O actual sistema educativo é un tema que xera múltiples opinións tanto a favor como en contra. Os pais, os profesores, os políticos… Todos falan deste tema e dan a súa versión del. Pero, quen lle pregunta aos nenos que lles parece o sistema educativo? Que pensan os estudantes do sistema que rexe as súas vidas e que viven e experimentan cada día? Ninguén o sabe. Así que como estudante de 1º de bacharelato invítovos a ler a miña humilde opinión sobre este controvertido tema.
En que momento son as matemáticas ou a física máis importantes que a felicidade e a estabilidade emocional dunha persoa? Isto pregúntome eu todos os días na mesma cadeira de sempre mirando a mesma pizarra. Hai anos xa que os alumnos dos centros non estudan coa motivación de aprender, senón que estudan para aprobar e parece que nin os profesores nin os seus superiores conseguen ver isto. Non o ven nin cando fan varias preguntas e ningunha é contestada, cousa que me parece moi estraña. Persoalmente, encántame aprender cousas novas, pero vexo necesario unha reforma no sistema educativo e na forma de dar as clases actuais, unha máis didáctica e con contidos máis concisos que motiven o alumnado e tamén o profesorado.
En definitiva, falta comunicación entre os profesores e os estudantes e materias como Auto-axuda emocional ou Defensa persoal, disciplinas prácticas para o día a día, ademais das necesarias para ter cultura e desta maneira opinión e voz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario