sábado, 7 de novembro de 2020

A vida cos dispositivos electrónicos, Luz Pose Reinoso (1º Bacharelato C)

Nos últimos anos observamos como a tecnoloxía é máis empregada e como evolucionou tan rápido. Todo o mundo, hoxe en día, ten polo menos unha televisión na súa casa. Todos os adolescentes teñen un teléfono móbil e, por suposto, todos utilizamos internet. Vemos como algo indispensable a utilización dos dispositivos electrónicos, pero, somos conscientes da dependencia que temos deles? E das consecuencias que poden traer cara o futuro? 

Na actualidade observamos como para todo incorporamos a tecnoloxía, xa sexa dende un robot aspirador ata internet para buscar unha receita. Sentimos que é necesaria para todo, que sen ela non podemos vivir. Poderiamos vivir un mes sen tecnoloxía? Nas aldeas, por exemplo, emprégase moi pouco, atoparémola en máquinas de campo, xa que antes se facía todo a man, en que haberá algunha televisión e teléfonos móbiles, pero non como na cidade, a maioría teñen modelos antigos, nada do último modelo de Iphone. Esta xente está menos contaminada, teñen máis comunicación, utilizan dicionarios, libros, fan eles as actividades do fogar… 

Nós, polo contrario, utilizámola ata nas comidas. Cando vaias a un restaurante, fíxate nas outras mesas, como moita xente ten o teléfono na man, como aos nenos pequenos lles poñen series para distraelos en vez de falarlles e interactuar con eles para que desenvolvan as súas capacidades. 

No noso futuro isto terá inconvenientes. A sociedade non distinguirá a vida real da virtual, os postos de traballo serán ocupados por robots, internet pensará máis por nós, o que diminuirá as capacidades do pensamento, de redactar, de comunicación, de memorizar… en conclusión, robotizarannos, seremos unha sociedade robotizada. 

En verdade, a xente que ten poder é o que queren que sexamos. Convén que non sexamos conscientes das cousas que pasan, que non teñamos criterios propios, que non reclamemos os nosos dereitos, que o único que fagamos sexa comprar e gastar diñeiro e deixarnos enganar. Temos que aprender a utilizar e controlar a súa utilización, saber onde incorporala e onde non e, aínda de seguir empregándola, saber seguir razoando e pensando por nós mesmos, sen deixarnos controlar e manipular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario