domingo, 8 de novembro de 2020

SAMAÍN: A casa misteriosa, Javier Lafuente Maceira (4º ESO A)

A familia Martínez levaba máis de 10 anos vivindo nunha mansión situada no medio do monte, e como todos os días, o pai, chamado Pedro, saíu cazar algo para comer, xa que non había ningún supermercado preto, e ese era o modo de subsistencia da familia. O que non sabía Pedro era o que ía ocorrer…

Pasadas unhas horas, percatouse de que non daba encontrado o camiño de volta a casa, a pesar de que levaba moito tempo facendo rutas por eses mesmos lugares; era como se lle borrasen a memoria. Debido a que o tempo pasaba e pasaba, fíxose de noite, e tivo que meterse nunha casa abandonada para protexerse do frío e do mal tempo. Unha vez alí, inspeccionou un pouco todas as estancias e atopou unha habitación completamente limpa e con cousas doutra persoa. Isto significaba que alguén máis habitaba esa casa, pero como non tiña outra opción, foi para unha habitación baleira, tapou a porta cun armario, e intentou pasar a noite.

Os minutos pasaban e pasaban, pero Pedro non era capaz de conciliar o sono por culpa duns ruídos procedentes do soto. Por medo, non saíu da habitación ata o día seguinte. Aparentemente, non había ninguén na casa, pero cando foi mirar a habitación que tiña cousas de persoa, encontrouse cunhas botas, un chuvasqueiro e un diario xusto na entrada, os cales non estaban a última vez que revisara ese lugar. Sen pensalo, Pedro colleu o diario e marchou desa casa, e tras máis de catro horas conseguiu atopar o camiño de regreso ao seu fogar.

Cando chegou, evidentemente, o primeiro que fixo foi falar coa súa familia e explicarlles todo o que acontecera. Unha vez aclarado todo este conflito, Pedro colleu o diario e abriuno, pero o que había na primeira páxina deixouno sen palabras. Textualmente, poñía “Axuda Pedro”. Ante isto, non soubo como reaccionar, e o primeiro que fixo foi preguntarse a si mesmo; quen escribiría iso?, como sabía o seu nome?, por que lle pediría axuda?

Nos días seguintes, Pedro non parou de pensar unha e outra vez no mesmo; debería volver a esa casa? Finalmente, a pesar da oposición da súa familia, decidiu voltar, para ver dunha vez por todas que estaba pasando.

Chegou sobre as seis e media da tarde, xusto cando empezaba a anoitecer. Entrou con moito coidado na casa e sen facer ruído avanzou polo corredor. Foi entón cando se fixou nun retrato colgado na parede que tamén poñía “Axuda Pedro”. Foi nese intre, cando parou e pensou en saír da casa e olvidarse de todo, pero a súa consciencia non llo permitía. Seguiu avanzando e comezou a baixar as escaleiras que daban ao soto do que saían os ruídos da noite anterior. Unha vez alí, a porta pechouse como se dunha película se tratase, e apareceu detrás del un home co mesmo chuvasqueiro e as mesmas botas que Pedro vira na habitación. Sen que puidese reaccionar, o home botóuselle enriba, e comezou a loitar contra el coma se o quixese matar. Por sorte uns gardas forestais pasaron preto da casa, e ao escoitar o ruído foron inmediatamente ver o que pasaba e conseguiron acabar co home do chuvasqueiro.

Despois disto, Pedro estivo moitos días sen falar, e non foi capaz nin de dicirlle á policía que acontecera. Intentou olvidar todo esta historia e non pensou nunca máis nesa persoa que lle pedira axuda… 


Ningún comentario:

Publicar un comentario