Xose tiña un mapa da vila que lle dera o seu pai, con el podían atopar esa casa abandonada oculta entre frondosas e robustas árbores a pesar de que o seu pai lle advertira moitas veces que non se lle ocorrera ir alí xamais, xa que escoitara rumores de que desaparecera xente de forma misteriosa e que xamais foi atopada ata o momento. Xose, que tiña 16 anos, ignorou as palabras do seu pai.
El e mais Pepe, o seu irmán menor, de 15 anos, decidiron ir investigala igualmente. Levaron unha bolsa cunha lanterna, un mapa e outros obxectos de exploración, ademais de comida e bebida. Esperaron a que fose de noite e deixara de chover para poder saír da casa. Os seus pais estaban durmindo e non se percataron da súa ausencia. Non se vía nada, a escuridade era absoluta, así que tiveron que guiarse polos pequenos camiños de pedra coa tenue luz da lúa e a iluminación das súas lanternas.
Ao cabo dun anaco puideron observar unha pequena estrutura que semellaba ser moi antiga e estar mal coidada, era a casa abandonada. Pepe mirou con máis detalle a casa, era moi arrepiante. O pequeno xardín que tiña na entrada traseira estaba cheo de lápidas sen nome. Fixouse nas ventás da parte superior e pareceulle ver a alguén, asomado, observándoo. Entroulle moito medo, así que decidiu volver con Xose, que se encontraba na parte dianteira da casa tratando de abrir a porta que estaba en moi mal estado. Pediulle marchar, insistindo en que non era boa idea permanecer alí, que era mellor ir cando estivese máis iluminado. Xose estivo a piques de aceptar a súa oferta pero, repentinamente, comezou a chover a cántaros. Non trouxeran nada para protexerse da choiva. A Xose ocorréuselle meterse na casa abandonada ata que parase de chover. Pepe non estaba moi conforme coa idea pero era a mellor opción nesas circunstancias.
No interior da casa apreciábanse unha serie de retratos de moitas persoas, e debaixo deses cadros tiñan, todos eles, un letreiriño coa data na que foron feitas, que roldaba entre os séculos XII e XIII, dependendo dos retratos. A simple vista todo parecía normal ata que… Xose fixouse nunhas pegadas molladas no chan que se dirixían á cociña. Alguén estaba vivindo alí! De súpeto, escoitaron un ruído moi forte na cociña, semellaba ser dun coitelo. A lanterna quedara sen batería cando entraran na casa, así que non puideron apreciar o rostro da persoa que estaba alí. Inmediatamente pecharon a porta da cociña para gañar algo de tempo, pero estaba moi vella e fráxil e non parecía que fose aguantar moito se alguén tentaba abrila. Pensaron en saír fuxindo da casa pero quedaron paralizados do medo cando viron outro escuro rostro, mirándoos fixamente e deixando cheo de sangue o cristal da ventá ao tocalo coas súas mans.
Estaban desconcertados, non lles saía a voz nin as súas pernas respondían polo terror que estaban a sentir. O ser que se encontraba na cociña conseguiu rompela, e cando nada podía ir a peor, escoitouse… - Xose, son o teu pai, non te preocupes, todo foi una broma. Feliz Samain! Pepe seguía petrificado polo medo, pero foi calmándose ao entender o que ocorrera. O seu pai, contáralles uns rumores falsos acerca da casa abandonada para intrigalos e así poder asustalos e darlles unha lección.
Volveron os tres tranquilos á casa, rindo, sen intencións de volver facer das súas. Xose preguntoulle a seu pai quen fora o que os mirara dende as xanelas coas mans cheas de sangue. O seu pai non entendía o que lle preguntaba porque aquela noite el viñera só…
Ningún comentario:
Publicar un comentario