martes, 3 de novembro de 2020

A cultura é segura, Icía Díaz Kirk, 1º Bacharelato B

Estamos vivindo unha situación que todavía non somos quen de asimilar, e que está sendo moi complicada en todos os ámbitos incluído o económico para moitas familias, pero en especial para aquelas que viven da cultura. 

A cultura do noso país, que conforman todos eses músicos,escritores, artistas gráficos, cineastas, bailaríns, e todas as persoas que fan arte e que con ela nos recordan o que somos e o que buscamos, que nos conectan coa realidade e tamén nos desconectan cando o precisamos, é unha das grandes esquecidas. 

Eses artistas que nos difíciles tempos de confinamento nos fixeron as tardes máis levadeiras, os que sempre nos transmitiron cousas impagables e que marcaron dalgunha maneira as nosas vidas. Porque sen cultura non somos nada. Por iso mesmo agora tócanos a nós facer algo por eles. Podemos facer algo tan sinxelo como acudir aos seus concertos e actuacións, mercar os seus discos ou libros e estar aí para apoialos nun momento no que se atopan tan sós. 

Está comprobado que os contaxios non se producen nos concertos, pois teñen un gran control e son moi rigurosos á hora de cumprir coas medidas de seguridade. Os contaxios danse en reunións externas de familiares e amigos nas que non se respecta ningún tipo de medida. Tendo en conta isto, dende o meu punto de vista, aumentar o ocio cultural sería ata un beneficio para controlar os excesos de ocio nocturno ou festas. 

Ben é certo que a prioridade nestes momentos é estar sans, pero iso non ten que ver con que os artistas non poidan facer o seu traballo,que lles fai felices e lles dá de comer cunhas medidas de seguridade apropiadas e que nós, o público, non poidamos gozalo. Porque a cultura é segura, e porque a cultura tamén nos cura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario