domingo, 15 de novembro de 2020

SAMAÍN: As campás do mosteiro, Irene Quintela Valiño (4º ESO A)

 


Era unha noite fría e escura de Samaín na aldea, as únicas fontes de luz eran as luces de dentro da casa e unha cálida fogueira. Arredor dela estaban sentados Xoán, Lucas, Xiana e Alba. Mentres asaban e comían castañas e contaban historias de medo escoitaron un forte asubío, era tan agudo que sería capaz de romper un cristal, de feito, fixo anacos as fiestras da casa, non quedou nin unha enteira. Non só rompeu as ventás, tamén apagou a fogueira, deixando os catro amigos coa única iluminación da lúa e cun calafrío percorréndolles o corpo. Atemorizados correron cara dentro da casa e buscaron os avós de Xoán, non os atoparon, só viron unha nota que dicía: «Teu avó mais eu imos ao mercado a por leite. Un bico, o avó Xosé.» Unha nota aparentemente normal, os avós de Xoán ían ao mercado, todo iría ben se non fora porque á unha da mañá non está aberto o mercado e porque Xosé e Álvaro compraran catro litros de leite pola mañá. Mentres intentaban buscarlle unha explicación lóxica ao que acababa de pasar colleron uns farois e saíron ver se a alguén máis lle afectara aquel asubío.

Nada máis saír, o peche da porta foi acompasado co profundo son das campás do mosteiro, esas misteriosas campás que aínda que o mosteiro estivera abandonado seguían soando, ninguén sabía porque. As rúas estaban baleiras, desertas, sumidas nunha densa néboa que o único que permitía ver era aquel misterioso mosteiro. Coma se estiveran hipnotizados por aquel enigmático son ían andando cara o que se convertería no seu peor pesadelo. Cando entran no mosteiro quedan xeados, alí encontrábase todo o pobo; os seus amigos, a súa familia. Estaban todos pálidos, fríos coma o xeo, apenas teñen pulso, malia encontrarse os catro amigos paralizados e tremendo, ese endemoñado son das campás tira deles, son incapaces de volver cara atrás. Mentres soben pola escaleira de caracol que leva cara o campanario volven escoitar ese estrepitoso asubío que lles apaga os farois. Decididos, seguen subindo, cando Alba, quen ía de última, está preto de pasar a porta do campanario é atrapada por unha man xigantesca e peluda que lle tapa a boca e arrástraa lentamente cara unha das fiestras. Os tres amigos danse conta cando ven aquel xigantesco home sacando a Alba pola ventá. Xoán suplícalle que a deixe, Lucas e Xiana están paralizados. O home deixa caer a Alba e vai directo cara Xoán, Xoán baixa correndo as escaleiras chamando aos seus avós. De súpeto os seus avós aparecen e dinlle:

-Meu amor, que fas esperto a estas horas, tiveches un pesadelo?

Xoán estaba na súa casa, unha suor fría percorríalle a cara, o corazón estáballe a saír do peito. Ao día seguinte os avós de Xoán quedaron cos avós de Xiana, Alba e de Lucas. Ao unísono todos din:

-Onte o meu neto deu un berro terrorífico pola noite, tivo un pesadelo.

Despois de dicir todos a frase quedaron calados, pensando nas posibilidades de que só fora unha coincidencia, ao lonxe, volvéronse oír as campás do mosteiro acompañadas por un feble asubío.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO