En Derry todos se coñecían e se levaban ben, pero a pesar diso sempre foi unha vila moi misteriosa e desconcertante. Había moitos anos que desaparecían nenos do pobo e ninguén daba con eles. Nos libros, toda a historia do lugar contiña cousas que non entendiamos e que facía que non tivera demasiados visitantes. En 1957 comezaron a desaparecer moitos máis nenos do normal. Pero aí é onde fomos enganados. E se vos dixera que Pennywise, o pallaso ao que acusabades de comer os rapaces, non foi o culpable? Pois si, en realidade, os culpables son “os perdedores”. Todos crestes que uns nenos non podían facer tal cousa, e pode que aínda sigades sen crelo, pero por iso estou aquí, eu, Pennywise, para contarvos o que pasou.
O grupo tiña agochados máis de 1.000 nenos na parte subterránea da casa da rúa Neibolt, era como a súa cova secreta. Desde sempre traballei no circo de Derry, pero o dono tivo que me botar debido a que xa non tiña suficientes cartos. Eu tiña que buscar un sitio onde quedar e esa casa era perfecta para min. Pero claro, eu non tiña nin idea do que ía pasar alí abaixo. Ata que un día oín gritos de nenos e baixei para investigar. Alí estaban os sete, Bill Denbrough, Edward Kaspbrak, Richard Tozier, Beverly Marsh, Benjamin Hanscom, Stanley Uris e Michael Hanlon. Coñecíaos a todos de velos polo circo nas festas, pero eu sempre pensara que eran bos rapaces. Esperábanme aí de pe, con todos os corpos desmembrados dos nenos que capturaran detrás deles. Non quería nin pensar o que tiveran que pasar eses nenos. Georgie Denbrough, o irmán pequeno de Bill era un dos asasinados. O seu propio irmán.
Como alguén era capaz de facer iso? Estaba aterrado. Xa comprobara que eses nenos non tiñan corazón, pero sigo sen saber por que querían matar. Tiñan cadeas, bates de béisbol e barras de metal. Querían acabar comigo, iso tíñao claro. Golpeáronme tantas veces que eu non puiden facer nada. Quedei sen parte da cara pero conseguín arrastrarme ata un pozo e caín nel. Non sei como, pero despois de moito tempo, conseguín saír de alí. E aquí estou para advertirvos do que vos pode pasar se ides visitar Derry. Agora todos estades avisados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario