua poderían comunicarse con xente en moitos lugares do mundo; non só dentro da península en Portugal, tamén con outros continentes en destinos como Brasil ou Angola. Ademais de que o galego pode sernos de moita utilidade en numerosos ámbitos.
Dentro da miña experiencia empreguei a nosa lingua para comunicarme con portugueses en cantidade de lugares diferentes. Por exemplo, por ser galega tiven a oportunidade de participar en torneos deportivos de Portugal e alí falar con competidores mantendo unha conversa sen ningún problema. Tamén estiven no país veciño de viaxe e sempre que necesitaba preguntar indicacións ou pedir algo nalgún restaurante facíao en galego.
Unicamente por sermos galegos temos a vantaxe de poder acceder ao mercado laboral dos países lusófonos. A nivel artístico existe a posibilidade de chegar tanto ao público castelán como ao de fala portuguesa a través de cancións ou da literatura.
En conclusión, temos que aproveitar que grazas á historia que nos relaciona con Portugal posuímos máis facilidades que outras persoas para comunicarnos con países estranxeiros polo simple feito de nacer en Galicia.

Convivindo xuntos, Gabriel Ares Bravo (4º ESO A)


A maioría dos países están en contacto con outros, xa que están no mesmo continente ou no mesmo anaco de terra. Isto fai que, aínda que sexan dous países distintos, haxa unha comunicación maior. Na maioría dos casos isto é bo, xa que os dous países se enriquecen culturalmente, aprenden unha maneira distinta de vivir á deles, novas receitas de cociña, novas maneiras de entreterse e novas linguas. 

Isto non só pasa en países ou continentes, pasa tamén con provincias e comunidades máis pequenas. No caso de Galicia, polo sur temos a Portugal, cos cales compartimos unha lingua simililar. A relación que temos con este lugar é bastante aberta, xa que nos entendemos linguisticamente, temos costumes bastante semellantes, as comidas tamén etc. 

Eu todos os anos vou aínda que sexa unha vez a Portugal coa miña familia, ás veces porque estamos nunha vila de Pontevedra e quédanos preto e outras veces imos unha fin de semana ou uns cantos días. 

Na miña opinión, os portugueses son xente moi aberta e agradable, xa que nos entendían ben e ensináronnos algúns lugares para pasar o día. Ademais, eran unha familia cun neno do que me fixen amigo, xa que tiñamos gustos parecidos e gustábanos aos dous o fútbol. 

Respecto á música e ao cine en portugués, non coñezo demasiado, aínda que hai algunha canción que teño escoitado e son algo semellantes, aínda que me custa un pouquiño entendelas. 

A relación no noso caso co portugués é boa, aínda que hai países que teñen inimizades, nós somos dúas linguas que levamos varios anos convivindo xuntos sen ningún problema.

As oportunidades laborais que nos ofrece o portugués, Olga Fernández Marta (4º ESO A)


O galego e o portugués son dúas linguas moi emparentadas e debido a isto para os galegos é moi fácil aprender portugués, unha lingua falada por millóns de habitantes en todo o mundo. Eu experimentei como co galego podes entender a maior parte do portugués cando no club de lectura de portugués comecei a ler algúns libros nesta lingua. Sen dúbida o vocabulario é moi semellante ao galego.

Sabendo portugués podes traballar e vivir en Portugal, Brasil… e por tanto gozar de moitas oportunidades. No caso da miña familia, cando os meus tíos terminaron a carreira de medicina, había moi poucas prazas en España. Por este motivo, decidiron ir a Portugal, onde había escaseza de médicos. Foron alí sen saber portugués, comezaron a traballar e a escoitar os seus pacientes sen saber todo o vocabulario e a lingua. Falando coas enfermeiras, os veciños, outros médicos… aprenderon portugués en moi pouco tempo. Logo foron a clases para mellorar a parte escrita, xa que a parte falada xa a tiñan controlada. Viviron en Braga 8 anos e aínda agora falan portugués perfectamente. Para eles vivir en Portugal foi a experiencia perfecta e a primeira oportunidade de traballar. Ademais, ao estar Portugal moi preto de Galicia toda a familia veraneaba con eles en Portugal.

Esta historia dos meus tíos é un gran exemplo de como o galego pode darche moitas oportunidades, xa que aprender portugués non che será difícil. Se eles non falaran galego, ao mellor non poiderían ir a Portugal a traballar e por tanto, estarían en paro ou traballando en malas condicións.


OFICIOS TRADICIONAIS: OS CANTEIROS, Pablo Direito Becerra (1º ESO C)


Dende a Idade Media, os canteiros son os protagonistas das sucesivas concepcións artísticas, (Románico, Gótico, Renacemento e etc.) nas que florecen as finas tallas. Os canteiros eran un colectivos do ancestral prestixio social, profesional e económico, tal como o demostra os privilexios reais de exección fiscal e protección da Facenda concedidos durante séculos átras.

Os descendentes destes traballadores herdaban por imitación ou coñecemento da talla e asumían unha formación autodidacta.

Na cantería usábanse pedra de granito (pedra país e lousa). En toda a xeografía galega a extracción destas pedras facíase a ceo aberto, para tallalas usaban ferramentas como mazas, cuñas, punteiro, etc. Era unha profesión que normalmente exercían homes.

Construían os famosos hórreos, inseparables do horizonte agrario galego. Tamén facían as famosas laleiras dentro dos fogares onde se cociñaba e se reunía a xente arredor para estar en familia ou cos veciños e onde pasaban o tempo e contaban historias, contos, lendas...

Menos mal que queda Portugal!!, Aitor Vigo Cruz (4º ESO C)


O galego e o portugués foron o mesmo idioma, o galego-portugués, dende a Idade Media ata a independencia de Portugal. Isto fixo que teñan moitas semellanzas. Nós, como galegos, temos a oportunidade de aprender moi facilmente outro idioma, que ademais nos pode servir para traballar en moitos países onde se fala portugués.

Os galegos podemos ser trilingües, porque o galego e o portugués teñen palabras moi parecidas. Eu penso que a Xunta de Galicia debería propoñer o portugués como lingua optativa. En Estremadura ou en Andalucía xa o están facendo.
Os portugueses e galegos non somos tan diferentes como algunha xente cre. Temos unha cultura moi parecida, e ademais témolos moi cerca. Sempre houbo moita relación entre Galicia e Portugal, sobre todo na “raia”.
Eu fun varias veces a Portugal e non tiven dificultade ningunha en entender o que dicían. Sempre me gustou que na televisión non traducisen os programas ou películas estranxeiras, porque é unha forma moi doada e entretida de aprender outros idiomas, coma o inglés. Tamén escoito música en portugués, e non teño ningún problema en entendela, e ademais é moi boa música. E a súa comida está moi boa: o bacalhau, o frango, a cataplana...
Pero deixando as miñas experiencias á parte, penso que estaría moi ben aprender portugués.
Como dicían os Siniestro Total: “Menos mal que nos queda Portugal”

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.